Celia Parra: “Algúns dos pioneiros da videopoesía son galegos. Aquí xa había este xénero nos 80”

Entrevista de Montse Dopico a Celia Parra en Praza:
““O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”. Así se presenta Versogramas, un proxecto da produtora Celia Parra e os directores Belén Montero e Juan Lesta que iniciou hai unhas semanas unha campaña de micromecenado en Verkami. Os seus obxectivos son partillar o “abraio” ante o traballo dos creadores e creadoras deste formato e reivindicalo como xénero independente, ademais de axudar a derrubar os mitos que poidan quedar sobre a poesía como arte seria e difícil. Falamos con Celia Parra, coprodutora executiva de Versogramas, -que naceu como unha idea súa-, e con Belén Montero, guionista do mesmo, e codirectora, xunto con Juan Lesta. Esferobite asina a produción, e Isaac Garabatos a música orixinal.
– Praza (P): Xa faciades videopoemas. Como chegades ao proxecto do documental, desde a vosa experiencia?
– Celia Parra (CP): A idea naceu hai xa anos como un proxecto de mestrado, no que tiven como titora a Fernanda del Nido. Xa entón contactei con Esferobite -Belén Montero e Juan Lesta- para ir máis alá do proxecto de máster, e comezamos a traballar xuntos. Eu xa era poeta pero foi daquela cando descubrín o mundo da videopoesía, que me apaixonou. Belén e Juan eran, ademais, os compañeiros ideais, porque fixeran videocreación e algúns videopoemas moi interesantes…
– P: O documental forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe un libro+DVD que publicaría Galaxia. En que consiste?
– CP: É un proxecto transmedia. Primeiramente pensamos só no documental, pero despois engadimos outros formatos para tratar o tema dun xeito máis amplo. Versogramas é, así, un documental, un webdoc, unha exposición, unha longametraxe experimental que recolla a nosa visión sobre a videopoesía e un libro+DVD que incluirá o documental e textos arredor dos videopoemas de autores e autoras galegos, en principio… A peza central de Versogramas é o documental, que se ramifica no resto dos produtos.
– P: Que é o webdoc?
– CP: A idea é que calquera persoa poida experimentar coa videopoesía. A través dunha plataforma que é coma un xogo, no que o usuario ou usuaria poida crear o seu videopoema, subindo os seus propios materiais, buscando materiais online ou escollendo materiais da biblioteca do webdoc. Despois, a plataforma proporciona unhas guías que van levando á persoa por todo o proceso: análise do texto, uso de metáforas, traballo coas imaxes, selección de música… O obxectivo é que a persoa cree o seu propio videopoema, que despois pode compartir nas redes sociais, e que quedará na base de datos do webdoc. O webdoc é un proxecto que levariamos adiante coa axuda de A Navalla Suíza. (…)”

Lapis, cámaras… acción!, por Celia Parra

Desde (Abro paréntese…, blog de Celia Parra:
“O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora.
Baixo o lema Lapis, cámaras… acción!, puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.
Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.
Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández.
Graciñas a todas e todos!”

(Fotografía de Mercedes Queixas)

As novísimas da poesía galega, reunidas no volume No seu despregar

Desde Sermos Galiza:
“(…) No seu despregar son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro.
Elas e eles son, por orde alfabética: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.
Como xornalistas que somos buscamos unha traza común, unha etiqueta para os nomear, até que nos demos de fuciños coa realidade en forma de editora, Antía Otero, que negou a maior: “No seu despregar’ nace como unha idea de recompilación, de antoloxía, non con ningunha vontade de etiquetar. O propio título refírese a iso tamén, como unha idea de despregable, de mostra. No texto das editoras falamos precisamente disto. Creo que son autores que comparten un tempo, seguramente un espazo e seguramente uns referentes, unha ollada ou non. O único é que hai é un marco cronolóxico, pero non hai máis”.
E abonda: “Este libro, desde logo, non quere marcar unha xeración. Nace como unha mostra de cales son eses novos impulsos na escrita, pero sen vontade de xerar ningún nome nin etiqueta. É máis, nace con outra vontade, de que sexa o lector/a quen descubra os vasos comunicantes entre eles, que os hai”. (…)
Preguntada polas diferenzas desta xeración coa anterior, Otero considera que “para min a xente que escribe agora está moito menos encorsetada, moito menos acomplexada, que cren moitísimo máis no que fan, e cunha altísima calidade. Pero sobre todo esa idea de que non teñen corsé nin o queren. Creo que as voces deben ser individuais, compartes un tempo físico e non significa que sexas igual que o teu compañeiro. Non quere dicir nada que nazas parello a alguén. Por iso nos gustou a idea de despregar. Interesanos moito a idea non xerárquica, a idea transversal do despregable, coma quen desprega un mantel nunha mesa e séntanse todos a comer. E non hai postos de mellores nin peores e xenéranse sinerxias entre eles. Esa é a vontade deste libro. Non é a de buscar unha etiqueta en ningún caso”.”

