Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EMI): Tiveches durante un tempo, hai xa algúns anos, un cargo directivo na AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), o que supoño che serviu para coñeceres mellor as dinámicas corporativas do gremio. Como avalías os roles que a sociedade confere actualmente aos escritores e como as actitudes que estes manifestan perante as dinámicas e aconteceres sociais?
– Carlos Negro (CN): En primeiro lugar, debo dicir que o gremio d@s escritor@s galeg@s, afortunadamente, non funciona como un bloque homexéneo, tanto en actitudes persoais como políticas, ou mesmo en posicionamentos estéticos. E iso paréceme saudable, pois sería bastante aburrido convivir con colegas que pensan e opinan sempre igual ca ti.
En segundo lugar, coido que o gremio d@s escritor@s é como calquera outro, sexa de taxistas, mecánicos ou arquitectas. Hai xente riquiña e outra repugnante, hai quen se considera o embigo do mundo e, pola contra, quen desconfía dos eloxios tribais. E, por suposto, a calidade literaria non sempre vai aparellada coa altura ética, e viceversa.
En fin, o que eu levo aprendido do contacto co mundo intelectual é que o oficio literario é moi digno (e pouco agradecido se non levas dez anos morto, polo menos) e merece un mínimo respecto por parte da sociedade, pero non máis respecto nin recoñecemento público que o labor dunha panadeira, un electricista ou unha ama de casa. E que o andazo máis común entre os escritores vén sendo o da vaidade, aínda que na maioría dos casos non chega a ser unha enfermidade grave.
– EMI: E como ves o panorama literario galego, do punto de vista da creatividade, na actualidade?
– CN: Non se pode reducir todo a un titular rimbombante, deses que nos poñen polas nubes ou nos afunden nun lameiro. Algunha vez declarei en público (medio en serio, medio en broma) que a literatura galega contemporánea era cada vez máis normal, pois cada ano se editaban un feixe de obras sen demasiado valor estético, moitas outras bastante dignas, e mesmo algunha dunha calidade excepcional. En todo caso, non creo demasiado niso das Idades de Ouro, sobre todo cando percibimos o estado de abandono da lingua nas novas xeracións. E de que nos vale escribir de marabilla, se case ninguén nos le? E logo habería que ir facendo análise por xéneros, para ofrecer unha valoración máis exacta. En todo caso, a nosa literatura é tan digna como calquera outra, e hai moito onde escoller para satisfacer o gusto dun público lector diverso e plural. (…)
– EMI: Na túa poética non soen faltar os xogos intertextuais. Hai algún referente imprescindíbel na túa formación como poeta? Que libros son insoslaiábeis no teu proceso de decantación por unha voz e un estilo propios?
– CN: Esta é a típica pregunta na que me sinto indefenso. Admiro desde a primeira vez que os lin a Álvaro Cunqueiro, a Manuel Antonio, a Uxío Novoneyra. Logo, máis tarde, descubrín a Rosalía de Castro, as súas múltiples anticipacións e desafíos. Tamén lle debo mil cousas @s poetas dos noventa, e sei que Chus Pato está máis alá dos meus limítes, e que Xela Arias e Lois Pereiro son dous malditos magníficos. E os poemas de Celso Fernández Sanmartín están a carón dos meus das laranxas, e Emilio Araúxo abriume os ollos á forza da lingua oral da comunidade. E de fóra das nosas fronteiras… hai tantos nomes que case non sabería dicir. Raymond Carver ou Wislawa Szymborska, por citar dous así de primeiras. E tamén Valente e Gamoneda, ou Antón Reixa na etapa dos Resentidos e Manuel Rivas con aqueles poemas de Ningún cisne. E tamén me sinto moi identificado coa actitude poética de autores como Fran Alonso ou Raúl Vacas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Emilio Xosé Ínsua
Vilagarcía de Arousa: I Xornadas Fermín Bouza Brey das Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro. Poeta chairego no Salnés
Cuestionario Proust: Emílio Xosé Ínsua
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Emílio Xosé Ínsua:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A entrega ao traballo e ser moi testán.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade, a integridade, a honradez.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada que elas non agarden de min.
4.– A súa principal eiva?
– Ser algo iluso.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, ver cine, investigar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar tranquilo coa miña xente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro nin amentala, non vaia ser…
8.– Que lle gustaría ser?
– Co que “son” teño abondo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza ceibe futura.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gardenia.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Blanco Amor.
14.– E na poesía?
– Rosalía, especialmente a de Follas Novas.
15.– Un libro?
– As Décadas de T. L., de Lois Tobío.
16.– Un heroe de ficción?
– O Rañolas de Os dous de sempre.
17.– Unha heroína?
– María Balteira.
18.– A súa música favorita?
– Son policonsumidor.
19.– Na pintura?
– Luís Seoane, Maruxa Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña avoa Consuelo: esforzada vida, amor inmenso, lingua.
Meus pais: un exemplo de entrega impagábel e un afecto intensísimo.
21.– O seu nome favorito?
– O da miña filla, Aloia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O autobombo e o trato prepotente.
23.– O que máis odia?
– O odio, precisamente.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera das, desafortunadamente, moitas que se caracterizaron por impedir coas súas decisións que outros seres humanos fosen/sexan máis libres e felices.
25.– Un feito militar que admire?
