Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do 30 de novembro

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.

As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
11:00 h. Espazo Foro. Ler o mundo. Editorial Galaxia. Con centros de educación secundaria. Conversa entre Francisco Castro, autor de Iridium, e Amparo Rodicio, neuropsicóloga da Asociación Alento de Vigo, sobre o Dano Cerebral Adquirido e sobre a diversidade funcional.
17:00 h. Espazo Foro. Un neno na emigración e Vasoiras Barreiro. Edicións Fervenza. Presentación de dous contos infantís/xuvenís da autoría de Francisco Álvarez-Koki. Escritos en galego, castelán e inglés. Co autor, María Dolores Estévez e Carlos Loureiro.
17:30 h. Espazo Libro. Eli Ríos presenta DX, publicada por Urco Editora. Estará acompañada por David Cortizo.
18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A madriña. Edicións Fervenza. Con María Carmen Caramés Gorgal, autora, Xosé Manuel Lobato e Adrián Dono, ilustrador.
18:00 h. Espazo Libro. Colección Narrativa K (Kalandraka Editora). Coloquio con tradutores/as. Con Ramón Nicolás, tradutor e crítico literario, Laureano Araujo, profesor e tradutor, Xesús Fraga, xornalista cultural e tradutor, Antía Veres, tradutora, e Xosé Ballesteros, director da editorial.
18:30 h. Espazo Infantil Deleite. Lambetadas. Talía Teatro. Presentación do novo espectáculo dirixido por Diego Rey con Artur Trillo e María Ordóñez como intérpretes.
19:30 h. Espazo Foro. Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza. Xerais. Con Pepe Barro, autor. Presenta: Fran Alonso.
19:30 h. Espazo Foro. Presentación do libro A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Curso de Expertxs Universitarixs en Xestión Cultural da USC. Con Marcos Lorenzo e Sergio Lago, directores do curso, e autoras/es.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación da obra A fada pirata e representación teatral. Gañadora do Premio O Facho de Teatro. Edicións Fervenza. Con Estefanía Bustabad, Pablo Nuñez, Carlos Labraña e Paula Castro.
20:00 h. Espazo Libro. Presentación dos libros do Ciclo dos elementos: Xerais. A escritora María Reimóndez conversa coas súas lectoras; Ánxela Lema: En vías de extinción, Montse Dopico: Dende o conflito, Mercedes Peón: A música dos seres vivos, Montse Paz: As cousas que non queremos oír.
20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Antía Yáñez, autora de Senlleiras e Anna R. Figueiredo, autora de Os bicos feridos, publicadas en Galaxia.
21:30 h. Auditorio Pazo da Cultura. Sofía e as Postsocráticas. Inversa Teatro. Preestrea. Directora: Marta Pérez. Con María Roja, Silvia Penas e Marta Pérez. Espectáculo especial: prezo 10€. Entradas en Ticketea.

Yolanda Castaño: “Eu quero baixar a poesía das torres de marfil e contaminala de vida e de mundo”

