“Unha novela mulata”

Desde Radiofusión:
“Os incurábeis (Ed. Xerais) é a terceira novela de Antonio Tizón e forma parte dunha pentaloxia que tenta abordar a enfermidade mental a través da literatura, a través da novela negra ou policial. Todas elas son independentes. Pódense ler sen necesidade de lelas todas pero o autor recomenda facelo. O seu obxectivo ao encarar este proxecto literario é amosar unha imaxe real da enfermidade mental e desmontar os prexuízos que existen sobre ela. “A xente tende a pensar que os enfermos mentais son violentos, perigosos e mesmo bohemios” afirma Antonio Tizón. Nas cinco novelas el quere abordar diferentes perspectivas que dean unha visión real da doenza mental, un compromiso persoal porque el é un enfermo mental.
Tizón escolleu o xénero negro para abórdalo. Quixo facelo dun xeito entretido e ameno dende un punto de vista literario. Explícanos que enfermidades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar son incurábeis pero, se teñen diagnóstico e tratamento, pódese levar unha vida normal. A base é farmacolóxica nos casos graves e crónicos e mesmo son necesarias terapias complementarias como ter unha vida ordenada ou un entorno agradábel. O gran problema, afirma, é que cando o doente se encontra ben e deixa a medicación porque as recaídas traen problemas.
Entrando na novela que nos reúne nun novo club de lectura, Os incurábeis, vemos ao inspector Sánchez de novo no barrio dos Castros da Coruña tentando resolver un asasinato. “Hai moito autobiográfico pero tamén moita ficción” apunta o escritor. Corenta bares da Coruña que aparecen na obra son reais, personaxes ben coñecidos tamén, outros existen con nomes cambiados. “Busco a mistura, é algo intencionado. Xogo coa meta-literatura e a autobiografía”. Para Antonio Tizón o autobiográfico non ten porque ter menos calidade xa que sempre hai aspectos que interesan para a narración, sempre que se pasen polo filtro da literatura. “Hai que ter coidado en como se construe o relato, todas as vidas son interesantes pero hai que contalas ben”.
O podcast pode escoitarse aquí.”

Xavier Seoane: “Un tópico é unha pedra de toque, que se a fregamos amosa unha realidade moi fonda”

Entrevista de María Solar a Xavier Seoane na Televisión de Galicia:
“Imaxinación, humor e sentido crítico no Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane, escritor, profesor e comisario de arte. Os tópicos do país ou a nosa idiosincrasia conviven na obra con mitos, persoas, ou feitos que son conceptualizados neste dicionario arredor do que significa ser galego. A entrevista pode verse aquí.”

Trávelin, de Antonio Piñeiro, gañadora do XXVII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Desde o Concello do Grove:
“O xurado desta vixésimo sétima edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta convocado polo Concello do Grove emitiu o seu ditame. Os escritores e críticos literarios Alberto Avendaño, Armando Requeixo, Ánxela Rodríguez, Mario Regueira e Ignacio Vidal Portabales elixiron a novela co título Trávelin, presentada por Manuel Antonio Piñeiro Fernández baixo o pseudónimo ‘Avelaíña’. Trátase dun autor natural de Ribeira que conta no seu haber co Premio García Barros do Concello de Lalín pola obra As Fiandeiras e é ademais editor e director da editorial Bourel, na que se publican libros artesáns cosidos á man.
Piñeiro engade a súa referencia aos anteriores gañadores do Lueiro Rey, elixidos entre un elevado número de participantes que, como cada ano, quixeron optar a este premio. A alta calidade das propostas confírmase ano tras ano, o que converte a convocatoria do Manuel Lueiro Rey nunha das máis importantes do escenario literario galego. Queda pendente da evolución da situación actual a celebración do acto de entrega deste galardón que, ademais dos 3.000 euros, consiste na publicación da obra a través da editorial Edicións Xerais de Galicia.”