Carballo: actividades do sábado 8 e domingo 9 na Praza dos Libros

Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para os días 8 e 9, destacamos os seguintes:

Sábado 8
11:00 h. Ruta urbana polos murais dos proxectos de arte urbana carballeses, coa participación de escritores e escritoras autores/as do libro Derrubando muros con pintura (Engaiolarte), que falarán dos seus relatos nos distintos murais sobre os que escribiron.
11:30 h. Brinca vai, concerto infantil de Paco Nogueiras (sobre o libro-CD homónimo publicado por Kalandraka).
13:00 h. Fernando Cabeza Quiles presenta Galicia, o galego e os galegos, publicado por Toxosoutos.
19:30 h. Rosalía Fernández Rial e Diana Varela Puñal asinarán exemplares das súas últimas obras.

Domingo 9
11:30 h. Presentación do proxecto Phottic e das súas publicacións Mar de invernía, de Héctor Pose e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga. Con Manuel Pan.
18:30 h. O contador de contos: Alba Bermúdez representa unha peza infantil baseada en relatos do escritor Carlos Casares.
20:00 h. Presentación de Devalar sen pel, de Modesto Fraga, publicado por Espiral Maior, que acadou o 19° Premio de Poesía Concello de Carral. Acompañarao o tamén poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
21:00 h. Atesourando a palabra. Homenaxe poética e musical ao benquerido Paco Souto, poeta, axitador cultural, político e percebeiro, recentemente falecido.

Xosé Luís Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral

Desde Sermos Galiza:
“O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba gañou a XX edición do certame de poesía Concello de Carral coa súa obra Das árbores tropicais e do amor, que presentou co seudónimo Sula Bassana. É a segunda vez que Mosquera obtén este premio, pois xa o gañou en 2010 co poemario Nadja c’est moi.
O xurado do concurso estivo formado por Teresa Seara e Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios. O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado”. O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga.”

Eva Veiga e Isaac Xubín fanse cos Premios da Crítica 2016

Desde Cultura Galega:
“O pasado 22 de abril Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) daba a coñecer os seus tradicionais premios, que recoñecen obras nas catro linguas oficiais do Estado. Nesta ocasión, na categoría de obras en galego os gañadores foron Eva Veiga en Poesía, polo seu poemario Soño e Vértice, e Isaac Xubín en narrativa por Non hai outro camiño. Os galardoados foron propostos pola Asociación Galega da Crítica, logo de votación dos seus membros, a estes prestixiosos galardóns que non teñen dotación económica.”

Eduard Velasco gaña o Premio Díaz Castro de poesía

Desde Sermos Galiza:
“O escritor galego-catalán Eduard Velasco vén de gañar a segunda edición do Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que organiza o Concello de Guitiriz.
A obra gañadora titúlase O filósofo coxo, e foi premiada por un xurado composto polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, a tradutora Ánxela Gracián e o crítico Armando Requeixo. Presentáronse 44 orixinais a este galardón. A obra será publicada nos vindeiros meses pola editorial Espiral Maior. (…)”