Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2021

Desde o Concello de Pontevedra:
“O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil retoma a súa actividade logo de pechar as portas a principios da edición pasada. por mor da pandemia. “Emerxencia Literaria: os libros salvan o planeta” terá lugar do 23 de abril ao 9 de maio entre as instalacións do Pazo da Cultura, Illa do Covo e parroquias da cidade con todas as medidas e protocolos.
Comentábao a concelleira de Cultura, Carme Fouces que quixo empezar a rolda de presentación do programa, que podes descargar aquí, agradecendo o traballo de toda a equipa “tanto polas complicacións xurdidas pola pandemia como as derivadas do porceso de reestruturación do Pazo da Cultura”.
O segundo punto a destacar, “complicado nun evento de tal magnitude e con tantas actividades”, foi a implicación das Escolas Unesco “en lugar do país convidado quixemos convidar a todo o Planeta e Pontevedra, conta coa excelencia para accesder a todo o mundo a través das Escolas Unesco. Recibimos colaboracións de máis de 15 países, en múltiples idiomas, etc. que estarán colgadas na canle de Youtube do Salón”. De seguido Fouces destacou a participación –con traballos en formato video e podcast– dos centros colaboradores de Pontevedra e parroquias e tamén algúns da comarca que “quixeron manter a vinculación pese as circunstancias de non poder asistir presencialmente. Contaremos todas as mañás do Salón con contacontos en streaming para as escolas e ás colaboradoras do Concello de Pontevedra, enviarémoslles contacontos presenciais. O Salón é un proxecto colaborativo con escolas que va moito máis aló do disfrute ou da oferta de lecer para as familias. Non podíamos deixar de facer este esforzo este ano para cubrir esa pata”.
Antes de debullar o programa e os protocolos necesarios para participar das actividades do Salón este ano, a concelleira puxo o foco no cartaz, deseñado pola ilustradora viguesa Aída Alonso “que traballa co collage e fixo esta preciosidade que representa o que significou e significa a pandemia pero ao tempo está cheo de optimismo”.
O Salón manterá como espazo principal o Pazo da Cultura no que permanecerá ambientada, de xeito acorde ás circunstancias, a Sala de Exposicións pero “apostamos este ano por espallarnos tamén a lugares ao aire libre como a Illa do Covo, onde faremos unha gran parte da actividade se a climatoloxía o permite e tamén ás parroquias, evitando a un tempo os desprazamentos de xente e por outro lado facilitando o acceso a quen non vive en Pontevedra mesmo. Levaremos a biblioteca en forma de furgoneta, “Rodalibros” polas parroquias onde terán lugar actividades e contacontos. Tamén por toda a cidade contaremos coa “Orbil Parade” composta polas 8 figuras de Orbil colocadas en puntos clave, en torno aos que se organizarán roteiros”
Carme Fouces salientou a aposta pola presencialidade nas actividades, con todas as medidas hixiénicas, control de accesos, aforos, etc que “estamos seguros a cativada vai cumprir sen problema porque xa demostraron nas escolas que son moi responsables e están afeitos, así que pedimos a colaboración das familias para que estean atentas tanto á forma de acceder as actividades este ano –con reserva previa, de balde na web– e ás indicacións do monitorado e persoal da organización.
“Haberá exposición do Museo do Videoxogo (MUVI) de Kiko da Silva e Helena Vilar que por mor do peche do ano pasado non puideron recibir a homenaxe merecida, Faladoiros en formato presencial e streaming con Miguel Anxo Prado e Pablo Prado, Ledicia Costas e a moza escritora Mariña Maceiras, buscando o diálogo entre xeracións, con Montse Pena, AGPI, Montse Fajardo, etc. Esteas como a de Baobab Teatro “Ás para Álex”, o Seminario Permanente de Jazz, Lucía Aldao e María Lado “A auténtica vida salvaxe”, deseñado en exclusiva para o Salón como o espectáculo de inauguración a cargo de Marcelo Dobode e coro da Xunqueira e o de clausura da man do RockLab, “Imos cambiar o mundo”, baseado no libro de Fina Casalderrey Lingua Guapa ou a estrea para bebés, que contarán este ano con máis actividades, “Feira de sementes” de Babaluma.
Antes de despedirse Fouces salientou a necesidade de colaboración e responsabilidade da cidadanía para asistir: “este ano todo será de balde, incluso a pequena aportación que se facía outros anos para algúns espectáculos, desapareceu. Fixemos este esforzo polas circunstancias, a redución de aforos, etc., pero estas mesmas circunstancias obrigan á inscrición obrigatoria do público asistente para facilitar os rastrexo no caso de que fora preciso. Contaremos no web www.salondolibro.gal no apartado de programación cun sistema de “venda a custo cero” de entradas que se activarán de semana e semana, de mércores a mércores a partir do 21 de abril. Aí é onde pedimos que se finalmente as persoas que reservaron as entradas non poden asistir, chamen ou contacten coa organización para poder liberalas e que non se desperdicien. Xa que contamos con aforos reducidos, alomenos que se cubran porque o contrario sería unha mágoa.””

