Raúl Dans gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais

Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu no dramaturgo Raúl Dans.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva e as deliberación tiveron que realizarse telematicamente. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.”

Bases do II Premio Laudamuco para Textos Teatrais

Desde Erregueté:
Laudamuco, señor de ningures foi a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional. Aconteceu o dezaseis de maio de 1978. Van alá corenta e un anos. Detrás daquela audaz iniciativa estaba a “Compañía Antroido” e, dirixindo ese proxecto escénico, o noso ilustre veciño Roberto Vidal Bolaño. Aquela decisión foi determinante para o o conxunto do sistema teatral galego e sen ela non se podería explicar a historia posterior do noso teatro.
Coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega, contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca, o IIº Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2020, de acordo coas seguintes

BASES
Primeira.- Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega.
Segunda.- A dotación económica do premio será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora, que correrá a cargo de Edicións Positivas. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables. Asemade, entregaráselle ao/á gañador/a unha obra artística conmemorativa.
Terceira.- O tema e a extensión da obra será libre. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remitente, dirixido á Casa da Cultura de Brión, Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión (A Coruña).
Deberase indicar no exterior do sobre IIº Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais, 2020.
Nun sobre anexo pechado deberá figurar, no exterior, o lema e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor.
Cuarta.- O prazo de admisión de orixinais rematará o día 14 de febreiro de 2020.
Quinta.- O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral; será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo Alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
Sexta.- Na proposta de resolución do premio haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente; en dito acto farase pública a composición do xurado. O veredicto do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Brión, que é o órgano competente para resolver o premio.
Sétima.- A entrega do premio terá lugar nun acto organizado polo Concello de Brión o 16 de maio de 2020, corenta e dous aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Oitava.- Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.
Novena.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.”

Unha obra de Xavier Lama sobre policías infiltrados nos movementos sociais, premio Laudamuco de teatro

Desde Sermos Galiza:
Na miña alma ouvea un lobo é o título da peza coa Xavier Lama (Guntín, 1962) gañou a primeira edición do premio Laudamuco de teatro, organizado polo Concello de Brión. Baseada en feitos reais, trata da infiltración de policías nos movementos sociais ingleses. O texto, publicado por Edicións Positivas, acaba de chegar ás librarías.
“Esta é unha obra de ficción conectada cunha casuística real que ten a súa orixe na Gran Bretaña”, explica o autor nunha nota introdutoria, “en 2011, no xornal The Guardian, comezan a agromar os primeiros datos: uns 80 policías realizaran labores de espionaxe utilizando a identidade doutros tantos nenos mortos”.
A infiltración policial, desenvolta entre 1969 e 1994, sucedeu en agrupacións ecoloxistas, antinucleares ou nas denominadas “antisistema”. E chegou a tal punto que “polo menos 40 mantiveron relacións duradeiras, de carácter íntimo, con mulleres activistas que non tiñan nin idea de que se deitaran durante anos con axentes secretos. De varias desas parellas naceron fillos”.
O xurado do Laudamuco conformárono Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villalaín. Salientou de Na miña alma ouvea un lobo “a capacidade do autor para explorar con notable eficacia dramática a través de sucesos e personaxes tomados da realidade zonas escuras de funcionamento dos Estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”.
As “potencialidades escénicas” dunha obra estruturada en pequenas escenas foi outra das características destacadas, xa que “favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.
O premio Laudamuco recolle o seu nome da peza de Roberto Vidal Bolaño Laudamuco, señor de ningures, estreada o 16 de maio de 1978 e considerada unha das primeiras funcións profesionais do teatro galego. Está dotado con 7.000 euros e a edición en libro da obra da man de Positivas.”

Os concellos de Padrón, Ames e Brión converten os escenarios vitais de Rosalía de Castro nunha ruta turística

Desde Fervenzas Literarias:
“O stand de Galicia en Fitur foi o escenario escollido para presentar a nova ruta As pegadas de Rosalía, posta en marcha entre os concellos de Ames, Brión e Padrón.
A través desta iniciativa preténdese, en primeiro lugar, achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a poboación, e ademais, desenvolver un itinerario cultural a partir dunha ruta xa existente deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra e que une os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro. Dito itinerario está concibido para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta e pasa por lugares como San Xoán de Ortoño (Ames), a igrexa de Bastavales (Brión), a colexiata de Iria Flavia (Padrón), o Pazo de Arretén (Padrón) e a Casa de Rosalía de Castro (Padrón).
As pegadas de Rosalía é un novo produto turístico e cultural que responde ás actuais demandas das viaxeiras e viaxeiros, como son a busca de inmersión en destino, o respecto á identidade do territorio, o contacto coa poboación local ou a protección do medio ambiente, entre outras. Para a difusión e promoción desta nova ruta creouse diferente material promocional (chapas, folletos informativos, mapas da ruta, mochilas, cartelería, etc) e un entorno web que recolle toda a información desta iniciativa.
Asemade, os rexedores dos tres concellos implicados nesta iniciativa agradecen a colaboración prestada durante o proceso de creación da ruta As pegadas de Rosalía por parte de Xosé Vizoso, autor do deseño da portada do material promocional, e por parte da Fundación Rosalía de Castro, pola cesión de imaxes e o material documental empregado.”