Antonio Rey Somoza é o gañador do Premio de Historia Medieval de Galicia do ano 2011

“A edición número once do Premio de Historia Medieval de Galicia foi para a obra A nobreza na poesía lírica Galego-Portuguesa, de Antonio Rey Somoza. O xurado, reunido no Concello de Noia, o dezasete de decembro de dous mil once, cabodano do Mariscal Pardo de Cela, estivo formado D. Henrique Monteagudo como presidente e, como vocais, D. Xerardo Agrafoxo Pérez, D. Clodio González Pérez, D. Pedro García Vidal e D. Marcos Fernández Ferreiro; actuando como secretario, sen voto, Don David González Couso. O Premio é outorgado conxuntamente por Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame, Noia e Porto do Son. A obra explora a información que ofrece o cancioneiro trobadoresco galego-portugués (no seu sector satírico) e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un corpus textual que corresponde á situación plenomedieval (século XIII) do centro e o occidente da Península ibérica. Un traballo que salienta polo seu carácter interdisciplinar, ao mostrar a utilidade da explotación dos textos literarios como fonte de información histórica, complementaria e nalgúns aspectos (por exemplo, no terreo das mentalidades) superior á obtida das fontes documentais tradicional. Os ideais e actitudes da nobreza son presentados coas mesmas palabras de individuos da época; os valores e o modo de vida nobiliar aparecen vividamente retratados; queda de manifesto a rigorosa estratificación da sociedade medieval -mesmo no interior do propio estamento privilexiado- reflectida na súa simboloxía e na ironía/sarcasmo das cantigas; tamén se recupera información de interese dende o punto de vista da relixiosidade (o culto mariano, a cuestión das milagres, etc); e, por suposto, información referida ao campo da cultura medieval e mesmo á historia do humor e o entretemento. Desde o punto de vista do propio premio, ten outra cualidade: abre as portas aos estudos que combinan a historiografía coa filoloxía, un aspecto previsto desde o comezo, pero ao que raramente se lle deu acollida.” Vía Asociación Galega de Editores.

Santiago: presentación de Brais, de Guillerme Coen

O martes 15 de novembro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Brais, de Guillerme Coen, publicada en Toxosoutos. No acto intervirán, acompañando ao autor, Euloxio R. Ruibal e David González Couso.

Santiago: presentación de Pintalabios, de Ana Cibeira

O mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Pintalabios, de Ana Cibeira, publicado en Toxosoutos. No acto, acompañando á autora, participan Antía Otero e David González Couso.

Santiago: presentación de Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro

O mércores 19 de outubro, ás 19:45 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro, publicada en Toxosoutos. No acto interveñen, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e David González Couso.

Santiago: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O martes 11 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participan Héitor Picallo, Uxío Novoneyra Rei e David González Couso.

A Coruña: actividades do domingo 7 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o domingo 7 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que estará aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o mércores 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Presentación do libro Guía das libélulas de Galicia, do investigador e naturalista vigués Miguel Ángel Fernández Martínez, publicado en Baía. O autor estará acompañado polos investigadores de zonas húmidas de Galicia e naturistas galegos Anxo Rajou e Alberto Gil.
20:00 h. Presentación do libro Contos e descontos. Narrativa completa de Claudio Rodríguez Fer publicado en Toxosoutos. Xunto co autor, participará no acto Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e David González Couso, director de publicacións da editorial.

Santiago: presentación de 1980 (ano cero), de Rubén Martínez Alonso

O xoves 16 de xuño, ás 19:45 horas, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela, preséntase a novela 1980 (ano cero), de Rubén Martínez Alonso, publicada en Toxosoutos. No acto acompañarán ao autor Xosé Díaz e David González Couso.

Pazo de Goiáns (Boiro): I Romaría das Letras

O martes 17 de maio, na finca do pazo de Goiáns, en Boiro, celébrase a I Romaría das Letras no Barbanza, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Asociación Artesá e Etnográfica O Faiado-2, a Asociación de Veciños Cruceiro do Monxo, a Escola de Música Municipal e o Concello de Boiro. Do programa salientamos as seguintes actividades literarias:

12:00 horas: presentación do libro O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro (Editorial Toxosoutos), coa presenza dos seus autores: José Luis Calvo e Carlos Gegúndez López, así como de David González Couso.
16:00 horas: recital de textos de Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011.

Esteiro (Muros): presentación de O Vákner e o dragón, de Aurora Lestón

O venres 8 de abril, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Esteiro (Muros), preséntase o libro O Vákner e o dragón, de Aurora Lestón, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando á autora, Fernando Alonso Romero, David González Couso, Milagros Torrado e Laura Erias. Organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Toxosoutos e o Concello de Muros.

Ourense: presentación de O fío da escritura, de David González Couso

O venres 18 de marzo, ás 19:45 h., no IES Otero Pedrayo (Rúa Padre Feijoo, 12) de Ourense, preséntase o libro O fío da escritura, de David González Couso, publicado en Toxosoutos. O acto contará coas intervencións de Mª do Carme Henríquez, Claudio Rodríguez Fer e o propio autor.