Entrevista de Daniel Salgado a Yolanda Castaño en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como nace a idea de O puño e a letra?
– Yolanda Castaño (YC): Podo viaxar fóra coa miña poesía e iso sempre é refrescante. Ábreste e coñeces de primeira man prácticas poéticas últimas noutros territorios. Unha desas saídas foi a Italia. Que, sendo un país no social e no político bastante conservador, no creativo anda bastante na vangarda. Teñen moita máis tradición que nós no que respecta a poesía e música, spoken word ou poesía sonora. Da man dun amigo moi querido, Lello Voce, un dos personaxes da contracultura italiana, coñecín o comic poetry.
– SG: Orixe italiana, daquela.
– YC: Non só. Despois en Gales, a onde viaxei a través dun intercambio do programa Literature Across Frontiers –unha plataforma europea para a promoción das linguas non hexemónicas–, coñecín a Nicky Arscott, unha autora de cómic poético. Ela é poeta, debuxante, e fai un traballo excelente. Abriume as portas a outra autoras, curiosamente mulleres na súa maioría. Por exemplo, a Bianca Stone, unha das referencias da modalidade nos Estados Unidos.
– SG: Ningunha cousa en territorios próximos?
– YC: Comecei a pescudar no que había na Península Ibérica e basicamente atopei un nome. Tamén feminino. Laura Pérez Vernetti. Recentemente foi Gran Premio do Salón do Cómic de Barcelona. É unha muller nacida en Barcelona nos anos 50 e que comezou traballando cun poeta pouco coñecido. Despois fixo un cómic poético con textos de Maiakovski. Máis adiante, con poemas de Luis Alberto de Cuenca, de Miriam Reyes, de diferentes autores españois contemporáneos. Non atopei nada en portugués nin noutras linguas do Estado. Un pouco máis tarde, Fran Alonso [escritor e director de Xerais], gran coñecedor do cómic, contrastouno. E non hai nada na nosa tradición literaria. Eu xestei a idea de O puño e a letra durante o ano pasado, cando fixen 40 anos. Ademais, estou a piques de facer 25 publicando poesía e apetecíame celebrar un pouco a aventura poética. Por que non facelo cunha antoloxía de textos meus, un percorrido polos meus seis poemarios? Ademais, o último tampouco tivo unha moi boa distribución [A segunda lingua, colección Arte de Trobar, 2014]. Montei unha antoloxía persoal dos textos que atopaba máis acaídos pero tamén representativos. Propúxenllelos a 40 das artistas máis significativas da banda deseñada galega para que os interpretasen en viñetas.
– SG: O cómic poético non era practicado polos poetas pero tampouco polos debuxantes. Como acolleron estes a idea? Houbo reticencias?
– YC: [Ri] Non, reticencias non, pero de feito un bo número deles confesaron que non eran lectores de poesía. Do que se tratou foi de contaxiarlles este reto como un estímulo creativo, como un desafío do que agardabamos namorasen. Que lles resultase tan creativamente estimulante como para apetecerlles explorar eses novos carreiros dentro do seu traballo. Cando un creador ou unha creadora é honesta consigo mesma non adoita responder demasiado mal aos retos que se lle propoñan. Os esquemas, obviamente, mudaban. Neste caso non había personaxes, nin unha historia de tipo narrativo, nin un percurso. As debuxantes tiñan que camiñar máis polas sendas do simbólico, da impresión, da emoción…”

“Coser e descoser”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Sega:
“Escoller A balada dos unicornios de Ledicia Costas era unha aposta segura para unha tarde de lectura tranquila e apracible. Viaxar da man da autora ao Londres victoriano e acompañar as aventuras de Ágata McLeod na Escola de Artefactos e Oficios. Encántame o steampunk e a escrita coidada de Ledicia Costas. Estaba segurísima que a precisión lingüística que caracteriza as súas obras me ía facer gozar do ambiente de cascos voadores, teteiras motorizadas, arañas articuladas e, sobre todo, de unicornios moi especiais. A balada dos unicornios, un sofá e un café. O plan perfecto se non fose porque a autora tiña outros propósitos para nós, queridas persoas lectoras: aquí non hai un momento de tregua! nada de monear diante das páxinas!
Desde as primeiras liñas hai personaxes coas que imos leirar e outras que nos van enfadar (e moito) e non porque a narradora nos faga descricións interminables, non. Son as propias personaxes as que nos revelan o seu caracter polo que fan ou din:
̶ Vixía o teu saco de ferralla, non vaia ser que desapareza nun despiste ̶ apuntou a gobernanta atuándoa de xeito deliberado.(páx. 16)
Linguaxe descarnada, nunha acción constante, na que as personaxes non son maniqueístas. Non hai boas ou malas persoas. Hai circunstancias nas que os sentimentos de rabia, odio, etc, dominan a protagonistas e antagonistas e, tamén, ao contrario. A amizade esporea a Ágatha McLeod para facer cousas imposibles (ou que cría que eran imposibles), pero, tamén, o amor infinito de Cornelia polo seu fillo lévaa a mover ceo e terra para liberalo. Si, Cornelia, a mesma que afirma “O da túa amiga, esa dos dentes de aceiro, non foi nada persoal. Devorei o seu corazón coma tantos outros ao longo da miña vida. Iso si: recoñezo que este me soubo a gloria. Relámbome só de recordar o seu sabor doce e intenso” (páx 142). (…)”

Entrevista con Manolo Rivas sobre Vivir sen permiso e outras historias de Oeste

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Manuel Rivas fala sobre o seu novo libro Vivir sen permiso e outras historias de Oeste. Despois de facernos cavilar no seu libro anterior sobre a fin do mito da globalización feliz, Manuel Rivas volve ao relato curto para ‘desconfortanos’, como diría un dos personaxes do libro, desde ese lugar chamado Oeste.. A entrevista pode verse aquí.”