Unha canle trinacional para a poesía

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“En Se calhar não é o tempo o que importa, a poeta Eli Ríos (Londres, 1976) afonda na investigación formal que iniciara en Culpable (Xerais, 2017). O poema estala e incorpora todo tipo de materiais, os ritmos desfigúranse, hai onirismo e ataques frontais ás escravitudes da vida cotiá. É, ademais, un dos últimos títulos de Urutau, recente e activa editora galego brasileira cuxa sección na Galiza dirixe Wladimir Vaz.
O proxecto naceu en São Paulo nun período de crise xeral do país. “E nos períodos de crise é ás veces cando poden xurdir cousas novas”, relata Vaz a Sermos Galiza. Un poeta, un editor e un deseñador -o propio Vaz- foron os impulsores iniciais. Mais o traslado deste último a Ourense en 2015 mudouno todo. Descubriu a literatura galega e Urutau, cuxo nome refire un paxaro nocturno e tropical, converteuse en trinacional: Brasil, Galiza, Portugal.
“Na poesía galega chamoume a atención o mesmo que me chama a atención na portuguesa ou na brasileira”, resume, “aquilo que eu non teño, o que sinto que é diferente de min. Ao cabo, é como un movemento de antropofaxia cultural”. O eco da célebre vangarda brasileira, que chamaba a engulipar tendencias diversas e influencias externas para elaborar discurso propio, serve a Vaz como ferramenta de asimilación do novo.
“É un modo de ollar o mar, un modo de ollar a terra”, esténdese ao respecto, “por exemplo, a figura da avoa está moi presente na poesía galega”. Que, ademais, o abraia coas “moi diferentes estéticas” activas na actualidade. Sen saír da Urutau, o clasicismo rilkeano de Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995) en Metafísica da ausencia (2019) e o aire confesional de Silvia Penas (Vigo, 1980) en Fronteira Paraíso (2019) comparten catálogo.
“Existen múltiples voces nun territorio tan pequeno…, resulta incríbel”, engade, antes de anunciar entre as vindeiras publicacións un libro de sonetos elexíacos do coruñés Óscar García e o terceiro volume da contundente triloxía política da portuguesa Judite Canha Fernandes. Os dous primeiros tituláronse a fúria da loiça da china (2018) e o mais difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas (2017). Urutau leva colocado nas librarías case 200 libros. Entre os galegos, obra de Arancha Nogueira, Rebeca Baceiredo, Moncho Iglesias, Patricia Meira, Gaspar Domínguez, Noa Moreira.
Con Vaz traballa agora desde o Brasil un dos fundadores, Tiago Fabris. Os volumes publicados na Galiza chegan a Portugal e comezan a facelo á outra beira do Atlántico. “Aínda estamos pensando como distribuír poesía galega no Brasil, onde teño a sensación de que a poesía galega non é moi coñecida. Queremos preparar unha colectánea antolóxica do que publicamos en Urutau entre 2018 e 2019”, avanza, “e expoñer como de vasta é a literatura galega, da lírica medieval ao debate feminista contemporáneo”.”

“O futuro pasa por nosoutras”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai agasallos que chegan como océanos roleiros. E producen a mesma fascinación das augas bravas! Regueifa en Bergantiños de Alba María Rodríguez é un libro de investigación, si, deses de moreas de datos e reflexións profundas que, neste momento, me apetecían ben pouco. Só pensar en concentrarme en frases académicas complicadas e complexas, xerábame unha preguiza de dimensións épicas. Aínda así, a curiosidade xa aguilloara… que razón tiña a persoa que mo trouxo para escoller este e non outro? por que a regueifa e non un libro de poemas ou unha novela? que sabe que eu non sei? E, así, sen querelo cheguei ao punto final e un ” xaaaa?!” deu na chave deste estudio. Fíxoseme curto, moi curto, quedei con ese sabor no padal do texto que les dunha sentada porque o equilibrio entre o académico e o divulgativo levoume páxina tras páxinas sen que me decatase.
O que nun principio parece a análise de dúas figuras, Celestrino de Leduzo e Calviño de Tallo, convértese nunha clara reivindicación centrada en dous puntos: un estado da cuestión e o relevo xeracional.
A autora, seguindo a liña da colección Chave Mestra, nunha loita contra a desmemoria e de posta en valor do tradicional, achega un estudio da xeografía da regueifa, as primeiras manifestacións, a orixe do termo, o proceso de profesionalización, etc, pero sempre desde o papel social da improvisación. O valor da palabra como parte de toda a vida. Así, sorprendémonos reflexionando sobre a importancia do trigo, o centeo e o millo en relación coa regueifa ou sobre o que supuxo a chegada da electricidade para as representacións. Ou, incluso, dos roles de xénero. (…)”

Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019

Fallado o XIV Premio de Narración Curta Concello de Curtis

“O xurado do certame do XIV Premio Narración Curta Concello de Curtis fallou xa os premios destacando o alto nivel dos relatos presentados, así como o récord no número de participantes, 115 de toda Galicia.
A proposta temática deste ano foi un reto literario no que se convidou á xente a escribir un relato no que tiñan que aparecer vacas, un tren e… zombis!
O Concello de Curtis convoca este galardón desde hai catorce anos co fin de promocionar as letras galegas.
Os premiados:
CATEGORÍA A (xente nova)
1º premio de 200 euros para Nee Barros Fernández, de Marín, polo seu relato RE(IN)SURRECCIÓN.
2º premio de 100 euros para Alba Guzmán Falcón, de Ourense, polos seu relato RESURRECCIÓN.
CATEGORÍA B (xente adulta)
1º premio de 350 euros para Antonio Piñeiro, de Ribeira, polo seu relato ONDE NOS LEVEN.
2º premio de 150 euros para Emma Pedreira e Eli Ríos, da Coruña, polo seu relato ZETAVACAS.
O xurado estivo formado polo escritor Antonio Manuel Fraga e pola gañadora da edición anterior, Elena Pérez Vázquez, xunto coa coordinadora do certame, Lucía Aldao, con voz e sen voto.
Os galardóns entregaranse o 7 de xuño.”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Eli Ríos

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Lucía Aldao, celebrado o pasado 27 de abril. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

LIX Rianxo. Semana do Libro Infantil e Xuvenil 2019

Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (V)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Acto literario e musical. Actuación de Aldaolado e presentación de autoras-es participantes (II):

Acto literario e musical. Recital de Estíbaliz Espinosa:

Acto literario e musical. Recital de Antonio García Teijeiro:

Acto literario e musical. Recital de Antía Otero:

Acto literario e musical. Recital de Eli Ríos:

Tu contas e eu conto de Susana S. Arins, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai escritas que se acompañan con rituais necesarios. No meu caso acontéceme cos libros de Susana Sanches Arins. Nos días da publicación fuxo, a canto dan os pés, de calquera spoiler. Tapo as orellas, como as crianzas, e repito “non te escoito, non te escoito” para non romper a maxia. Esperar que chegue a obra á libraría coa emoción da noite de reises. E reservar o tempo porque sei que o preciso nada máis saia pola porta. Ese tempo sen teléfono, sen compromisos. Ese tempo só para escoitar os contos de Susana S. Arins. E volta o verbo escoitar cos ollos, oír na lectura porque as grandes contadoras, como Susana S. Arins, saen do papel para transmitirnos a memoria do miúdo. A memoria do cotián, desas cousas do íntimo das que ninguén fala e que son as heroicidades diárias como sobrevivir á precariedade ou regresar á casa despois de sentir o medo no corpo. O privado e o público. O político desde o persoal. Repensar onde estabamos o día do accidente do Alvia ou na nevarada de 1987. A narradora, nunha auto-ficción maxistral, cóntanos que facía ela ese día e nós tamén queremos saber. E, nese instante, prende a maxia. A faísca primixenia para sabernos parte da historia. Dentro. Porque a Historia que se conta nunca é individual: está quen cala e quen obriga a calar. Tamén quen ofrece as liñas do papel para erguer a voz:

E deu um nome. E sabia. (…)”