Arquivos da etiqueta: Concello de Cambados
Fefiñáns, Cambados: conferencia de Marcos Calveiro
Bases da XX edición do Premio Plácido Castro de Tradución
“A Fundación Plácido Castro, da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.
1. Poderán participar na convocatoria da vixésima edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego e publicadas no ano inmediatamente precedente en formato papel ou dixital. Tamén poderán concorrer as obras libres de dereitos e publicadas na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html pola persoa que as asina, ou xa entregadas e pendentes de publicación en BiVir.
2. A presentación como candidata ao premio implica a conformidade coas presentes bases.
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da Fundación Plácido Castro, sita en Rúa Nova, 4 36630 Cambados, Pontevedra ou por correo electrónico a presidencia@agpti.org ou info@igadi.gal, antes do 1 de maio de 2022.
4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas en representación das seguintes institucións: Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Real Academia Galega, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación da Fundación Plácido Castro. Estará facultado para resolver calquera dúbida a propósito destas bases e poderá instar o asesoramento que considere oportuno.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”
As Fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós
Desde a Xunta de Galicia:
“As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu hoxe na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.
A entrega do Premio Otero Pedrayo será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite. Está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.”
Cambados: Semana do libro 2020
A rosa de cen follas, de Cabanillas, obxecto dunha edición bilingüe en xaponés e galego a cargo de Takekazu Asaka
Desde
a Xunta de Galicia:
“Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador maior da nosa lingua propia no Xapón, presentou hoxe no compostelán Pazo de San Roque a nova edición bilingüe de A rosa de cen follas, de Ramón Cabanilllas, ao xaponés-galego. Asaka, Takiño en Galicia, xa lle dedicara en 2013 a Cantata ao autor cambadés. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación, na que reiterou “o agradecemento infindo da lingua e da cultura galegas, de todas e todos os galegos, a Takekazu Asaka, que é aquí, en Galicia, un máis de nós e, alí, no país do sol nacente, o máximo expoñente da proxección do noso idioma propio”.
Participaron canda eles na presentación o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei, autor do limiar da obra.
Asaka dá ao prelo Hyakuyō ô bara/A rosa de cen follas. Breviario dun amor (2019), versión en xaponés do cancioneiro amoroso de Ramón Cabanillas que reproduce a editada polo cambadés en Mondariz-Balneario no ano 1927. Engádelle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas, acompáñao dun limiar da autoría de Francisco Fernández Rei, de Bibliografía e dunha coda na que el mesmo dá conta dos motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés e da dificultade para traducir ao Poeta da Raza, polos abundantes dialectalismos cambadeses, complexas metáforas e polimorfismos.
Anuncia, no peche, a vindeira edición dun cedé cos catro textos de A rosa de cen follas que conteñen partitura musical: IV Era un piniño novo, A capilla [VI A capilla adormíase nas sombras], Aureana do Sil [XXVIII As areas de ouro] e XXXII O Rei tiña unha filla.
Ilustrado por Ataque e impreso en Nishida (Osaka), conta cos patrocinios da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do Concello de Cambados. (…)”
Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas
Desde
a Real Academia Galega:
“O académico correspondente Takekazu Asaka recollerá este sábado, 27 de xullo, o Premio Ramón Cabanillas, nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal de Cambados. As librarías Contos e Ramón Cabanillas da localidade, coa colaboración do concello, recoñecen así o labor de divulgación da lingua e da literatura galegas do profesor nipón, que acaba de publicar unha tradución á súa lingua dunha das obras do autor que lle dá nome ao galardón, A rosa de cen follas (1927). O libro será presentado hoxe, ás 20 horas, na biblioteca municipal Luís Rei. Non será a primeira achega do académico ao escritor cambadés, ao que xa lle dedicou a Cantata a Ramón Cabanillas. Takekazu Asaka publicará ademais proximamente un artigo sobre as formas de cortesía en galego no que toma como referencia, entre outras fontes, a novela Costa do Solpor do tamén académico correspondente Xosé María Lema. (…)”
Cambados: actos destacados do 22 de xuño na Feira do Libro 2019
O
22 de xuño finaliza a Feira do Libro de Cambados (no Paseo Calzada, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 11:30 h. Ramón Caride asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
– 12:30 h. Antonio Magariños asina A escola do convento na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
– 18:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
– 19:00 h. Presentación-recital de Street Poems, de Fran Alonso, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Presentación de Memoria da represión franquista en Cambados, publicado polo Concello de Cambados. Participan Víctor Caamaño, Tino Cordal e Quico Paz Antón.
– 21:00 h. Mesa redonda O Cambados da miña obra. Con Miguel Anxo Fernández, Sabela Pillado e Xosé María Vila Ribadomar.
Cambados: presentación de Ramón Cabanillas do A ao Z, de Ramón Caride
Cambados: Xornada Vocacións e ideais de Plácido Castro
Desde
o Consello da Cultura Galega:
“Plácido Castro (1902-1967) é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Pola súa orixe e a súa formación, foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta. Humanista, anglófilo e erudito, ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.
Na súa traxectoria son de grande importancia os períodos británicos. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu na súa formación humanista e intelectual. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural da súa contorna, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.
A segunda etapa británica discorreu tras a Guerra Civil. Os camiños da vida levaron de volta a Plácido a Londres, onde colaborou varios anos coa BBC, sen perder o contacto con Galicia. Dende alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.
O universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos máis estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Plácido non é só universalista por convicción política, senón porque ese é o seu xeito de existencia, fondamente interiorizado e derramado en todos os ámbitos. Desde Londres ou O Salnés, Plácido apostou sempre por modelos de modernización de Galicia que preservasen o noso contorno e fixesen da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.
Esta xornada, organizada pola Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, e coordinada por Xulio Ríos, pretende afondar nos tres eixes que marcaron a vida de Plácido Castro: tradución, xornalismo e universalismo.
PROGRAMA
Centro ExpoSalnés
Paseo da Calzada, s/n
36630 Cambados
22 de febreiro
16:00 horas
Inauguración
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Fátima Abal Roma, alcaldesa de Cambados
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
16:20 horas
Plácido Castro e a tradución
Modera: Xulio Ríos
Laura Linares, Irish Research Council Government of Ireland Postgraduate Scholar
María Jesús Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa, Universidade da Coruña
17:20 horas
Pausa
17:45 horas
Plácido Castro e o xornalismo
Modera: María Jesús Lorenzo Modia
César Lorenzo, xornalista e editor de Biosbardia
Luís Álvarez Pousa, xornalista e director de Tempos Novos
18:30 horas
Plácido Castro e o universalismo
Modera: Laura Linares
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
Rubén Camilo Lois González, catedrático de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela
19:30 horas
Clausura
A inscrición pode facerse aquí.”




