Rosalía viva! Viva Rosalía!

Texto lido por Mercedes Queixas no acto central do Día de Rosalía organizado pola AELG o 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres.

“Amigas e amigos,

Sede benvidos a este lugar que é símbolo fundacional de noso.

Hoxe, arredor do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, continuamos a celebrala, como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea e a sentírmonos reflectidos, logo de máis de cento cincuenta anos, na voz colectiva da nación, expresada coralmente nos Cantares gallegos, onde o compromiso co seu pobo, posto en valor na lingua de seu, translocen o compromiso cunha realidade maior, para lle dar luz desde a dignificación cultural e social, abrindo en nós, neste presente bretemoso, a espiral da conciencia de xustiza para co pobo de noso e o seu futuro.

Rosalía de Castro é unha fenda.

Unha ferida aberta nas conciencias.

A voz que sempre nos asombra.

Os seus versos falan de nós, desde o antonte e o onte aprendidos até o hoxe en permanente construción; as súas palabras son fíos que cosen a memoria das costuras, son agullas que tecen o abrigo de quen teima en destecer, son dedais escudo que protexen da mentira e da infamia.

Penélopes tecedoras queremos ser con ela, da súa man guieira, para frear o paso atrás do boi canso e alancar sempre adiante, con pé chantado firme na terra que coñece e en que se recoñece, cara á dignidade que confere a capacidade de decidirmos que queremos ser na luz dos que, coma ela, foron.

Querémola viva. Sabémola ceiba no preámbulo do Día de Rosalía, data oficial e referencial xa no noso imaxinario colectivo nestes últimos anos, inexplicabelmente eliminada do Calendario do Libro e da Lectura pola Consellería de Cultura e Educación a comezos deste 2014.

Querémola viva. Sabémola ceiba no adro dunha nova xornada de mañá, 24 de febreiro, Día de Rosalía, que vestirá con galas de festa grande, entre flores e libros en galego para partillar, pronta para espallar, de man en man, de boca en boca, como semente de primavera, os seus versos e a súa iconografía viva en multitude de actos por toda a nación, desde A Coruña a Vigo, desde Lugo a Pontevedra, de Compostela a Moaña, da Estrada á Rúa de Valdeorras e Camariñas, de Valencia a Ferrol e Bruxelas…

A palabra e o pensamento rosaliano, como auga limpa en fresca fonte, ecoarán evocados nas voces e músicas de hoxe, graffiteados para nos muros, porque non a queremos cativa nos libros, como tampouco a queremos rea destes muros invisibilizadores, opacos, cómplices da súa desmemoria.

Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.

Querémola libre como ela demandaba: Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.

Convocamos hoxe a nación toda en San Domingos de Bonaval para lembrarmos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón a muller que nos abriu as portas, consciente do grande atrevemento, para entrar ao campo inmenso da literatura e da cultura galegas e, con ela, ás aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria.

Celebramos con vós o seu valor humano galego universal, que é símbolo de identidade como galegos e galegas dunha cultura milenaria e unha lingua orgullosa de seu, que ten un lugar imborrábel na historia popular e culta dos pobos que construíron a Europa.

Neste día tan simbólico, é de xustiza demandarmos para ela, a que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, un Panteón laico, aberto, de acceso público, para lle podermos levar flores, sen autorizacións previas, non só ao símbolo colectivo da nación, senón, e tamén, ao ser humano que é agasallado co cariño e respecto dos seus seres queridos, que somos todo o pobo galego que nela nos identificamos.

Saudámosvos fraternalmente, agradecidos, e dámosvos a benvida en nome do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.”

Rosalía, ”a intérprete máis veraz dos dramas da Galiza como nación e pobo”, fai 177 anos

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritor@s en Lingua Galega organizou este domingo no Panteón de Galeg@s Ilustres un acto para render culto á figura da nosa poeta nacional, Rosalía de Castro, co gallo do 177 aniversario do seu nacemento en Padrón, o 24 de febreiro de 1837.
Mercedes Queixas, secretaria da AELG, considerou o evento como “un acto central” da asociación para reivindicar a vixencia do pensamento e da obra rosaliana. Con este obxectivo, procedeuse á leitura pública dalgúns dos seus textos da cal fixeron parte escritores como Xabier P. DoCampo, Anxo Angueira ou a propia Queixas. A coral Solfa puxo música ao evento.
Aliás, a AELG deu tamén leitura ao manifesto redactado polo Día de Rosalía e que este ano escribiu o poeta Carlos Negro. Tamén el lle puxo voz: “Sen renunciar á expresión do íntimoRosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi ao contrario, é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz do poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado”.”

Actos da Fundación Rosalía para o día 24 de febreiro

“A Fundación Rosalía de Castro pecha o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos celebrando o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural que servirá de marco para a presentación do proxecto de edición de De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que asumirá a Fundación en colaboración coa Radio Galega. Coa edición en libro-cd culmina o proxecto promovido polo informativo cultural da radio pública que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez, presentarán o proxecto no acto co que as dúas entidades conmemoran o Día de Rosalía. Os poemas inéditos lidos por algúns dos autores e autoras que participan en De Cantares Hoxe e a música na voz de Najla Shami forman parte dun programa especial do Diario Cultural aberto ao público e no que se revisará tamén a pegada da obra de Rosalía de Castro na poesía contemporánea. (…)
O acto de presentación desenvolverase o luns 24 de febreiro ás 19:00 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.
Ofrenda floral
Como todos os anos, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, fará en colaboración co Concello de Santiago unha ofrenda floral en Compostela. Por mor das obras que se están a realizar no lugar onde naceu Rosalía hai 177 anos, na actual Praza de Vigo, a ofrenda trasládase á Alameda. Será o luns 24 ás 10:30 horas da mañá, cando membros da Fundación e do Concello partan da Porta Faxeira cun grupo de gaiteiros ata a estatua da Alameda, onde se levará a cabo a ofrenda.
#euRosalía, un ‘selfie’ rosaliano
O 24 de febreiro rematan as celebracións do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos e desde a Fundación propoñemos unha acción colectiva en Internet que integre á maior xente posible, tanto en Galicia coma no resto do mundo.
Trátase de que o día 24 todos e todas nos fagamos unha autofoto (un ‘selfie’, como se chama agora) con calquera motivo relacionado con Rosalía (cun libro dela, a carón dunha estatua, dunha placa, dunha camisola…) e a comparta nas redes sociais, usando o hashtag #euRosalía, de forma que sexa fácil de atopar para todos/as.”

Santiago de Compostela: lectura pública da obra de Rosalía no Panteón de Galegos/as Ilustres, o domingo 23 ás 12:00, acto central do Día de Rosalía 2014