Arquivos da etiqueta: Deputación da Coruña
Paula Mayor Agrelo e Cristian F. Caruncho gañan o XVIII Premio Castelao de Banda Deseñada convocado pola Deputación da Coruña
Desde a Deputación da Coruña:
“O XVIII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña xa ten gañadora e gañador. Na reunión do xurado, resultou seleccionada na modalidade xeral a obra Rosalía Oculta, da autoría de Paula Mayor Agrelo, mentres que na modalidade LIX foi elixida a obra O día de San Martiño, de Cristian F. Caruncho.
Nesta edición o xurado estivo composto por ilustradoras e ilustradores cunha recoñecida traxectoria na creación de banda deseñada como David Rubín, Emma Ríos, Anabel Colazo e os gañadores do ano pasado Siqi Luis Yang e Uxía Larrosa.
Da obra Rosalía Oculta, o xurado salientou a súa orixinalidade á hora de abordar un xénero como o biográfico escapando do relato histórico para poñer o foco na parte humana da icona literaria. Os membros do xurado tamén valoraron positivamente a estética “moi delicada que casa perfectamente co espirito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro”.
Mentres, da obra O día de San Martiño, o xurado subliña que o rural galego é o latemotiv da obra escollendo o western e o manga como soportes para achegalo a unha ampla audiencia, abordando a mestura de xéneros dun xeito honesto e maduro. Tamén puxeron en valor “o debuxo e a narrativa moi ben executados e o descaro divertido que enlaza moi ben todos os xéneros dentro da cultura pop”.
Cada un dos premios está dotado con 6.500 euros, ademais da publicación das obras.”
Bases do XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2023
Carballo: Praza dos Libros PLIC 2023
Compostela: Veladas Analóxicas 02. Selvas, xardíns e labirintos. Eduard Velasco e Xuan Bello
Santa Cruz, Oleiros: conversa arredor de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
A Coruña: conferencia de Lois Ladra sobre “Os muíños de vento da Coruña. Historia e iconografía”
San Sadurniño: conversa arredor de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
Ribeira: conversa arredor de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
O XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña recae na investigadora e docente Blanca Paula Rodríguez Garabatos
Desde a Deputación da Coruña:
“A compostelá Blanca Paula Rodríguez Garabatos é a gañadora do XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía, que concede a Deputación da Coruña, pola súa obra Catro exemplos da ‘arte dexenerada’ galega fóra da España saudable. O premio está dotado con 6.500 euros e coa publicación da obra.
A autora é investigadora, catedrática de Xeografía e Historia, escritora e docente de secundaria. Ten impartido clases e conferencias sobre arte, moda, semiótica e literatura na Universidade e en congresos internacionais. Ademais, é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña cunha tese titulada: Moda de la Belle Epoque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán.
O xurado estivo composto por ensaístas, docentes e escritores como Manuel Gago, María López Sández, Rafael Quintía, Inma Otero Varela e o gañador da pasada edición, Bieito Alonso. Tamén forman parte o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado valorou que a obra gañadora “traza confluencias entre catro dos artistas máis destacados da arte galega do século XX: Colmeiro, Granell, Maruja Mallo e Seoane, no contexto histórico dos fascismos europeos. Desde unha perspectiva interartística, afonda nas artes plásticas cun enfoque ideolóxico e hermenéutico. O texto ten vontade de estilo e a súa lectura flúe nun ton ensaístico que traza as vidas cruzadas dos artistas e a súa plasmación na produción, revelando as proximidades e diverxencias das súas biografías -marcadas pola Guerra Civil-, mais tamén as circunstancias da época e as ideas en conflito que a modelaron”. (…)”