Marín: presentación de Sete caveiras, de Elena Gallego

O xoves 20 de marzo, ás 20:00 horas, no Museo M. Torres de Marín (Avenida de Ourense, 1), preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Foro de Debate Marinense, xunto á autora, participan Asun Estévez, Ángel García Carragal e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de A alternativa está aquí, de María Reimóndez

O mércores 19 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Emilio M. Martínez Rivas e Manuel Bragado.

Brasília: Elena Gallego participa no XI EIDE (Encontro Internacional de Escritoras), a celebrar entre o 13 e o 17 de marzo

Desde Xerais:
“Espallar a maxia do dragón galego e buscar novos lectores para a súa triloxía fantástica é o obxectivo co que a escritora galega Elena Gallego Abad participa no Encontro Internacional de Escritoras (XI EIDE Brasil) que se celebra en Brasília do 13 ao 17 de marzo.
Promovido pola Academia de Letras e Música do Brasil, o XI EIDE celébrase por vez primeira nun país de lingua portuguesa, e reúne na Capital Federal do Brasil a escritoras, xornalistas e formadores de opinión de varios países, evidenciando o espírito creativo das mulleres e a súa capacidade de produción literaria. A programación xeral do evento abrangue unha serie de palestras, talk shows, oficinas e performances. Tamén  unha exposición de libros, con lanzamentos e presentacións.
A saga Dragal será unha das obras literarias presentadas durante este encontro. Elena Gallego Abad impartirá unha palestra cuxo texto será publicado pola Fundação Alexandre Gusmão – FUNAG, vinculada ao Ministerio de Relações Exteriores de Brasil, nunha antoloxía bilingüe (castelán e portugués). Ademais de participar neste XI EIDE Brasil, durante os últimos días Elena Gallego xa mantivo encontros con editoras cariocas, que amosaron o seu interese por unha posible tradución de Dragal ao portugués. Máis información na web do encontro.”

Vigo: presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo

O venres 14 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, con ilustracións de Xosé Cobas, publicada por Xerais. No acto, xunto aos autores, participan Ramón Nicolás e Helena Pérez.

Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo

Á procura dos trazos que nos describan

Con este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.

No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

Betanzos: presentación de O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán

O mércores 12 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Manuel Bragado.

Tabela dos Libros de marzo, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de marzo. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. En hora boa a todxs xs destacadxs e beizóns xs compañeirxs pola parte que me toca. Boas lecturas!»