Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“As campás da igrexa de San Xiao de Bastavales, freguesía do Concello de Brión, no val da Amaía, ecoan no corazón da voz feminina deste poema no que non poucos rosaliólogos quixeron ver a propia Rosalía. As súas badaladas espertan nesa voz, talvez autobiográfica, un proceso de rememoración no que se cadra non son alleos os días vividos na contorna, concretamente na aldea de Castro de Ortoño, onde segundo a memoria oral e de vida a autora deste poema incluído en Cantares gallegos puido morar parte da súa nenez coidada pola familia de seu pai, o crego Manuel Martínez Viojo.
O que si é claro é que Bastavales e a redonda padronesa foron eidos caros a Rosalía, que os cantou en múltiples ocasións, deixando constancia da fermosura destas terras e dos sentimentos que as mesmas arrincaron nela. As Torres da Hermida en Lestrobe, o propio Padrón, as veigas de Laíño e outros espazos cruzan as súas composicións, que entrañan así un especialísimo territorio poético e vivencial xa para sempre inmortalizado pola súa escrita.
Imposible non pasar por Bastavales e morrer de soidades na paisaxe rosaliana. As coitas das vivencias fuxidías consomen aquí e os recordos veñen mainos polo que foi e xa non será, con Rosalía sempre.”
Arquivos da etiqueta: Cantares Gallegos
Compostela: presentación de I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos
Carballo e Muxía: actividades polo Día de Rosalía
A Coruña: estrea do documental I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos
Inglaterra: os BBC Singers cantarán un poema de Rosalía de Castro
O xoves 15 de xaneiro, os BBC Singers han cantar en galego, durante un concerto adicado á música iberoamericana. Será unha peza do compositor británico Daniel Saleeb da que a letra está tomada do refrán e da primeira sección do poema ‘As de cantar’ de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Han cantar a letra en galego (segundo a edición definitiva de 1872) e na tradución inglesa de Erín Moure (segundo a edición inglesa de Small Stations Press-Xunta de Galicia).
O concerto hase emitir na Radio 3 británica, e pódese escoitar en directo a partir das 19:30 hora local (20:30 hora en Galicia) ata as 22:00 h., ou en diferido durante unha semana despois da data do concerto, nesta ligazón.
Ferrol: proxección de I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos
Cuestionario Proust: Henrique Dacosta
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Dacosta:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pesimismo. Pertinacia tamén, naquilo que me implico de motu proprio, ou porque mo piden.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A afabilidade e a prudencia, e seren agradecidas, se o caso o require.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade e franqueza.
4.– A súa principal eiva?
– Ser despistado e algo rosmón.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir sen ter que traballar (no traballo convencional) e dedicar o tempo a esoutras actividades máis edificantes como a escrita.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun ser moi querido. Ficar incapacitado de maneira que tivese que depender doutros.
8.– Que lle gustaría ser?
– Recoñecido polo que fago.
9.– En que país desexaría vivir?
– Australia talvez.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Rosa talvez.
12.– O paxaro que prefire?
– O xirín se cadra, ou o chasco, non sei ben.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eça de Queirós, Alejo Carpentier, Vargas Llosa, Ivo Andrić…
14.– E na poesía?
– Rosalía, Pessoa, Machado…
15.– Un libro?
– El siglo de las luces, A ponte sobre o Drina, Conversación en la Catedral, O crime do Padre Amaro…
16.– Un heroe de ficción?
– Astérix/Obélix, Leo Caldas, Mario Conde (de Leonardo Padura)…
17.– Unha heroína?
– Xerezade, a Mai da familia protagonista de As uvas da ira, Isabel de Barreto (heroína tamén na vida real), a rapaza ou moza que dá inicio e remate aos Cantares gallegos…
18.– A súa música favorita?
– O jazz: Oscar Peterson, Stéphane Grappelli… O pop/rock: REM, U2, Police/Sting… Músicas do mundo e cantautores: José Afonso, Luis Pastor…
19.– Na pintura?
– A pintura flamenga en xeral, Velázquez, Caravaggio, o impresionismo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– José Saramago, José Luis Sampedro, José Afonso… Hipatia, Rosalía, Concepción Arenal, Hildegart…
21.– O seu nome favorito?
– Catarina.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O incivismo e a má educación, endémicos na nosa sociedade actual.
23.– O que máis odia?
– A mediocridade con pretensións do contrario, e a falsidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin, Franco…
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Don de xentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mentres durmo, sen enteirarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A saudade e a introspección.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A ignorancia, porque é moi atrevida (ou porque é o último que se perde, sendo máis mordaces).
30.– Un lema na súa vida?
– O que non é agradecido non é ben nacido.”
Ciclo de conferencias Rosalía, Cantares gallegos e…
A Coruña: acto de entrega dos Premios do IV Certame de curtas para Rosalía
Ás 20:00 horas terá lugar unha conferencia de Pilar García Negro e Manuel Ferreiro sobre Rosalía, Cantares Gallegos e Eduardo Pondal.
Un A Fondo sobre Rosalía de Castro, a escritora que nos revela a nación que somos
Desde Sermos Galiza:
“Coordenado polo escritor e crítico literario Francisco Rodríguez, autor da imprescindíbel e monumental Rosalía de Castro, Estranxeira na súa Patria (AS-PG, 2010), con este A Fondo Sermos Galiza culmina o traballo de divulgación realizado este 2013 co gallo da conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos.
Canda Francisco Rodríguez, escreben neste A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza que con este chega ao seu número 48, a profesora de Literatura galega Celia Armas García; a catedrática e o catedrático da Universidade de Granada, Aurora López e Andrés Pociña, respectivamente; a profesora da UDC e escritora, María Pilar García Negro; a profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e a catedrática da Universidade de Maine (EUA) e escritora, Kathleen March.
Luz contra os prexuízos deformadores
O caderno leva como título xenérico o de Rosalía de Castro, a liberación das tebras, e os seus textos son iso, luz esclarecedora contra os “prexuízos e lentes deformadores” que encubriron á poeta nacional galega e que, infelizmente, a continúan encubrindo aínda nos nosos tempos.
Este A Fondo especial, como as páxinas que durante 6 meses publicou Sermos Galiza no seu semanario en papel, fai parte do proxecto sobre Cantares gallegos promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña.
“Este A Fondo“, pódese ler na súa capa, “non é máis que outro mergullo no mundo rosaliano, un manancial de auga pura, onde saciar a nosa sede de coñecemento, de fermosura, esperanza e orientación como galegos e galegas de nación nunha situación crítica”.
As e os colaboradoras/es deste traballo, todos eles rosalianas e rosalianos, deitan luz sobre distintos aspectos dunha figura -muller, escritora e galega consciente- sen a cal é imposíbel entender xa non a literatura da Galiza, senón a súa historia.
Como afirma no seu artigo Kathleen March, Rosalía “defendía e dignificaba o país galego porque sen Galiza ela non tería identidade, posto que española non era…”.”