Xesús Fraga: “Había moitas mulleres que emigraban soas ou que collían a iniciativa e logo levaban ao mozo”

Entrevista de Laura Veiga a Xesús Fraga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que tiña ese interese polo Montserrat?
– Xesús Fraga (XF): Hai tres anos publiquei un libro que recollía a memoria e a migración da miña familia, Virtudes (e misterios) (Galaxia). Revisando un álbum de fotos atopei unhas imaxes da miña nai e a miña avoa na cuberta dun barco no que se lía perfectamente Montserrat e, falando con outras persoas que marcharan ao Reino Unido arredor desa época, mencionaban moito ese barco. Cando entrei a formar parte da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega fixen a proposta de armar un traballo sobre esa travesía, sobre esas persoas que embarcaban cara un país do que non sabían practicamente nada.
A maioría nin sequera viaxara nunca en barco nin ao estranxeiro. Parecíame moi interesante para indagar sobre como era a emigración naquel momento, sobre todo no que respecta á parte emocional: que medos tiñan, as circunstancias que levaran a esas persoas a marchar, que sabían do país, que levaban e que traían. Logo ademais tamén fomos ampliando o foco para indagar sobre como era a vida aló e as relacións que estabelecían. (…)”

Vicente Araguas: “Como dicía Unamuno, un fala do que ten máis a man, que é un mesmo”

Entrevista de Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Como xurdiu o libro [O lugar onde vou]?
– Vicente Araguas (VA): Un día, nunha destas miñas andainas, aparecín aí nun bar en Cabalo Branco. Era verán e había sobre todo homes xubilados e tamén unha camareira na barra que ao parecer ao día seguinte comezaba as vacacións. Os paisanos querían saber onde ía ir, e ela todo o tempo dicía “o lugar onde vou”. Non quixo dicir o sitio. Alí pasaron cousas, unhas pasaron e outras invéntoas. O título vén precisamente de aí.
– DF: Pódese dicir que é un libro autobiográfico?
– VA: Non o é, pero si que recollo situacións, lugares e momentos que vivín… Desde Cabalo Branco a Xuvia-Neda, pasando por Roma, Santiago… Son os meus lugares recorrentes. É dicir, é un libro mixto, coas miñas referencias, escrito nun estilo realista, que é o que eu practico, aínda que ás veces salte un pouco tamén á fantasía. Hai tamén algún relato de terror e algunha referencia familiar, como ao meu tataravó, o Caldeireiro. É dicir, eu estou falando de toda a miña vida, como normalmente fai a xente, aínda que escriba literatura fantástica. Un fala, como dicía Unamuno, do que ten máis de man, que é un mesmo. Todos temos unha intrahistoria e a partir de aí vas elaborando, no meu caso coa axuda da observación. Eu son unha persoa bastante solitaria, pero a partir desa soidade é onde extraio esa compaña da xente do común.
– DF: É un chisco máis nostálxico que os anteriores?
– VA: Non creo. Nalgún relato aparece a historia e tamén me interesa a literatura de terror. Edgar Allan Poe e Lovecraft son dous dos meus mestres. En fin, que nos seus case quince relatos hai unha mestura, menos centrado xeograficamente que o meu anterior libro de relatos, Xuvia-Neda, aínda que eu non lle teño ningún medo ao local porque é o meu espazo. (…)”