A AELG celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Na nosa literatura, afouta e nutrida, temos numerosos exemplos para desfrutar e descubrir.
Desde a Sección de Didáctica da AELG, ofrecémosvos un xeito de indagar neste mundo marabilloso da man de Eva Mejuto (autora, coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, e persoa con grande experiencia no eido da edición).
Eva ofértanos un paseo pola literatura infantil e xuvenil galega baseado nas rúas de Pontevedra, nas librarías (tan importantes) desa cidade. E non só íso, na proposta tedes tamén un kahoot para descubrir e disfrutar novos personaxes e propostas literarias das nosas letras. Animádevos a mergullarvos neste mundo marabilloso. “Dinnos que os dragóns non existen para que cada quen poidamos descubrilos por nós propixs” (Jeff Smith, Bone).
Podedes acceder premendo nesta ligazón.

#AELG #DocenciaAELG #DíaDoLibroInfantilEXuvenil #LemosEnGalego

Propostas de lectura e audiovisuais para a visibilización do labor das mulleres, no 8 de marzo, desde a AELG

Con motivo do 8 de marzo, desde a AELG recomendamos esta listaxe de materiais didácticos para coñecer nas aulas, ou por quen teña interese, o labor de mulleres senlleiras galegas dentro da literatura, da política e da vida. Propostas de lectura e audiovisuais para a visibilización do labor das mulleres e da súa liberdade e capacidade de seren elas propias, donas das súas vidas e destinos.

Palabra de bruxa, por Andrea Barreira Freije.

Mulleres e memoria: Josefina Arruti, por Montse Fajardo.

A Pontevedra de Aurora Vidal, por Míriam Ferradáns.

Actividades destacadas do Culturgal 2020

PROGRAMA

PROGRAMA LIBRO

PROGRAMA FORO

PROGRAMA ESCENA

PROGRAMA CINEMA

Outeiro de Rei: presentación de A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, o 7 de setembro

O sábado 7 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa-Museo Manuel María (en Outeiro de Rei), preséntase o libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, publicado polo Concello de Pontevedra.
O libro reconstrúe o pensamento e a loita da compañeira de Castelao, unha persoa que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade.
Tras a presentación, manterase coa autora un coloquio. A entrada é libre, mais por mor das limitacións de capacidade, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.

Lorena Conde gaña o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

“Reunido por vía telemática o 9 de setembro de 2020 o xurado do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario, considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema «Timbané» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lorena Conde Martínez e con título definitivo #VelloucaseMinchas.
O xurado valorou da obra gañadora a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade. Tamén destacan o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.
Asemade o xurado decidiu, pola súa calidade literaria, recomendar a publicación da obra presentada baixo lema «Vega»
A persoa autora desta obra pode poñerse en contacto coa editora a través do correo electrónico info@cuartodeinverno.com

En Pontevedra a 9 de setembro de 2020″

Pontevedra: presentación de A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo

O 17 de setembro, ás 11:30 horas, na Sala de Prensa do Concello de Pontevedra, preséntase en rolda de prensa o libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, editado polo Concello de Pontevedra. No acto participa, xunto á autora, Xaquín Moreda.