
Entrevista de Manuel Xestoso a Marta Dacosta e Marga do Val en Nós Diario:
“(…) “En moitas ocasións denígrase a vocación política como motor da literatura, nunha contradición manifesta coa vontade das autoras. Sucedeu por exemplo, con Luísa Villalta, sobre a que se elaboraron moitos discursos que puñan o foco naqueles aspectos menos controvertidos da súa obra. Non queremos que suceda isto con Begoña Caamaño, quen declarou por activa e por pasiva que a súa militancia feminista e a prol da lingua galega facía parte indisolúbel da súa obra literaria”.
A escritora Marta Dacosta falaba así con Nós Diario sobre a autora de Morgana en Esmelle pouco antes da súa intervención na palestra Feminismo e literatura. O compromiso na escrita feminina. O exemplo de Begoña Caamaño, que tivo lugar onte no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Compostela e na que interviron Marga Do Val e a propia Dacosta. O acto, segundo esta última, tiña vontade divulgativa, “queremos dar a coñecer a figura de Caamaño en todas as súas moitas facetas. Ela sempre se declarou feminista e aplicou esa definición tanto ao seu traballo de activista como a toda a súa obra literaria”.
Caamaño foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), e militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e na Marcha Mundial das Mulleres -organizadora do acto de onte-, polo que salientar esta faceta da súa figura resulta fundamental para comprender a globalidade do seu traballo creativo.
As dúas novelas polas que é máis coñecida Caamaño inciden nesa necesidade de ter presente o seu compromiso á hora de avaliar a súa obra. Marga Do Val explica que “Circe ou o pracer do azul revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista; Morgana en Esmelle enlaza a materia de Bretaña co mundo de Cunqueiro, desde unha mirada feminina que opón os roles de Morgana e de Viviana aos propósitos e intencións de Merlín”.
Do Val inscribe ese proxecto de “reescribir” os mitos desde a óptica feminina nunha corrente que remonta á novela de Christine Brückner Se tiveses falado, Desdémona, ou a algunhas obras de María Xosé Queizán ou de Xohana Torres, en cuxos versos se apoia Caamaño. (…)”
Arquivos da etiqueta: Circe ou o pracer do azul
Beatriz Maceda, escritora: “As dúas novelas de Begoña Caamaño son das mellores da literatura galega do século XXI”
Entrevista de Sergio Casal a Beatriz Maceda en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decide reunir a Circe, Penélope, Morgana e Xenebra para narrar a vida de Begoña Caamaño?
– Beatriz Maceda (BM): Begoña deulles voz ás mulleres na mitoloxía, xa que sempre eramos retratadas como perversas. Deulles voz para expresar sentimentos e emocións. Despois de reler as súas dúas novelas foi cando pensei: “Agora que Begoña non ten a súa voz propia, que sexan elas as que contan a súa historia”. Era devolverlle a Begoña esa voz.
– ND: A amizade é o fío condutor do libro. Que di iso da maneira de estar no mundo de Begoña?
– BM: Dío todo. Eu fixen unha chiscadela co título. De Circe ou o pracer do azul, pois escollín Begoña ou o pracer da amizade. Porque para Begoña as súas amizades eran moi importantes e queríana moito. Iso comprobeino cando escribín o libro. É unha biografía que nace da sororidade de todas elas. Non falei con todas as súas amigas, pero súa irmá, por exemplo, compartiu comigo partes da súa infancia moi importantes. Todas as persoas coas que falei foron moi xenerosas. Nunca saberei se este libro lle gustaría a Begoña Caamaño, pero o que si sei é que lle gustaría como foi escrito, e foi escrito desde a sororidade e o afecto das súas amizades. Sen a información que me deron, sería imposíbel escribir este libro. (…)”
Foz: actos destacados do sábado 30 na Feira do Libro
O
sábado 30 de agosto terá lugar a penúltima xornada da Feira do Libro de Foz (na Praza Conde de Fontao, con horarios de 17:30 a 22:00 horas). Dentro dos actos programados, destacan os seguintes:
– 19:00 h. Presentación de Como ser reintegracionista sen que a familia o saiba, de Eduardo Sanches Maragoto, publicado en Edicións do Cumio. Xunto ao autor, participa tamén Cándido Meixide.
– 19:30 h. Begoña Caamaño asinará exemplares de Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul, na caseta da Libraría Bahía.
– 21:00 h. Presentación do libro O ciclo do pan e as súas construcións na Mariña de Lugo. Eiras, cabozos, muíños e fornos, de José María Leal Bóveda, publicado pola Deputación de Lugo.
Lisboa: presentación de Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño
O
sábado 14 de maio, ás 18:00 horas, na libraría Ler devagar de Lisboa, preséntase o libro Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño, publicado en Galaxia. No acto intervirán Emilio Xosé Cambeiro López, Urbano Tavares Rodrigues, e a propia autora.
O luns 16 de maio, ás 19:00 horas, na Faculdade de Ciências Sociais e Humanas de Lisboa, coa participación tamén de Emilio Xosé Cambeiro, manterá un encontro-coloquio cos alumnos da Universidade Nova de Lisboa.