As redes de Inés, de Elvira Riveiro, por Eli Ríos

Artigoelvira_riveiro_tobio de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Porque tamén, hai (vou dicir unha obviedade) mulleres creativas, con imaxinación e que non desexan ser executoras, dilixentes reproductoras nin dóciles instrumentos sen vontade. E Elvira Riveiro móstranos na súa obra, As redes de Inés, que outra realidade é posible desde idades temperás.
Na etapa infantil, a poesía é un xoguete sonoro cheo de cores que non está condicionado por normas gramaticais e lóxicas. Simplemente é un elemento lúdico do que gozar. Neste proceso de xogo ábrense os camiños da inventiva pero, ao mesmo tempo, incorpórase léxico novo, contribúese á adquisición da linguaxe e refórzanse os lazos afectivos e referenciais. Lembremos que a linguaxe é o recurso primordial para comunicarse cos demais. Adquirila non só é obter os elementos que a constitúen senón, tamén, os mecanismos para usala e, desta forma, conseguir unha inserción positiva na cultura e na lingua da contorna. Se, neste período de aprendizaxe orientado a que as experiencias vitais das nenas e dos nenos se amplien e diversifiquen, só se presentan situacións nas que as nenas non se reflictan estaremos escabezando toda posibilidade de ofrecer exemplos diversos que favorezan a imitación de modelos lingüísticos e sociais cos que sentirse identificadas. Ao mesmo tempo, aprenderémoslle aos nenos a continuar un sistema como o que mencionaba Gianni Rodari na cita anterior.
As redes de Inés é un poemario que nos leva, da man de Inés, a coñecer o oficio das redeiras e a ser ” capaz de ler/historias salgadas/ que me fan crecer” porque ” o mundo é maior/ cando escoito a Inés”. E, non só se contan as aventuras do avó Olegario ou do tío Miguel senón as da avoa Esmeralda, a súa nai Rosa( “redeira tamén”), “a historia da solla”, “o conto da nena/ que quixo facer/ un traxe coas redes”, a ” da moura/da praia de Bens” ou a da lúa. Personaxes femininas próximas (a nai, a avoa, Inés) que fan cousas máxicas como “virar en arte/ o seu quefacer”, falan cun “sorriso de mel” ou converten “as ondas/ nun gran consomé/ e ten redes de ouro/que estende aos seus pés”. Mulleres nas que proxectar a imaxinación e desfrutar cos xogos de palabras, co ritmo, coas personificacións, coa cadencia,…, sen o alleamento do xénero. Sentíndose parte e protagonistas da lectura. (…)”

Ordes: recital poético dentro da Festa da República Galega

Pontevedra: actividades do martes 6 e mércores 7 na Feira do Libro

O mércores 6 de maio comeza a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados, para o mércores e xoves 7:

Mércores 6
– 18:00 h. Presenza na feira do libro do Club de Lectura en Galego da Biblioteca Pública de Pontevedra.
– 18:00 h. Presentación do libro Apocalipse Z, de Manuel Loureiro, publicado por Urco Editora.

Xoves 7
– 18:00 h. O soño de Esther. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. A escritora Elvira Riveiro asinará na caseta da Libraría Paz.
– 20:00 h. Presentación do libro Sete Caveiras, da escritora Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.

Eli Ríos recolle en Fornelos o premio Lueiro Rey nun acto de homenaxe ao escritor

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes organizan o acto de entrega da segunda edición do Premio de Poesía Lueiro Rey no que será unha nova homenaxe ao escritor no concello no que naceu. A poeta Eli Ríos recitará algunhas das composicións de Anamnese, o título polo que recibirá o segundo premio Lueiro Rey de poesía. Canda ela, Silvia Penas, anterior gañadora e Elvira Riveiro, participarán no acto literario no que tamén intervirán Mercedes Queixas, voceira do xurado e secretaria da AELG, ademais de Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo sobre o escritor e o presidente da RAG e amigo de Lueiro, Xesús Alonso Montero.
A xornada comezará o domingo día 27 ás 11:30 h. coa inauguración da rúa Lueiro Rey no seu concello natal, nun acto especial xa que é a primeira ocasión na que en Fornelos se lle pon o nome do escritor a un espazo público.”

