Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace este poemario [Nomes] e a súa conxunción entre poesía, nomes e natureza?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): No seu día, no primeiro libro que publiquei en Galaxia, Versos para conversar, por razóns editoriais quedaron fóra unha serie de poemas; logo saíu Soneto no alfabeto, outra dimensión da concepción poética e, entrementres, eses poemas que ficaran aí tamén reclamaron a súa propia vida, e mais compaña. Estas composicións constitúen a primeira parte, “Lugares”, deste novo libro, Nomes, e incorporáronse máis poesías para complementar a obra que se foi facendo con vagar ao longo do tempo.
No volume hai unha proposta de reivindicación, de dar a coñecer a nosa vida, as nosas palabras e os nosos nomes, os nosos topónimos, ese pequeno e gran patrimonio. O primeiro poema di “son dun país pequeno cheo de nomes grandes // son dun país grande cheo de nomes pequenos”. Estamos inzados de riqueza toponímica e reivindícase a súa prestancia, o seu uso e a súa habilitación, porque moitos deses nomes son de raíz rural, agrogandeira, e agora están cubertos de esquecemento porque, entre outras razóns, debido a malas políticas non temos o noso sector produtivo desenvolvido, e o poemario é tamén unha forma de denuncialo.
– ND: Entón a presenza da natureza non é só por tratar a toponimia senón tamén como reivindicación.
– XCDA: Enxergo os contidos do libro desde unha perspectiva lúdica, creativa e pensando na xente máis nova, para que coñezan os nomes e xoguen con eles e neles, pero detrás diso tamén hai unha mensaxe máis profunda, que é esa reivindicación dun país vivo, produtivo e dono dos seus recursos.
– ND: Como docente, a intención didáctica abrangue tamén os seus libros ou fica fóra?
– XCDA: Procuro que o meu alumnado se achegue á literatura galega e en galego e fomento a lectura na nosa lingua, para que a rapazada adquira principios e valores universais, sexa no ámbito que sexa. Todos os cursos, sobre todo en niveis medios e altos, propoño unha lectura de narrativa que teña como fondo unha historia arredor do que foi a represión franquista e o golpe de Estado, a través diso estaslles a dar a coñecer unhas realidades que para eles están sempre ocultas, e neses universos creativos agroma a liberdade. Así tamén detrás da poesía hai outras leccións. A finalidade pedagóxica supoño que está sempre na literatura. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
A Coruña: presentación de Movendo os marcos do patriarcado, de Marilar Aleixandre e María López Sández
A Coruña: presentación de Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, de Narciso de Gabriel
Baldo Ramos e Eva Veiga, en creación literaria, e Andrade Cernadas e López Carreira, en investigación e ensaio, obteñen o Premio Antón Losada
Desde o Concello do Carballiño:
“Na Casa do Concello do Carballiño, ás 11:00 horas do día 24 de abril de 2021, reúnense os membros do xurado que a continuación se relacionan, para a selección das obras premiadas segundo as bases publicadas para o efecto.
Asisten:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.
Polo Consello da Cultura Galega, don Xosé Manoel Núñez Seixas.
Polo Museo do Pobo Galego, don Mª Xosé Fernández Cerviño.
Pola Deputación de Ourense, don Luís Eugenio González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Mar Lorenzo Moledo.
Pola Universidade de Vigo, don Alexandre Rodríguez Guerra.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Biscaínho Fernandes.
Actúa como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández. (…)
Despois das deliberacións sobre as obras, cunha maior profundidade e expoñendo variedade de argumentos, por unanimidade dos presentes decídese outorgar o Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición e na modalidade de Creación Literaria: Quérote canto (Ed. Galaxia) de Baldo Ramos e Eva Veiga.
O xurado quere salientar neste premio a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Dúas voces asentadas e diversas de lírica de noso que transitan camiños distintos nunha estancia común, conseguen conmover aos lectores de lectoras. Velaí o milagre da poesía.
Despois dun pequeno receso, iníciase a selección na modalidade de Investigación e Ensaio. (…)
Logo de novas deliberacións, e nunha derradeira votación, o xurado acordou conceder por unanimidade o Premio Antón Losada Diéguez, na súa XXXVI Edición, na modalidade de Investigación e Ensaio a O Reino medieval de Galicia (Edicións Xerais) de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.
O xurado valorou a achega orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, rescatando do esquecemento a existencia do reino de Galicia con rigorosidade e carácter divulgativo, combinando ensaio e investigación en fontes tanto cristiás como musulmáns, con paixón polo pasado temperada polo coñecemento académico e ben fundamentado. (…)”
Compostela: presentación de A colección fraseolóxica de Vicente Risco
Ferrol: actos destacados do 25 de abril na Feira do Libro 2021
O 25 de abril acaba a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 20:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:00 h. Laura Cortés asina As formiguiñas fiandeiras, publicado por Hércules.
– 13:00 h. Andrés C. M. Riveira asina Memoria das cousas perdidas, publicado por Urutau.
– 13:00 h. Regina Touceda asina deriva, publicado por Espiral Maior.
– 17:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina Os rostros do frío, publicado por Fervenza.
– 18:00 h. Emma Pedreira asina XelArias. Palabra á intemperie, publicado por Baía.
– 19:00 h. Medos Romero asina Hortensia, publicado por Medulia, e Peixes que esvaraban ao unísono, publicado por Caldeirón.
– 19:00 h. Antón Cortizas asina Adiviña esta adiviña, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Marilar Aleixandre asina As malas mulleres, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Ignacio Vidal Portabales asina exemplares de Lara e Sabela, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
Ferrol: actos destacados do 24 de abril na Feira do Libro 2021
O 24 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 13:00 h. Ramón Sánchez asina Vagar de náuseas, publicado por Urutau.
– 13:00 h. María Brenn asina As mil vidas de Dorotea, publicado por Cuarto de Inverno, e outros títulos.
– 17:00 h. María Moure de Oteyza asina María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel, publicado por Teófilo.
– 18:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
– 18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
– 19:00 h. Alberte Momán Noval asina Non venal, publicado por Urutau, e Non marches nunca, publicado por Medulia.
– 19:00 h. José Antonio Ponte Far asina Escritores universais, publicado por Medulia.
– 20:00 h. Jamas asina Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.
– 20:00 h. Montse Pena Presas asina Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias, publicado por Galaxia.