A Academia Galega de Teatro preséntase cunha proposta de reestruturación do sector

Desde Erregueté:
“O Día Mundial do Teatro foi a data escollida para presentar publicamente a Academia Galega de Teatro, nun acto que se celebrou no salón de actos do Consello da Cultura Galega. A Academia, constituída o pasado mes de outubro en Rianxo por un grupo de 17 persoas vinculadas ao mundo do teatro profesional, responde á necesidade –segundo explicou o seu vicepresidente, Eduardo Alonso– de crear un espazo de debate e reflexión sobre o teatro que supere o ámbito das asociacións de carácter profesional –máis centradas en superar os problemas e atrancos do día a día–, unha ferramenta que posibilite a creación dun corpus doutrinal e a comunicación pausada coa sociedade galega.
Na actualidade, a Academia conta con 28 membros pero o número incrementarase proximamente nas próximas semanas, xa que o obxectivo é incluír a persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados coas artes escénicas sen exclusións de ningún tipo.
A presidenta da nova Academia, Imma António, explicou que a súa fundación en Rianxo explícase polo profundo respecto pola tradición –“a carón de Dieste, de Castelao, de Manuel Antonio e da compañía máis veterana de Galicia: Teatro Airiños”–, pero coa mirada posta no futuro, co obxectivo de estimular na sociedade o amor polo teatro e de poñer en valor a súa relevancia social. Neste sentido, António salientou a validez do teatro como elemento identitario que contribúe a “facer país”. O teatro debe ser considerado como un sistema –dixo– no que podemos e debemos intervir.
Un programa de reestruturación do sector
A Academia preséntase cun programa de vinte e un puntos básicos que visan a que o teatro sexa considerado como un servizo público. Luma Gómez foi a encargada de debullar ese programa, dirixido na súa meirande parte ás institucións públicas e que inclúe propostas históricas do sector como a autonomía xurídica do Centro Dramático Galego, a adscrición da ESAD Galicia ao sistema universitario, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a creación dun Centro de Documentación Teatral, a posta en marcha dun Festival Internacional de Teatro nalgunha das cidades de Galicia ou a creación dun circuíto de exhibición que permita o intercambio continuado con Portugal.
A Academia Galega de Teatro propón, igualmente, a reestruturación –e mesmo a reconsideración– da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), por considerar que talvez non representa o modelo de xestión que precisa o teatro galego. En palabras de Eduardo Alonso, trátase de cambiar a perspectiva puramente mercantil dende a que se contempla agora a cultura. Dende a Academia cren que estas medidas deberían ir implementándose a partir do ano 2020.
Congreso do Teatro Galego
Como proposta máis inmediata, Antonio Simón presentou o proxecto de organizar un gran Congreso do Teatro Galego, que se celebrará no ano 2020. Unha comisión integrada polo propio Simón, xunto a Gustavo Pernas, Miguel Pernas e Manuel Guede está xa a traballar para artellar un evento que teña como fin “estruturar teatralmente Galicia”: elaborar un diagnóstico da situación e elaborar un plan estratéxico que permita intervir no sistema de xeito eficiente ao longo da década 2020-2030.
Simón destacou que moitas das reivindicacións históricas do sector das artes escénicas permanecen vixentes despois de moitos anos de reivindicación continuada e que, nalgúns aspectos, non se fixo nada para mellorar a situación de hai vinte ou trinta anos.
A Academia fixo unha invitación ao resto de institucións e organizacións relacionadas co teatro, e coa cultura en xeral, para que se impliquen na organización dun congreso que busca cambiar unha realidade claramente deficitaria en canto ao estado das artes escénicas, como demostra o informe presentado hai só uns días polo Consello da Cultura Galega no que se lle solicita á Xunta “unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector” cultural.”

Compostela: A Lei do libro 2006 a debate, o 19 de abril

Co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, un texto que foi elaborado colectivamente no seu día e aprobado no Parlamento en 2006.

A partir da análise dos datos empíricos e dos obxectivos que a Lei pretendía e permitía acadar, valoraranse tamén os contidos desta dende a perspectiva legal e administrativa, así como a súa vixencia, fortalezas e feblezas a partir dos puntos de vista achegados polos distintos axentes públicos e privados relacionados con este ámbito.

PROGRAMA

Sesión de mañá

10:00
O proceso de elaboración da Lei do Libro 2006
Presenta: Manuel Bragado
Cristina Novoa, Asesoría de Bibliotecas Escolares
Xavier Senín, subdirector xeral de Cultura en 2006

11:00
Datos da edición en Galicia 2006-2016
Observatorio da Cultura Galega, CCG

11:30. Pausa

12:00
Contidos da Lei do libro 2006
Presenta: Alba Nogueira
Carlos Amoedo, Universidade da Coruña

Sesión de tarde

16:30
Lei do libro 2006, vixencia e perspectivas de reforma
Modera: Marcos Lorenzo
Xosé Ballesteros, AGE
José Daniel Buján Núñez, xefe de servizo da Biblioteca de Galicia
Susana Castro Barral, subdirectora xeral de Centros
Mercedes Queixas, AELG
Pilar Rodríguez, Federación de Librarías
Dolores Tobío Barreira, xefa do Servizo do Libro e Publicacións

Debate final

Inscrición aquí.
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

CEDRO, 30 anos coa cultura. Encontro con autoras-es e editoras

CEDRO, 30 anos coa cultura. Encontro con autoras-es e editoras é unha actividade organizada por CEDRO, AGE e a AELG, que terá lugar a cuarta feira 14 de marzo de 2018, entre as 18:30 e as 20:00 horas no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela.

Nesta sesión representantes de CEDRO explicarán os avances conseguidos no trinta anos de existencia desta Entidade e explicarán cales son os cambios lexislativos necesarios para que os colectivos autorais e editoriais poidan desenvolver a súa actividade nun marco de seguridade xurídica e que garantan a protección eficiente dos seus dereitos de propiedade intelectual. Así mesmo, presentarán os servizos e beneficios que esta asociación ofrece a autores/as e editoras.

  • 18:30-18:40 Presentación.

Mercedes Queixas, Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

  • 18:40-19:15 Necesidades lexislativas dos colectivos autorais e editoriais.

Jorge Corrales, director xeral de CEDRO.

  • 19:15-20:00 Beneficios de ser socio/a de CEDRO.

Pedro Sánchez, xefe do Departamento de Socios de CEDRO.

Organizan:
– AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega)
– AGE (Asociación Galega de Editoras)
– CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos)

Jorge Corrales é o director xeral de CEDRO desde marzo de 2017. Anteriormente dirixía o Departamento Económico e Tecnolóxico da Entidade. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Alcalá, desenvolveu a súa traxectoria profesional nos sectores tecnolóxico, químico e, nos últimos 10 anos, no da propiedade intelectual.

Pedro Sánchez é o xefe do Departamento de Socios de CEDRO desde xaneiro de 2018, tras tres anos dirixindo o departamento de Licenzas nesta Entidade. Licenciado en Dereito e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, ten unha ampla experiencia na área de Recursos Humanos.

Compostela: Encontro Carlos Casares, escritor e intelectual público, os 16 e 17 de novembro

INSCRICIÓN AQUÍ.