Henrique Monteagudo: “Temos menos falantes de galego pero máis conscientes e que consomen cultura de xeito moi distinto. Aí está o desafío”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): Que cambia en 1963, nese ano do prodixio, como destacades no número deste ano que conmemora o 60 aniversario da revista Grial?
– Henrique Monteagudo (HM): En 1963 cambian algunha cousas, e unha delas é que aparece unha nova xeración que xa non viviu a República. Cambia tamén o réxime, que abandona a autarquía e comeza o ‘desarrollismo’ e busca o seu ingreso nos círculos europeos, o que o induce a abrir un pouco a man en certas cousas. Por exemplo, autorízase a creación de asociacións culturais, que xogaron un papel fundamentalísimo nos anos seguintes. Deste xeito, a ditadura autoriza unha publicación como Grial, coa condición iso si, de que a metade da revista se publicase en castelán. Grial foi bilingüe ata 1975 e o primeiro número integramente en galego foi o que se publicou en 1976 no 25 aniversario da morte de Castelao.
Para a xente de Galaxia, a posta de marcha da revista era un gran triunfo. Unha das súas grandes preocupacións era que a nova xeración que nacera xa na ditadura non coñecía nada do que se fixera antes de 1936. Nese primeiro número de Grial aparecen xa Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xohana Torres e Carlos Casares, o que é moi significativo e anticipa ademais a importancia que nos anos seguintes vai ter o movemento estudantil da Universidade. Os anos 60 son outro tempo e nese tempo é cando Grial pode saír.
– P: En 1975 non se produce un cambio de dirección na revista e tampouco muda especialmente a súa estética, pero entendo que a fin da ditadura si que introduce cambios na publicación, sobre todo nos temas tratados?
– HM: Na historia non avanzan todas as cousas de forma simultánea. Por iso, o que se produce é unha especie de décalage, de proceso paulatino. Aínda que o relevo na dirección da revista non se deu ata finais dos 80, moito antes Ricardo Carvalho Calero -que foi unhas das persoas fundamentais nas dúas primeiras década da revista- comezara a pedirnos aos estudantes traballos para Grial. Iso dá entrada a novas xeracións e tamén leva a unha progresiva especialización, con voces expertas en temáticas específicas. Aí aparecen en Historia os Villares, en Economía os Beiras, Fausto Dopico, María Xosé Rodríguez Galdo, ou Franco Grande.., e outros, dando lugar a contidos cada vez máis especializados, o que acaba sendo co paso do tempo un problema para a revista.
– P: Un problema en que sentido?
– HM: Un problema no sentido da tendencia que nesas décadas se dá no mundo intelectual da substitución dos autores e lectores polifacéticos polas sinaturas expertas en cuestións máis concretas, que escriben progresivamente dunha maneira máis especializada, abandonando aquel esforzo da alta divulgación, por chamarlle dalgún xeito, de persoas que coñecían un tema e que tentaban facerse comprender e levalo a un público máis amplo.
Nos últimos anos esta situación agravouse por mor da obsesión polas métricas e as puntuacións outorgadas no ámbito académico pola publicación de traballos. Un investigador ou investigadora, para poder facer carreira universitaria, ten que publicar en revistas que teñan unha determinada puntuación e nós sempre rexeitamos a posibilidade de converter Grial nunha revista dese tipo, porque lle quitaría dimensión social. A consecuencia é que un autor ou autora nova sabe que publicar un texto en Grial lle outorga moitos menos puntos que facelo nunha revista académica que nin se vai ler en Galicia. (…)”

José Luis Baños de Cos gaña o VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“O autor gañou o premio pola obra presentada baixo o título de Fóra de xogo.
No concello da Pobra do Caramiñal, a 29 de decembro, reunidos os membros do xurado do VI Premio de Literatura infantil Carlos Mosteiro, composto por María Xesús Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia, María Canosa, escritora, gañadora da anterior edición, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide por maioría outorgar o premio a á obra presentada baixo o título de Fóra de xogo, baixo o lema De pombas, aguias e señores corvos, que, unha vez aberta a plica, resultou da autoría de José Luis Baños de Cos, nado en 1977, licenciado en dereito e antropoloxía social, gañador en 2020 e 2022 do Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, coas obras A cámara escura, e Lume, publicadas pola editorial Galaxia.
O xurado valora desta obra o seu contido social, o tratamento dos seus personaxes femininos protagonistas e o alento poético dunha historia que reivindica os dereitos das nenas a través do deporte, a amizade e os soños compartidos nunha situación de discriminación e desesperanza.”