Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Faladoiros literarios na rede: Un señor elegante, con Suso de Toro, no Facebook Live da Librería Abrente de Bueu
Manuel Gago, “O novelista que converte en ficción a polémica nudista de Baroña de 1983”
Volve a novela coa que Xurxo Souto “inventou o mar” para a súa xeración
Desde Nós Diario:
“Edicións Xerais reedita O retorno dos homes mariños, do escritor e músico Xurxo Souto.
“Para min é unha celebración e unha emoción importante porque esa noveliña foi a primeira que escribín hai 20 anos”, conta o autor.
E agora volve tal e como foi pois para Souto é “importante manter ese toque de época, o documento de como era A Coruña de hai 20 anos, que mudou moito”, puntualiza.
A novela conta a vida de dúas personaxes, Mercedes, unha moza heavy que ten que traballar nun taller téxtil do Orzán para Inditex, “que agora leva- ron para Marrocos”; e outro rapaz, Eco, que fixo FP (Formación Profesional) porque quería ser antenista, “e chegou o tempo da televisión por cabo”, recalca o escritor.
No que si hai mudanza é na cuberta, que agora deseña o ilustrador Javi Prieto co retrato da protagonista, Mercedes, que tamén será o centro doutra novela de Xurxo Souto, A gran travesía de Chiruca Macallás.
Coa perspectiva das dúas décadas, a novela ten para o seu autor un novo valor. “Creo que é moi importante que alí apareceu a inquedanza da miña xeración, que non estaba formulada, eramos rapazada da cidade, cidades-barco, mais os nosos pais eran da aldea…
Somos da Coruña pero ninguén nos falou do mar a pesar de que nos chame na madrugada, ‘o Orzán’ ou ‘o Berbés’”. A procura do mar fíxoa Xurxo Souto non só neste O retorno dos homes mariños, nin n’A gran travesía de Chiruca Macallás, senón tamén cos Diplomáticos no disco Capetón, nos programas de radio.
Mais, “esta novela foi a miña propia invención do mar”, explica evocando Jenaro Marinhas del Valle e o seu poema épico Invenção do Mar.
O autor de O retorno dos homes mariños ten plans de cara a cando recuperemos a mobilidade. “Presentacións in itinere polas inmediacións da Torre de Hércules, por exemplo”, relata.
E tamén na ruta Vigo-A Coruña, “A Coruña e Vigo son a mesma cidade desde a perspectiva do mar e estamos incomunicados por terra, pola AP-9, como pode ser que o fluxo de comunicación máis importante do país sexa un negocio privado”, reivindica Xurxo Souto.
“Edúcannos como terrícolas”, di o escritor, “pero a xente nova ten fame de mar”.
E tamén Lisboa será obxectivo da presentación desta reedición, pois alí está a capela de “Santo Amaro dos galegos”.
“Un santo, que non existe, pois non está no santoral senón que é de culto popular e con tanta presenza na Coruña”.”
Manuel Rivas: “Na historia da literatura, as obras que pagan a pena son as comprometidas”
Ramón D. Veiga: “Botaremos en falta o Entroido pero podemos celebralo na casa”
Desde o Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Que pretende con este libro [Non pare a festa. É tempo de Entroido 2]?
– Ramón D. Veiga (RDV): Igual que co anterior, É tempo de Entroido!, queremos que a rapazada (e os non tan nenos) saiba da enorme riqueza etnográfica que temos en Galicia. Porque hai máscaras moi coñecidas coma os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo ou os Cigarróns de Verín, pero tamén existen outros Entroidos, se cadra máis agochados, como os Vixigueiros de Samede ou os Follateiros de Lobios –por citar só dous– igual de interesantes.
– FV: Tamén ten unha parte musical interesante… con que fin?
– RDV: A música é fundamental en calquera festa e se en É tempo de Entroido! lle pedimos a Isabel Fernández Reviriego (Aries) que lle puxese música ao texto do libro, neste caso foron Os Amigos dos Músicos os encargados de musicar Non pare a festa e non podemos estar máis contentos co resultado. Ademais, unha canción (e un vídeo realizado por Siradella Films) é un recurso interesantísimo para os colexios, onde os mestres e as mestras poden cantar e bailar co alumnado ao mesmo tempo que lles dan a coñecer o Entroido galego.
– FV: Entendo que o libro fai unha descrición das figuras do Entroido en Galicia, os nenos e nenas son conscientes ou é precisamente para achegarlles estas figuras tradicionais?
– RDV: Os nenos e nenas que viven en vilas e aldeas onde hai un personaxe típico do Entroido coñéceno e víveno intensamente. Porén, hai moitos lugares en Galicia onde o Entroido é máis urbano e viven a festa dun xeito diferente: disfrázanse, asisten aos desfiles ou mesmo participan nas comparsas e nos concursos, pero isto é moi diferente do que queremos amosar cos nosos libros. Aquí trátase o Entroido tradicional e, mediante as ilustracións de David Sierra, damos a coñecer como son esas máscaras, eses traxes e, en definitiva, eses personaxes tan excepcionais que forman parte da nosa cultura e da nosa tradición e que debemos reivindicar e respectar. (…)”
Eva Mejuto: “Este libro conta a historia dunha crianza pero narrada pola propia nena”
Desde Xerais:
“O programa ZigZag Fin de Semana, da TVG, emitiu unha entrevista de María Solar con Eva Mejuto e Bea Gregores sobre o libro: A lavandeira de San Simón, publicado por Xerais. A entrevista pode verse nesta ligazón.”
Tabela dos libros. Febreiro de 2021
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros, onde se ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”






