Entrevista a Marilar Aleixandre e Xesús Fraga: “Queremos esquecer que en Galicia houbo fame, que a xente emigrou”

Entrevista de Héctor J. Porto a Marilar Aleixandre e Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“(…) «Sen memoria estamos incompletos. Pero lembrar é algo que ás veces suscita críticas, e percibes rexeitamento cando falas de cousas do pasado que non son bonitas. As experiencias que enfrontan tanto a novela de Xesús Fraga como a miña son moi duras. E queremos esquecer que en Galicia houbo pobreza, fame, que a xente tivo que emigrar, que houbo cárceres, que as mulleres morrían porque tiñan que abortar clandestinamente… Isto varríase debaixo da alfombra». Defende así a escritora galega Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) a necesidade de recordar: «Hai que mirar cara atrás para poder saber quen somos, de onde vimos, e explicar o noso presente». E ese exercicio de indagación é o que pon en marcha en As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela na que rescata o penal coruñés de mulleres da Galera e coa que vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa, cobizado trono no que releva a outro galego, o xornalista de La Voz de Galicia e narrador Xesús Fraga (Londres, 1971), e a súa novela autobiográfica Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020), na que fai outro tanto ao reconstruír a historia da súa avoa na emigración.
Reunidos ambos os dous no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, analizan un recoñecemento que vén de fóra -que se suma ao que acadaran tamén de maneira sucesiva co Blanco Amor– e achega unha desexable visibilidade ás súas obras, vinculadas tamén pola súa tradución ao castelán no selo aragonés Xordica (a de Aleixandre chegará ás librarías nunhas semanas).
A pobreza, a fame, a falta de instrución… Volve sobre o pasado Fraga, que anota que na casa onde vivían nos 50 a súa nai e as súas tías a cociña era de leña e ían por auga á fonte coa sella. A maiores, razoa, lastraba a falta de expectativas. «Ti estás nesa clase social e xa dende dentro interprétase que non hai forma de saír de aí, como unha condena. As miñas curmás e mais eu fomos os primeiros universitarios da familia, non porque os anteriores fosen máis parvos, ou nós máis listos, é que a eles nin se lles pasaba pola cabeza pensar que alguén da familia estudase: eles sabían que o seu papel era traballar no que puidesen e traer á casa un aporte económico, non había opción». Por se fose pouco, a emigración foi o medio que a súa avoa tivo para superar o estigma de muller abandonada polo home, porque «iso era unha tacha como o era a das nais solteiras, ás que marchar lles permitiu empezar de novo e sacar adiante aos seus con dignidade e con cartos». (…)”

Helena Villar Janeiro: 50 anos de poesía social e feminista

Entrevista a Helena Villar Janeiro na Televisión de Galicia:
“Helena Villar Janeiro celebra os seus 50 anos como creadora poética. E faino cun libro De rosa antiga, que recolle a súa poesía máis significativa, a que transita dende unha voz intimista a unha lírica cun marcado compoñente social e feminista. Inclúe os seus primeiros poemas en castelán e tamén composicións inéditas. Conversamos con ela na súa casa e contounos cales son os atributos da súa produción lírica. A entrevista pode verse aquí.”

Antón Riveiro Coello pecha ciclo literario con Días de intemperie

Entrevista a Antón Riveiro Coello no Diario Cultural da Radio Galega:
“Relatos co pano de fondo da guerra e que o autor pon en relación coas novelas As rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes. A entrevista pode verse aquí.”

Xosé Antón Cascudo Rodríguez gaña o Premio Ramón Piñeiro 2022

Desde Galaxia:
“A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2022, que organizan conxuntamente o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse na mañá do 26 de decembro, nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta XXII edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
O xurado valorou en A mísitca da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.
Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, posuidor dunha estrutura acaidamente arborada, A mística da feminidade en Mad Men achega, e anosa, unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
Así mesmo, o xurado salientou a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e espella a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando dende hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secreatría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. (…)”

Antón Riveiro Coello gaña o Premio Álvaro Cunqueiro

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, nas dependencias da Biblioteca Pública de Mondoñedo, constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título Hotel Carioca. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Antón Riveiro Coello.
O xurado destaca en Hotel Carioca a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva.
Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.
Dotada dunha escrita tremendamente áxil, Hotel Carioca atrapa desde as primeiras páxinas, acompañando ao lector na súa descuberta duns labirintos familiares cheos de silencios, fracasos e derrotas ata un final sorprendente e impactante ante o cal ningúen pode ficar indiferente.
O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Editorial Galaxia, convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores. (…)”