A Coruña: Simposio Xela Arias

Fallo do Certame de poesía Filomena Dato 2020

Desde Apiario:
“Alegrámonos de anunciar que o xurado do Concurso de Poesía Filomena Dato, composto por Alejandra Pérez Máquez como presidenta, Susana Sánchez Arins, Yolanda Castaño e Dores Tembrás, reuniuse o 2 de outubro na casa consistorial para deliberar entre os 52 orixinais recibidos. Finalmente seleccionou o orixinal Ave do paraíso de Lorena Conde, que será publicado por Apiario na colección Filomena Dato.”

Sobre a delicada arte da edición

Artigo de Daniel Salgado en Nós Diario:
“Cada libro é único. Precisa dunha diagramación concreta, dunha cuberta singular, dun papel diferente. A súa caixa tamén varía. E cómpre acompañalo, desde o escritorio da autora até a presentación en sociedade. Máis ou menos velaí resumida a filosofía de Apiario, a editorial promovida polas poetas Dores Tembrás (Bergondo, 1979) e Antía Otero (A Estrada, 1982) que vén de celebrar o seu quinto aniversario. (…)
Esa preocupación polo obxecto conduciu ás dúas poetas á maior aprendizaxe, entende Tembrás, deste lustro á fronte da editorial: “Soubemos do delicado que é o proceso de edición, o control que precisa. Porque se non mantés ese control, todo pode torcerse”. A pé de obra, da relación coa escritora ao persoal do prelo, das artistas gráficas ás librarías, acompañan cada paso dos libros. No debe, “a cantidade de horas que invistes”, considera Otero. Con ese método sucedeu o que, a primeira vista, podía parecer improbábel: unha editorial especializada en poesía, nada no máis cru da crise, sobreviviu e foi, se non medrando, si avanzando aos poucos. (…)
Nestes cinco anos “pasaron moitas cousas”. Maiormente positivas, pero non só. “Non falaría de dificultades, pero si batemos con cuestións máis sutís”, relata Tembrás. Refírese a certas actitudes machistas, aínda que as coloca en contexto: “A sociedade é como é, e o noso proxecto ten moi en conta o feminismo. E axiña o compensou todo o pulo e o alento que recibimos das lectoras. Esoutros asuntos pasaron a ser irrelevantes”.
A xeito de balanzo provisional, Antía Otero fica co orgullo polo publicado: “Non editamos un só título que non amemos, polo que non sintamos veneración”. E Dores Tembrás imaxina como lles prestaría publicar algún día as estadounidenses Louise Glück ou Sharon Olds.”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Dores Tembrás

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Dores Tembrás, celebrado o pasado 26 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, con Dores Tembrás, o 26 de outubro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.

Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada un dos paseos. O programa previsto é o seguinte:

Sábado 26 de outubro: Dores Tembrás. A Coruña: cartografía con puntos de fuga​. Inscrición desde o 14 de outubro.
Este paseo propón demorarse nalgunhas interseccións entre pasado e presente nun péndulo que cruza tamén da palabra pública á íntima. A Coruña como territorio fascinado da literatura.

Sábado 9 de novembro: Tito Pérez. Un paseo polo barrio. Inscrición desde o 28 de outubro.
Seguiremos o percorrido do protagonista de O latexar do barrio e comprobaremos in situ as súas diversas realidades e contrastes. Pasaremos polo lugar onde o enterro dun poeta congregou hai 111 anos a 40.000 persoas. E, como non podía ser doutro xeito, remataremos no mesmiño centro neurálxico do barrio dos barrios galegos.

Sábado 16 de novembro: María Casar. Sobre o espello do mar e do vento, arredor de Luísa Villalta. Inscrición desde o 4 de novembro.
Roteiro sobre a poeta e os espazos da cidade da Coruña que poetizou nos seus libros En Concreto e Papagaio. Un camiñar pola paisaxe urbana que sae dos versos e sinala o territorio como xerme da creación. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, como espazo de vida e de historia, na que a música enche os baleiros.

Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!