“A Festa da Queizán”, artigo de Marga do Val

Artigo de Marga do Val en Sermos Galiza (foto cedida):
“A Festa foi a festa de todas. Alí estaba a Academia á que por xustiza pertence María Xosé, á que lle gusta pertencer, unha Academia Feminista, unha academia do feminismo. O 9 de xuño foi un día dunha festa en que a felicidade, o cariño, o recoñecemento pairaba en todo momento no ambiente
Nós queriamos celebrar unha Festa, unha Festa para e con Queizán, unha idea que tivo Sabela Mouriz e que nos foi transmitindo. Xuntámonos Amanda Álvarez, Ana Romaní, Inma Rodríguez, Pilar Abreu, Ánxeles Castiñeiras, Camiño Noia e fumos botando redes, de Compostela a Vigo e a Galiza toda. Espallando a idea, botando redes e gardando o segredo máis secreto. Tiña que ser unha homenaxe do feminismo galego a María Xosé Queizán, por recuperarmos as mans, por tratar das evidencias, procurar no segredo da Pedra Figueira, facer da palabra silenciada unha Festa, darlle a volta ao discurso para nos incluír, cuestionar a metáfora patriarcal, celebrar o espertar das amantes, situarse fóra, na outredade, escribir a cólera, denunciar que ten o seu punto a fresca rosa. Nós, queriamos esa Festa para Queizán, nós, que nunca abrimos a súa obra como unha flor, nós, as amigas, as irmás, queriamos recoñecer, agradecer, gozar.
Moito camiño andou Queizán desde aquel día en que as monxas de Cluny, coas que só estaría dous anos, a quixeron expulsar por levar no entroido un bonito vestido, tuneado do da primeira comuñón, cun escote palabra de honor, todo un escándalo; finalmente, á nena adiantada, Sisi antes de Sisi, conmutáronlle a pena por un cero en piedade, grazas á intercesión da súa nai. Laxeiro retratouna co vestido e escribiu: Para a nena máis bonita de Galicia. Moito camiño foi o que andou esta nena bonita, logo, moza existencialista convencida con pixama negro, que trouxo de París as novidades literarias que haberían de influír tanto na Nova Literatura Galega, moito foi o que aprendeu, o que se concienciou, entre a escrita e a publicación de A orella no buraco e a escrita, nunha noite de San Xoán, daquel artigo da revista Triunfo en que se preguntou ¿Por qué es barroca la literatura gallega? Pasaran dez anos e un matrimonio. Logo viría un crédito á honra concedido pola Caixa de Aforros de Vigo que lle permitiu realizar os seus estudos de Filoloxía en Compostela mentres educaba unha filla e un fillo, crédito que devolveu co seu traballo de profesora de lingua e literatura galega, co que gañou a vida. Nunca lle regalaron nada, ao feminismo tampouco. (…)” (…)

Homenaxe da Fundación Rosalía de Castro ás escritoras Xohana Torres, Pura Vázquez, Mª do Carme Kruckenberg e Xela Arias

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Daquelas que cantan: Xohana Torres, Pura Vázquez, Mª do Carme Kruckenberg e Xela Arias. Con Helena González Fernández, Chus Nogueira, Mercedes Queixas Zas e Camiño Noia. Homenaxe da Fundación Rosalía na Casa de Rosalía. Pode escoitarse aquí.”

Gondomar: presentación de O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?

A sexta feira 9 de febreiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo), en Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza o segundo faladoiro de anticipación do ciclo Galicia 2017-2020: presente e futuros, no que intervirán Alberte Blanco Casal e Alfredo Suárez Canal na presentación do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?, publicado por Sermos Galiza. O acto será presentado por Camiño Noia Campos.

