Desde Agadic:
“O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos.
A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
Interpretado por César Cambeiro, un Don Eduardo xa octoxenario e comesto pola neurose, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, Eduardo, que non é outro que el mesmo cando comezaba de mozo a súa carreira literaria. Adrián Ríos é o actor que se pon neste papel, formando parte dun elenco que completa Alba Bermúdez como Rosa, a criada da pensión na que o bardo pasou a última etapa da súa vida.
O traballo actoral é un dos principais reclamos desta montaxe, xa que se presenta como un elaborado exercicio de interpretación ao servizo dun texto, dunha lingua e duns personaxes. O espectáculo conta tamén cunha coidada iluminación, obra de Afonso Castro, e cunha música orixinal composta por Guillerme Fernández que lle dá vida sonora ás emocións e ao ritmo escénico.
Con dúas tramas entrelazadas e ritmos cambiantes, Fillos do sol combina momentos de reflexión (sobre a historia e a creación literaria, a lingua e a identidade colectiva), de comicidade (da expresión e da sabedoría popular), e de emoción (pola tenrura das relacións humanas).
A venda anticipada de entradas para as funcións de público xeral (xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.) está xa dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”
Arquivos da etiqueta: César Cambeiro
A Coruña: Festival do 40 aniversario da A. C. Alexandre Bóveda
Proxecto Dragal 2015-2016
Desde o Portal da Lingua Galega:
“Por terceiro ano consecutivo está en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega. Trátase dun programa multidisciplinar de animación á lectura e de creación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación que parte da triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad.
Este curso, Dragal chega a 260 alumnos e alumnas da ESO, de 6 centros educativos das catro provincias galegas. Nel están directamente implicados arredor de 20 docentes
Durante o segundo trimestre, os dragaliños centraranse na lectura da novela Dragal I. A herdanza do dragón, na decoración ou dragalización do seu centro (que levará todo o curso) e na Competición de Dragaliños, que nos permitirá descubrir os sabios de cada Fraternidade do Dragón.
No terceiro trimestre o alumnado dos centros participantes dedicarase, por un lado, a tarefas de análise da novela, de pescuda sobre onomástica persoal e de creación (elaboración de cómics, de caricaturas, de finais alternativos…); por outro lado, á investigación e pescuda de mostras do noso patrimonio material e inmaterial. Cómpre destacar aquí a colaboración no proxecto do actor César Cambeiro, co seu espectáculo de contos populares e lendas Tradición 2.0, que motivará o alumnado a seguir indagando nese mundo máxico.
O proxecto rematará, igual ca nos cursos anteriores, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na novela de Elena Gallego, onde o alumnado das fratenidades de donas e cabaleiros de Dragal convivirá e participará nunha xincana de orientación polo monte e na procura dun prezado tesouro que só poden acadar de forma colaborativa na fin do proceso. Durante o xantar poderán coñecer a escritora e algún dos personaxes da novela que lle entregan un recoñecemento a cada participante.
O Proxecto Dragal este curso vaise facer visible a través desta mesma web . Aquí os dragaliños van atopar xogos relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e ver todos os materiais que sestán a producir os dragaliños e dragaliñas.
Centros participantes no Proxecto Dragal 2015-2016:
CPI Plurilingüe de Vedra
IES Nº 1 (O Carballiño)
IES de Becerreá
CPI Cernadas de Castro (Lousame)
IES de Cotobade
IES Salvaterra de Miño.”
Fisterra: recital poético e musical en homenaxe á Vaca de Fisterra
O Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”
Carnota: II Serán na fonte de Vilar de Carnota
A Coruña: presentación de Hai que matalos a todos, de Héctor Carré
O xoves 7 de maio, ás 20:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Hai que matalos a todos, de Héctor Carré, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e os actores Daniel Currás, Luísa Merelas e César Cambeiro, que farán unha lectura dramatizada de textos da novela.
Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño
Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.
Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.
Vídeo de Luz verde, curtametraxe baseada en Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso
“Baseada no relato 01 AM de Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso, a curtametraxe Luz Verde pode ser visionada xa na rede. Cun reparto protagonizado por Dorotea Bárcena, César Cambeiro, Miguel Llanderas, Susana Álvarez, Carmelo Abollo, Uxío Couto e Martín Martínez, Luz Verde relata a historia dunha muller de Cabral, en Vigo, que chega ao centro da cidade, de madrugada, para mercar un medicamento nunha farmacia. A curtametraxe está producida por Urban Pig Films e dirixida por Sara Casal.” Vía Xerais.
Caldebarcos, Carnota: II Simposium Monte Pindo, o sábado 3 de decembro
O sábado 3 de decembro, no Centro Social de Caldebarcos, terá lugar o II Simposium Monte Pindo, baixo o título O Olimpo Celta, a debate, organizado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. O programa é o seguinte:
– 10:00 h. Inauguración, por César Cambeiro, presidente da Asociación de Veciños Xurde Caldebarcos.
– 10:30 h. Ponencia A custodia do territorio, por Margarita Miguens Busto, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
– 12:00 h. Presentación do libro Máxico Tear Natural, polo escritor Xosé Manuel Lobato, publicado en Alvarellos, que ao remate asinará exemplares.
– 13:00 h. Ponencia Anfibios e réptiles de Galicia e do Monte Pindo por Moisés Asensi Cabirta, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da Guía dos anfibios e réptiles de Galicia.
– 14:00 h. Xantar.
– 17:00 h. Proxección en estrea do documental Sendeiros ocultos: Ruta á Moa, por Andrés López Romero, director.
– 17:30 h. Recital poético por Xoán Lestón.
– 18:00 h. Ponencia por Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
– 19:00 h. Debate aberto.
– 20:00 h. Saúda por Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota.
– 20:30 h. Clausura por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
Para máis información e participar no xantar, cómpre anotarse ata o 2 de decembro no teléfono 667 39 31 73.