Desde Nós Diario:
“Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), o sábado 27 de maio entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.
O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.
Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”
Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.
Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.
Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.”
Arquivos da etiqueta: Carlos García Martínez
Xusto Beramendi: “No provincialismo empézase a pensar Galiza doutra maneira e a través dunha prensa propia”
Entrevista de Antón Escuredo a Xusto Beramendi en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que elementos salienta desa primeira etapa do provincialismo?
– Xusto Beramendi (XB): É o nacemento do galeguismo político con datas moi concretas, entre 1840 e 1846. Rematou abruptamente co esmagamento do levantamento de Miguel Solís. O contexto político en que nace ese provincialismo situámolo ao remate da guerra carlista e o triunfo dos liberais, coas pugnas no conxunto do Estado español para ver que modelo de estado se vai construír.
Nesa loita, sobre todo entre moderados e progresistas, na Galiza comeza a aflorar una corrente de pensamento diferenciada que xa non ten como referente político principal España senón Galiza.
Outro factor importante son as influencias intelectuais que proceden de Europa. Por exemplo, o historicismo alemán que dá moito valor ás características culturais dos diferentes pobos. Tamén o celtismo, que nace en Francia no século XVIII e que introduce na Galiza Verea e Aguiar.
Foi importante un grupo de estudantes universitarios liberais en Compostela, fundamentalmente, que se xuntan na Academia Literaria e reciben esas influencias europeas.
Politicamente son progresistas e empezan a pensar Galiza doutra maneira a través dunha prensa propia e participando tamén en política dentro da Xunta revolucionaria do Partido Progresista e no levantamento de Solís de 1846. Crean un novo sistema no que ten moito valor a obra de Antolín Faraldo. Todo isto desemboca no levantamento de 1846.
– ND: Como configura o provincialismo o concepto da Galiza?
– XB: Vai mudando na evolución ao longo do galeguismo histórico. Nesta primeira etapa do provincialismo, a Galiza é unha nación no pasado, mais no seu presente é unha parte do Estado español que ten unhas características propias, facendo máis fincapé na cuestión histórica que na cultural. En función desa personalidade que ten reivindican que teña dereito a un maior peso na política do Estado, mais non pasan de aí.
No segundo provincialismo, na xeración de Rosalía e Murguía, isto cambia e xa a Galiza comeza a ter conceptualmente unhas características propias dunha nación de seu, aínda que este concepto non se traduza, de momento, ao plano político que chegará despois co rexionalismo a finais do século XIX e, posteriormente, serán as Irmandades da Fala as que cheguen a un concepto pleno da Galiza nación con todas as súas consecuencias.
– ND: Anunciou que deixaba as súas responsabilidades no Museo do Pobo Galego. Que representou para vostede formar parte da institución?
– XB: Seguirei no Padroado mais xa ía sendo hora de renovar agora que se pode facer esa transición dunha maneira ordenada.
Para min o Museo representou unha das partes máis importantes da miña vida profesional e pública. Como o foi para García Martínez [cofundador e anterior director do Museo do Pobo Galego]. Os dous temos dous fillos e sempre dicíamos que o Museo era como o noso terceiro fillo. Partiu dunha idea que tivemos en 1976 e que, por fortuna se puido materializar, creo que conseguimos que tivese continuidade.
– ND: Como lle gustaría que evolucionase agora o Museo?
– XB: En primeiro lugar que se completase o programa museístico, que semella que está en vías de concretarse. Tamén que mantivese e aumentase esa influencia e respecto que ten a maior parte da xente polo Museo. Por último, que se garanta o relevo xeracional dos que xa estamos “medio desaparecidos” e que siga adiante.”
Compostela: presentación do libro Obra completa de Carlos García Martínez, o 3 de decembro
Justo Beramendi: “Fraguas foi un militante galeguista moi activo ata o 36”
Entrevista a Justo Beramendi na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A relación que vostede mantén co Museo do Pobo Galego tamén vén daquel momento fundacional, no ano 1976. Como foi a incorporación de Fraguas?
– Justo Beramendi (JB): A xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deunos, ás persoas que daquela estabamos na súa comisión de cultura, vía libre para intentar constituír o padroado que tiña como obxectivo a creación do museo. Daquela comisión formabamos parte dous ausentes, desgraciadamente, Rafael Baltar e mais Carlos García Martínez, María Xosé Fernández Cerviño e eu mesmo. O que fixemos foi recrutar as persoas que pensamos que poderían formar parte do padroado, entre elas, por suposto, todos os galeguistas históricos que aínda vivían, e foi así como don Antonio Fraguas foi unha das persoas que fomos buscar. (…)
– RAG: Co gallo do centenario do nacemento de Fraguas, o Museo do Pobo Galego editou en 2005 un volume conmemorativo no que vostede analiza un aspecto da súa vida que segue a ser pouco coñecido, o seu activismo político galeguista antes de 1936. Por que sucede isto?
– JB: Porque nunca foi un dirixente, o único cargo orgánico que tivo foi o de secretario xeral do Partido Galeguista da Estrada, por iso o chamei o soldado fiel. Era fundamentalmente un militante de base, pero moi, moi activo, e sobre todo tiña moi claro cales eran as necesidades do país e do nacionalismo. Supeditaba todo na súa actuación política a iso, aínda que ás veces houbese cousas coas que non estaba moi de acordo.
– RAG: Por exemplo?
– JB: Isto queda moi claro cando nos anos 30 o Partido Galeguista afonda a división entre esquerda e dereita, ou entre filorrepublicanos demócratas e politicamente laicos, como Castelao e Bóveda, e os politicamente católicos. Fraguas é un home moi relixioso, pero a pesar diso mantense fiel ao que decida a maioría do partido, a esquerda, en contra do que fan íntimos amigos seus e colaboradores na primeira radio de Galicia, como Xosé Mosquera, O vello dos contos.
– RAG: Tamén foi moi activo na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
– JB: Si, coma todos os militantes, se hai Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936 é grazas ao Partido Galeguista. A pesar de ser un partido minoritario, centra todas as súas enerxías desde a súa fundación cara á consecución da autonomía de Galicia, incluso os escindidos participan na campaña do referendo activamente. (…)”
Compostela: homenaxe a Carlos García Martínez
Padrón: entrega do Pedrón de Ouro a Carlos García Martínez, a título póstumo
Carlos García Martínez. Dende a raíz coas ventás abertas
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Percorremos os pasos do director do Museo do Pobo Galego na súa despedida. Podemos escoitar este especial sobre Carlos García Martínez aquí.”
Faleceu Carlos García Martínez
Segundo vén de comunicar o Museo do Pobo Galego ás persoas e entidades asociadas, faleceu o Director desta institución e Socio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Carlos García Martínez, o 17 de marzo de 2018. A AELG lamenta fondamente a súa perda.
A capela ardente estivo aberta o domingo 18 de marzo pola tarde, e o luns, día 19 de marzo, desde as 10:00 até as 16:00, momento en que partirá o cortexo fúnebre cara ao cemiterio de Santa María de Figueiras.