Carlos Quiroga gaña o XXV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“O xurado do XXV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais nomeou como gañadora a obra titulada A costela galega de Eça de Queirós, de José Carlos Quiroga Díaz, por tratarse dun ensaio formalmente ben estruturado, con rigor científico e destinado a un público amplo de Galiza e Portugal, que demostra a raíz galega de Eça de Queirós, con abundante documentación tanto administrativa como histórica. No deseño desa xenealoxía tamén se fai un pormenorizado retrato das relacións comerciais, culturais, sociais e humanas entre o sur de Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XVII e XIX, cuestionando mesmo a idea de fronteira.
Concede tamén os seguintes accésits, con dereito á publicación:
· Da ría ás Rías Baixas. Paisaxe, turismo e territorio, primeiro accésit de Breixo Martins Rodal, polo seu rigor científico e porque senta as bases para posíbeis investigacións futuras.
· O Corpus Christi de Allariz, segundo accésit de Juan Antonio Seara Ferro, polo tratamento de documentación inédita que realiza sobre esta temática.”

Un estudo sobre o entroido ourensán, premio Risco de ciencias sociais

Desde Sermos Galiza:
Festividades de inverno na provincia de Ourense é o título do ensaio co que Carlos Xabier Ares Pérez (Viana do Bolo, 1971) vén de se facer co premio Vicente Risco de ciencias sociais, outorgado pola Fundación Risco.
Subtitulado Máscaras, personaxes e rituais, a obra baséase, explica o xurado, “nun extenso traballo de campo, unha catalogación dos personaxes e figuras do entroido e das festas de inverno ourensás”. “O traballo poderá ser moi interesante para un coñecemento das figuras que protagonizan estas festividades”, engade o fallo.
Carlos Xabier Ares Pérez publicara numerosos achegamentos ao entroido en xornais ou publicacións periódicas. Escribiu ademais varias contribucións á historia da súa localidade natal, Viana do Bolo, onde a máscara tradicional é o boteiro.
O xurado da XXIII edición do premio Vicente Risco formárono Luzia Oca, da Universidade de Trás-os-Montes; António Carlos Gomes, do mesmo centro; Teresa Devesa, polo Concello de Allariz -sede da fundación-; Manuel Carrete, polo de Castro Caldeas; e con José María Eguileta, da fundación, como secretario.”

Allariz: presentación e entrega do premio á obra gañadora do III Concurso Balbino de Relatos, Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda

Allariz: Festival Internacional de Poesía Poemagosto