“Recordamos a obra poética de Xela Arias”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Editorial Xerais recolle a obra poética de Xela Arias no volume Poesía reunida (1982-2004). Neste espazo cultural falamos con María Xesús Nogueira, responsable da recompilación, quen explica que se trata dun “traballo de anos que responde a unha gran demanda do público por acceder a estes textos”.
O volume inclúe as obras da poeta, dende Denuncia do equilibrio ata o seu derradeiro libro, Intempériome. A creación da poeta afástase da tendencia que dominaba no momento. A súa obra estaba en constante revisión e ruptura, o que deixaba latente certa tensión propia dos anos nos que viviu a escritora.
A recompilación tenta manter “a autenticidade de Xela Arias, que represente como escribía ela”, conta a investigadora María Xesús Nogueira. Coa publicación deste libro, a literatura dá un paso máis para evitar o esquecemento de voces que son fundamentais na cultura galega.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

María Xosé Queizán: “Unha non é o que se considera, é o que é”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Repasa os álbums de fotos da súa vida. Acaba de publicar as súas memorias. Setecentas páxinas para 79 anos en que demostrou Vivir a galope. María Xosé Queizán asegura que non quixo facer un axuste de contas, só contar a súa vida. Mais esclarecer unha vida e iluminar as dos demais, dicía Simone de Beauvoir. A entrevista completa pode verse aquí.”