Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, chea de sentimento e de moitas historias de mulleres”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Eli Ríos fala da súa novela Luns, gañadora do Premio Torrente Ballester. A escritora fai un duro retrato da vida dunha muller enferma de cancro. A súa prosa debuxa unha loita frenética e visceral contra o avance inexorable da morte. Nesta tensión, a protagonista revisa non só as razóns da súa existencia, senón tamén a súa condición de muller. Pode verse aquí.”

Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Poemar o mar

Desde Xerais:
“O escritor Antonio García Teijeiro foi galardoado onte co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 polo seu libro Poemar o mar, publicado por Xerais. O xurado resaltou que o libro está «cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o grande protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas»
Poemar o mar é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con En la cuna del mar e Palabras do mar. Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel. En palabras de Rocío García Pedreira, «toda a obra poética de Teijeiro busca iniciar ao lectorado máis novo nos recursos formais básicos a través de temas que fomentan a reflexión crítica. Entre os seus versos recóllense homenaxes a outros poetas das tradicións literarias española e galega». (…)”

Tabela dos libros (outubro 2017)

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Eli Ríos: “Procuraba unha obra que chegase directamente ao hipotálamo”

Entrevista de Belén Bouzas a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A protagonista da túa primeira novela é Nerea, unha muller de trinta e sete anos, funcionaria, casada, con dúas crianzas e casa propia. O detonante da novela é o diagnóstico de cancro, dous meses de vida por diante e mil cousas por facer.
– Eli Ríos (ER): Luns tenta ser un reflexo da vida diaria. Tenta ser un espello no que mirarnos e no que analizar a nosa sociedade. Unha sociedade que esquece o tempo dos coidados, esquece a xente que necesita algo máis alá das leis que despois non se aplican. Estoume referindo á conciliación, estoume referindo aos coidados, estoume referindo a que parece que unha muller que teña un diagnóstico de cancro ten que seguir traballando. E isto non é que o diga Luns, é que o vemos na prensa, por exemplo, co caso da mariscadora que obrigaban a traballar. Son sentenzas e son sentenzas xudiciais, é dicir, que por moita lei que teñamos, se as persoas encargadas de aplicala non teñen un mínimo de formación sobre o xénero, mal andamos.
– SG: “Vou morrer”, así comeza Luns… Coa crueza dun diagnóstico de cancro.
– ER: Temos unhas leis que nos están dicindo que todo vai ben, mais que despois non se aplican. O mesmo acontece coa medicina. Se nós imos a un hospital e se está falando sobre o doente, o enfermo, estamos esquecendo que quen sofre é unha muller. Estamos esquecendo que nin sequera temos ese mínimo de respecto. E isto vai a todos os niveis. No momento en que comezamos e imos na narración dámonos conta do espello do que falabamos antes, dámonos conta de que ás mulleres nos tratamentos médicos ou se nos trata cunha condescendencia que resulta realmente ofensiva ou trátasenos cunha frialdade como se fose o máis normal do mundo. E isto contrasta moitísimo, por exemplo, con outros diagnósticos que se fan nos homes, cando alguén fala sobre un cancro de testículos parece que acabou o mundo. Cal é a diferenza entre un órgano e outro? Un home pode pedir unha baixa por un cancro de testículos pero unha muller ten que ir recoller as crianzas á saída da escola, unha muller ten que rogar que por favor lle permitan o acceso a unha perruca ou a unha prótese… Entón, estamos nuns procesos médicos que si, contan cuns grandes avances, non podemos xeneralizar, pero debemos reformularnos para que estas cousas cambien, debemos ter dereito as mulleres a dicir “estou enferma, teño cancro”. E o que procura esta novela é que reaccionemos. Non poñamos un emoji no Facebook ou un “síntoo moito”. Non. Imos facer cousas en realidade, imos botar man en realidade. Por iso o que procuraba con esta narración visceral é unha obra que chegue directamente ao hipotálamo. É dicir, reacciona.”