Compostela: presentación de No seu despregar

O sábado 17 de decembro, ás 12:00 horas, en Hervorefervor Bar (Praciña das Penas, 2), en Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía No seu despregar, editada por Apiario. No acto intervirán as coordinadoras do proxecto, Dores Tembrás e Antía Otero (Apiario), e escoitaranse textos de vari*s autor*s presentes na antoloxía da man de: Antón Blanco, Afra Torrado, Rosalía Fernández Rial, Ismael Ramos, Celia Parra, María Vilas, Tamara Andrés, Paula Antía Rey, Helena Salgueiro, Jesús Castro, Noelia Gómez e Alba Cid. A sesión vermú estará acompañada pola selección musical de Madreselva djs.

A Coruña: Escola de Escritoræs: Obradoiro de iniciación á videopoesía, con Celia Parra. Lapis, cámaras… acción!

Obannerlapiscamaraaccionceliaparraacorunha Obradoiro de iniciación á videopoesía Lapis, cámaras… acción!, dirixido por Celia Parra, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG co patrocinio e colaboración do Concello da Coruña.

Inscríbete, gratuitamente, desde o 26 de setembro ás 09:00 ao 10 de outubro, ás 23:59, aquí. As doce prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro, para persoas maiores de 16 anos, desenvolverase os xoves desde o 13 de outubro de 2016 ata o 24 de novembro de 2016, en horario de 19:00 a 20:30 horas, no Centro Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña.

Información:
Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX)
Tel: 981 184 294
cmix@coruna.es

Impartido por Celia Parra, escritora socia da AELG, licenciada en Comunicación Audiovisual e especialmente interesada na fusión da poesía con outros formatos e linguaxes.

Proponnos un obradoiro de iniciación para achegarse á videopoesía. Traballaremos con textos, pensaremos en imaxe, escoitaremos a música das palabras e levaremos versos á pantalla para crearmos o noso propio videopoema.

Allariz: III Poemagosto. Festival da poesía

14479668_893141170788281_2484684991059979014_n

Crónica videográfica da Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes (IV)

ObannerXLC2015 sábado 28 de novembro tivo lugar a Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes, actividade da AELG co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, no Centro Ágora da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:

Presentación do obradoiro “De palabra a píxel. Introdución á videopoesía”. Con Mercedes Queixas:

De palabra a píxel. Introdución á videopoesía (obradoiro) 1/2, por Celia Parra Díaz.

De palabra a píxel. Introdución á videopoesía (obradoiro) 2/2, por Celia Parra Díaz.

De palabra a píxel. Introdución á videopoesía (obradoiro-coloquio) 1/2, con Celia Parra Díaz.

De palabra a píxel. Introdución á videopoesía (obradoiro-coloquio) 2/2, con Celia Parra Díaz.

Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o martes 7

OFeira do Libro de Ourense 2016 cartaz martes 7 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:00 h. Presentación de A boca do monte, de Celia Díaz, publicado por Editorial Galaxia. Participa, xunto á autora, Francisco Castro. Durante o acto intervirá o grupo musical As da Chispa.
20:00 h. José María Eguileta asina Dende Auria, na caseta da Deputación de Ourense.
21:00 h. Presentación de Silencio percutido, de Eva Veiga, gañadora do XXXI Premio de Poesía Cidade de Ourense, por Editorial Espiral Maior.