Entrevista de Armando Requeixo a Rosa Aneiros no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rosa Aneiros (RA): Digo, como xa fixo aquí María do Cebreiro, que lle sobra a insistencia nas carencias. É o que as autoras e autoras queren que sexa. Outra cousa ben diferente é a recepción: fáltanos público e apoio institucional para a súa proxección. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RA: Creo que a diversidade temática, de xéneros, de autores, de editoriais e de estilos permite chegar a todo tipo de públicos, algo fundamental para soster un mercado literario. A calidade é moi boa e a presenza crecente de tantas mulleres ofrece unha ollada diferente e rica dunha literatura en constante movemento. Porén, e como citaba antes, a batalla por gañar lectores e lectoras é cada día máis dura pola escasa visibilidade que as nosas letras teñen. (…)”
Arquivos da etiqueta: Criticalia
Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Na tarde do xoves 6 de marzo tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.
Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.
Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.
Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.
Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos. (…)”
Tabela dos Libros de marzo, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de marzo. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. En hora boa a todxs xs destacadxs e beizóns xs compañeirxs pola parte que me toca. Boas lecturas!»
Radiocrítica do 17-02-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela Pasaia blues, de Harkaitz Cano, en tradución de Isaac Xubín (I, 1:27); o poemario Territorios estraños, de Ramón Sandoval (I, 7:25); o ensaio Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, de Manuel Forcadela (II, 00:10) e mais o libro para nenos O raposo e a mestra, de Manuel Rivas (II, 4:40).
Radiocrítica do 03-02-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 3 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (I, 00:48); o volume de artigos Coa lingua na Terra de Héitor Picallo Fuentes (I, 6:58); o relato infantoxuvenil O castañeiro de abril de Antonio Manuel Fraga (II, 00:00) e mais o poemario As lavandas adáptanse a todo erro de navegación de Ramón Neto (II, 4:59).”
Tabela dos Libros de febreiro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de febreiro. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!»
A mar de historias
Do blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”
Radiocrítica do 20-01-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Desertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo Rei Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).”
Parlamento das Letras: Xabier López
Entrevista de Armando Requeixo a Xabier López no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xabier López (XL): Sobrar, nada; só faltaría! E benvidas sexan todas as achegas, que boa falta nos fan… Nun sistema literario normalizado hai, e ten que haber, de todo. Dende o punto de vista do déficit… pois se cadra algo co que non poderemos contar ata que o sistema se normalice, se é que se normaliza algún día: un lectorado crítico —non militante— e unha crítica que poida abordar os textos sen antes verse na obriga de ter que celebrar a súa chegada ás librarías. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XL: Postos a ser sintéticos, a derivada dun estado de cousas que ben podería deducirse dun sinxelo anuncio de palabras: “Escritor máis ou menos competente busca…”. Onde están os lectores? A balanza, estimo, atópase cada vez máis descompensada. (…)”
Tabela dos Libros de xaneiro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, velaquí a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!»