Feira do Libro de Mondoñedo: actividades literarias destacadas do mércores 26

O mércores 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Mondoñedo (na rúa da Fonte), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
19:30 h. Presentación de Celebración de Mondoñedo, de Antonio Reigosa, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Elena Candia, Fran Bouso, Isidro Novo, Xosé Vizoso e Miguel Toval.
20:30 h. Presentación de O tabú na traslenda, de Isidro Novo, publicado por Urco. No acto participan, xunto ao autor, Antonio Reigosa e David Cortizo.

Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 22 e domingo 23

O domingo 23 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 22
12:00 h. Teatro: A galiña azul, de Carlos Casares, por Fran Rei.
13:00 h. Encontro con X. Ricardo Losada, arredor de Bótame deste mar fóra, publicado por Toxosoutos. No Salón de Plenos do Concello de Rianxo.
20:30 h. Presentación do libro Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuela Vázquez Coto.

Domingo 23
13:00 h. Presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, coordinado por Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, publicado por Alvarellos. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello. No acto, coorganizado pola editora, o Concello e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, participan, xunto aos coordinadores, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.

A Esgueva (O Carballiño): Insua dos Poetas: IX Festa da Palabra, dedicada a Carlos Casares

“A Fundación Insua dos Poetas, presidida por Luís González Tosar, celebrará o vindeiro 15 de xullo na Esgueva (O Carballiño) a Festa da Palabra, novena edición dun acto cultural que reúne aos principais axentes culturais do país. Participan escritores, artistas plásticos, editores e outros protagonistas do mundo da cultura galega, xunto coa vecindade das parroquias de Madarnás, Cangues, Loureiro e Corneda, veciños e veciñas da Ínsua dos Poetas.
No transcurso do acto literario farase entrega dos premios “Ínsua dos poetas”, fallados polo xurado da propia fundación (composto por Luís González Tosar, Xavier Castro Martínez, Inma López Silva, Miguel Anxo Fernández, Celso Sánchez, Gisela Barbeito e Acisclo Manzano).
Este ano, ademais, o evento estará dedicado ao escritor ourensán Carlos Casares, que será homenaxeado coa inauguración dunha escultura de Manuel Buciños, baixo o título “Vento ferido”. Unha réplica en bronce desta escultura recibirana as persoas premiadas na novena edición deste importante e central evento cultural.” Desde a Fundación Carlos Casares.

Carballo: actividades do sábado 8 e domingo 9 na Praza dos Libros

Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para os días 8 e 9, destacamos os seguintes:

Sábado 8
11:00 h. Ruta urbana polos murais dos proxectos de arte urbana carballeses, coa participación de escritores e escritoras autores/as do libro Derrubando muros con pintura (Engaiolarte), que falarán dos seus relatos nos distintos murais sobre os que escribiron.
11:30 h. Brinca vai, concerto infantil de Paco Nogueiras (sobre o libro-CD homónimo publicado por Kalandraka).
13:00 h. Fernando Cabeza Quiles presenta Galicia, o galego e os galegos, publicado por Toxosoutos.
19:30 h. Rosalía Fernández Rial e Diana Varela Puñal asinarán exemplares das súas últimas obras.

Domingo 9
11:30 h. Presentación do proxecto Phottic e das súas publicacións Mar de invernía, de Héctor Pose e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga. Con Manuel Pan.
18:30 h. O contador de contos: Alba Bermúdez representa unha peza infantil baseada en relatos do escritor Carlos Casares.
20:00 h. Presentación de Devalar sen pel, de Modesto Fraga, publicado por Espiral Maior, que acadou o 19° Premio de Poesía Concello de Carral. Acompañarao o tamén poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
21:00 h. Atesourando a palabra. Homenaxe poética e musical ao benquerido Paco Souto, poeta, axitador cultural, político e percebeiro, recentemente falecido.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 8

O sábado 8 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
19:45 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.