Compostela: nova sesión dos Picaversos, co título Convocamos a perda (II)

O martes 22 de abril, a partir das 21:00 horas, na galería da Casa de Europa de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Convocamos a perda (II), coa participación de Berta Dávila, Elvira Riveiro e Le Roi e Martin Wu, músicos de Grampoder.

Cuestionario Proust: Elvira Riveiro Tobío

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elvira Riveiro Tobío:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Gústame pensar que a xenerosidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A intelixencia, a lucidez, o sentido do humor, a humildade, a sinceridade, a xenerosidade, o optimismo, o entusiasmo…
3.– Que agarda das súas amizades?
– Crítica cando me falta autocrítica, apoio nas horas escuras, un convite na súa casa (que acepten o convite na miña), que non sexan repunantes coa comida, que poidamos escachar xuntas coa risa…
4.– A súa principal eiva?
– O vaso está medio baleiro.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler textos que me fagan feliz, que me conmovan, que me revolvan, que me inciten, que me sorprendan, que me poñan a carne de galiña…; ser a Babette do festín; andar camiños non asfaltados; ter sexo de calidade con alguén que reúna os substantivos (polo menos algúns) que seguen á pregunta 2.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Creo que a felicidade total non existe cando es consciente que ao teu redor hai persoas infelices por causas que teñen que ver coa inxustiza ou a desigualdade. En todo caso, achegaríase bastante un día que combine boa compañía, boa música, boa lectura, 22º C, bo filme, boa comida e bebida e bo sexo (con 2 ou 3 destas cousas no mesmo día e xa me considero afortunada).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Quedar sen disco duro, sexa o informático, sexa o que gardo baixo os ósos frontal e parietal.
8.– Que lle gustaría ser?
– Moitas cousas!: botánica, espeleóloga, arqueóloga, amazona sobre renos en Mongolia (unhas horiñas)… Sobre todo, gustaríame ser máis pragmática.
9.– En que país desexaría vivir?
– Calquera onde se fixese realidade o lema da Revolución Francesa.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello intenso, o verde en case toda a súa gama.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Pois eu que n’as canto voume pór estupenda e escribir un ramallete: unha invasora e velenosa: as calas ou cartuchos; unha euro-asiática: a flor dos chuchameles (Lamium maculatum); unha do sur de Europa: a flor da madreselva (Lonicera caprifolium); e unha endémica do noroeste peninsular: os paxariños (Linaria triornithophora)
12.– O paxaro que prefire?
– O de lume, de Stravinsky.
13.– A súa devoción na prosa?
– As historias que retratan seres humanos en situacións límite, coma O corazón da escuridade de Joseph Conrad ou a Suite francesa de Irène Némirovsky, cuxa lectura lle debo a un bo amigo.
14.– E na poesía?
– Son lectora omnívora. Hoxe, por exemplo, veño de almorzar cos textos dunha poeta intensa e contida: Anise Koltz.
15.– Un libro?
– Si, grazas
16.– Un heroe de ficción?
– O home feliz do conto de Tolstoi.
17.– Unha heroína?
– A que corría polas veas de Billie Holiday cando cantaba «I’m a fool to want you».
18.– A súa música favorita?
– «Don’t you be so sweet» de Carina Posse.
19.– Na pintura?
– Os debuxos de Begoña G. Arce.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Desta vez, un ramo de rosas: Rosa Parks, Rosa Luxemburgo, Rosa(lía) de Castro, as trece rosas e todas as rosas anónimas que contribuíron ao sustento e ao progreso da humanidade.
21.– O seu nome favorito?
– Sara e Carina (ou viceversa)
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade e tamén que anden fisgando para facerche un “traxe a medida”.
23.– O que máis odia?
– O abuso do máis forte, a manipulación, a inxustiza, a intolerancia, a desigualdade, sentir dor…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera asasino de masas (e a restra é -sempre- demasiado longa).
25.– Un feito militar que admire?
-A Revolução dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Feliz.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Dándolle voltas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que non repercuten nos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– É mellor arrepentirte daquilo que fixeches que do que non fixeches.”