Vigo: simposio internacional E irei madr a Vigo, os 23 e 24 de novembro

Especial “Carlos Casares. Un país de palabras”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Programa especial sobre Carlos Casares, primeira parte, con Hakan Casares, Luís González Tosar, Antón Riveiro Coello, Ramón Loureiro, Arcadio López-Casanova, Antón Baamonde, Miguel-Anxo Murado, Marina Mayoral, Camiño Noia, Suso de Toro, Xesús Rabade Paredes e Darío Villanueva.
E segunda parte, con Hakan Casares, Damián Villalaín, Montse Pena, Ana Luna, Iolanda Galanes, Luís González Tosar, Carme Riera, Manuel Forcadela, Bieito Iglesias, Rexina Vega, Jon Kortazar, Henrique Monteagudo, Víctor Freixanes, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra e Arcadio López-Casanova.”

Camiño Noia: “O Pergameo Vindel é un orgullo, non só para a cidade de Vigo, senón para toda Galiza”

Entrevista a Camiño Noia en Sermos Galiza:
“Un dos acontecementos máis agardados do 2017 era o regreso do Pergameo Vindel a Galiza como parte dunha exposición e un congreso sobre o tema. Pero o asunto está parado por mor das desavinzas múltiples entre institucións. Falamos do tema con Camiño Noia, catedrática de Galego da Universidade de Vigo, que participou no acordo coa Morgan Library Museum de Nova York e organizadora do congreso.
A primavera pasada anunciouse unha exposición no Marco, titulada Os tesouros da cidade’ que acollería o pergameo e que chegaría en préstamo desde a Pierpont Morgan Library de Nova York. Estaría aberta do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018. E un congreso académico asociado cos maiores especialistas na materia. Pero a día de hoxe todo isto está no aire. (…)
– Sermos Galiza: Como filóloga, cal dirías que é a importancia deste pergameo?
– Camiño Noia: Primeiro, é un dos únicos pergameos das cantigas. Sabes que as cantigas están recollidas en grandes cancioneiros. E os cancioneiros están escritos no século XVI os dous grandes: o da Vaticana e o cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Hai un terceiro que está escrito no século XIII, pero ese só ten cantigas de amor. Pero as cantigas de amigo, como son as de Martin Códax, coñecíanse porque estaban recollidas nestes cancioneiros desde o século XVI, pero esta xoia, que se atopou forrando un libro de Cicerón, é un dos pregos, é o que escribían os propios trovadores. E ten a música das cantigas, cousa que non ten ningún cancioneiro. É unha peza importantísima, a partir de aí empezáronse a facer as melodías das cantigas. E só o feito simbólico de que este manuscrito foi feito en Vigo no século XIII é un orgullo, non só para a cidade de Vigo, senón para toda Galiza, porque o que contén está estudado en todo o mundo por grandes codicólogos e por grandes filólogos de universidades de todo o mundo. Fíxate o valor que lle dan na Morgan, que é unha fundación privada. Díxome o outro día Alonso Montero que cando o encontrou Pedro Vindel -chámase así polo libreiro que o atopou- quixo vendelo e Emilio Pardo Bazán fixo xestións co Ministerio daquel tempo para que o pergameo quedase en España pero os americanos deron máis dólares do que lle daban aquí, e o Vindel vendeuno ao mellor postor. Eles sabían o que tiñan entre mans. Sabían que un país que non ten historia, quere ter a historia de Europa e pagaron bastante e téñeno alí en exposición, sen saber nada del, porque na transcrición que lle puxeron debaixo tiñan moitísimas faltas, así que mandámoslle un escrito coas correccións ao que responderon moi agradecidos. Tampouco sabían exactamente que tiñan entre mans, pero parecíalle que era un pergameo medieval que tiña importancia.”

A Coruña: mesa de debate Novos vieiros para a narrativa, o martes 20

O martes 20 de decembro, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas), na Coruña, terá lugar a mesa de debate Novos vieiros para a narrativa, coa que a Real Academia Galega finaliza o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera a mesa: Fina Casalderrey.
Relatores:
Ramón Nicolás. Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas.
– Camiño Noia Campos. A narrativa oral e costumista na época das Irmandades.
Dolores Vilavedra. As coleccións de narrativa breve, ¿continuidade ou renovación? O caso da colección LAR.