Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019

Redondela: actos destacados do 8 e 9 de xuño na Feira do Libro 2019

O 9 de xuño finaliza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 8
18:30 h. Concerto-presentación de Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.

Domingo 9
12:00 h. Sinatura de Vicus. Un lugar do común, de Beato Luces, na caseta da Libraría Hijos de Amador Pérez.
13:00 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, espectáculo musical de Xurxo Souto.
18:30 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.

Tabela dos libros. Xuño de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Vaia para eles catro o meu máis fondo agradecemento por, un ano máis, ter prestado a súa axuda xenerosamente e facer posible esta sección.
Boas vacacións e felices lecturas!”

Arantza Portabales: “Ao final, todas conseguimos empatizar coa parte escura dos demais”

Entrevista de Daniel Salgado a Arantza Portabales en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que a cor vermella obsesiona a varias protagonistas da novela?
– Arantza Portabales (AP): Antes de escribir tiña moi claro que quería un asasinato de círculo fechado. Sabía que o quería nunha urbanización e facer unha novela de misterio de sempre, X sospeitosos nun círculo moi pequeno de xente. De súpeto, unha mañá érgome, estaba en Esteiro de vacacións, e vénme a frase: a beleza é vermella como unha cunca de cereixas. E ao momento escribo o primeiro capítulo. Como un microrrelato. O vermello é a cor do sangue, do asasinato. E fago o primeiro capítulo con esa reminiscencia artística a unha obra dunha escultora galega amiga miña e da que coñezo a súa obra. E tal como me sae ese capítulo vénme a novela enteira. Entón decido a importancia da estética e do vermello e mesmo o título, Beleza vermella. Teño o título antes que a novela! E gustoume mesturar o esteticismo da obra de arte e todos os significados da cor vermella e do sangue.
– SG: Varios personaxes –Lía Somoza, Xiana Alén, Aurora Sieiro– son precisamente artistas. A que se debe?
– AP: Xogar coa arte deume a posibilidade de tinxir de beleza algo tan horroroso como un asasinato. Porque, de feito, o primeiro que percibe quen atopa o cadáver é a fermosura da imaxe. Despois, case psicanalizándome, permitiume contrastar os dous mundos que hai nesas mulleres, case contrapostas, que son as irmás Somoza, Lía e Sara. Unha é puro pragmatismo, licenciada en Dereito, vive coa súa familia nunha urbanización e a nai de Xiana. A outra vive totalmente abstraída da realidade e tanto lle dá a cotización do euríbor. Simplemente vive nun mundo de dúas dimensións e non é capaz de pasar a un mundo de tres. Gustoume ese ying e ese yang, ese mundo real versus mundo artístico. Esa tensión entre a realidade e o pulo artístico existe un pouco na miña vida.
– SG: A novela negra, que é como a clasifica a editorial Beleza vermella, ocúpase a miúdo dos baixos fondos. Porén, a súa acontece nunha urbanización de xente de elevado nivel económico.
– AP: Esta novela, máis que negra, é policial. Gran parte da novela negra derivou no realismo sucio e na marxinalidade, máis alá da propia resolución policial. Que, por outra banda, é sempre o menos interesante dunha novela. Por que eu me centro tanto na parte policial? Porque quería facer unha clara homenaxe á literatura que eu lía de pequena. (…)”