– A orde de “rompan filas”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Contar con graza os chistes. Debuxar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Pracidamente e con dignidade (e o máis tarde posíbel).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Serio e instrospectivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non danan outras persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– Fixo todo o que puido sempre coa mellor intención.”
Entrevista de Emílio Xosé Ínsua e Olalla Cociña
Entrevista Emílio Xosé Ínsua a Olalla Cociña, no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): En 2005, nunha entrevista para o diario El Progreso de Lugo co gallo da presentación en Viveiro do teu primeiro libro, indicabas, e cito literalmente, que “non me vexo adscrita a ningunha tendencia”. Xa te sentes máis “encadrada” no panorama poético galego? Con que outras autoras e autores sentes afinidade?
– Olalla Cociña (OC): Pois sigo sen verme “encadrada”, non me gustan as etiquetas e os moldes xeracionais adoitan ser reducionistas… Afinidades teño moitas, e tamén dependen de cada momento de escrita. Máis aló de afinidades eu entendo a poesía como un feito ou unha fala da amizade, e neste sentido poido falar da poesía “compartida” con Dores Tembrás, Branca Novoneyra, Gonzalo Hermo, Olga Novo, Xiana Arias, Luz Pichel, Estevo Creus ou Jesús Castro, entre outros poetas. (…)
– EXI: Na túa poesía, esencialmente íntima, está moi presente a idea da indagación: todo aparece envolto nun nimbo misterioso, como agardando pola revelación. E hai tamén moito de exploración da memoria, de revisitación das raíces da propia identidade. Estás conforme con que sexan estas algunhas das chaves da túa poética?
– OC: O poeta Nobel Tomas Tranströmer di que un poema é un soño realizado en vixilia, que soño e poesía teñen leis compartidas. Non podo estar máis de acordo. A poesía está feita do mesmo material que os soños, onde sempre hai algo de indagación na memoria e por onde axexamos a propia identidade, e todo isto, velado. O misterio. Sen poesía non hai misterio.
– EXI: Cóntanos como naceu e en que consiste esa iniciativa que animas desde hai algún tempo en Compostela, xunto con Branca Novoneyra, que se denomina Picaversos.
– OC: Pois é un ciclo de lecturas poéticas onde convidamos a tres persoas a compartir poemas propios e favoritos arredor dun lema. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música ou do teatro. Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira. Queríamos gozar e facer gozar da poesía en vivo fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público, e penso que o fomos conseguindo. Este é o terceiro ano que o organizamos, coa colaboración do pub Modus Vivendi, onde se celebran a maioría das sesións, pero tamén da Universidade de Santiago, este ano fixemos algunha sesión en espazos cedidos pola USC. (…)”
A Coruña: homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz no seu bicentenario
“Hai agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Uxío Carré Aldao. Tamén se recuperaban para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort. Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11). A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Ás 18:00 h. terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emílio Xosé Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.” Vía La Voz de Galicia e Cultura Galega.
Viveiro: actividades destacadas do sábado 13 e domingo 14 na Feira do Libro
A 15º Feira do Libro de Viveiro celébrase nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.
O sábado 13 de agosto terá lugar a inauguración da Feira, coa lectura do pregón a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello.
O domingo 14 de agosto destacan as seguintes actividades:
– 20:00 h. Presentación do nº 6 da revista Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial. Participarán no acto Luis Rei, escritor e director da revista e Emílio Xosé Ínsua López, escritor e membro do consello de redacción da revista.
– 21:00 h. Presentación do libro A Mariña 43º latitude norte, do fotógrafo Xulio Villariño, publicado pola Deputación Provincial de Lugo. Xunto co autor, participará no acto Mar García.
Santiago: presentación de Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua
O xoves 5 de maio, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto o autor estará acompañado por Francisco Fernández Rei, Luís Rei e Manuel Portas.
Cambados: actos arredor da figura de Maruja Mallo
O venres 1 de abril, a partir das 20:00 h., no Centro Comarcal Exposalnés (Paseo da Calzada) de Cambados, terá lugar a proxección do documental Maruja Mallo. Metade anxo, metade marisco, realizado por Filmanova con guión de Antón Patiño e dirección de Antón Reixa, e a presentación do libro Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, de Carlos Nuevo Cal e Emílio Xosé Ínsua, gañador do Premio de Ensaio Ánxel Fole e editado pola Fundación Caixa Galicia. No acto intervirán Luís Rei, Antón Reixa e os autores do libro.
Lugo: presentación de Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, de Carlos Nuevo e Emílio Xosé Ínsua
O luns 31 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia (a carón da Catedral) de Lugo, preséntase o libro escrito en colaboración por Carlos Nuevo Cal e Emílio Xosé Ínsua Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, que obtivo o Premio Ánxel Fole na edición do 2009. Crónica posterior en El Progreso.
Viveiro: inauguración da Feira do Libro e sinatura das súas obras a cargo de Xabier P. Docampo
O venres 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro, que se celebrará nos xardíns de Noriega Varela até o luns 16. O acto de inauguración celebrarase ás 13:00 horas, encargándose de ler o pregón Xabier P. Docampo, quen, a partir das 19:30 h., asinará exemplares dos seus libros.
Neste mesmo día, a partir das 20:30, celebrarase unha charla sobre Territorios da memoria e espazos imaxinarios, na que participarán o propio Xabier P. Docampo, Ramón Pernas, o poeta e ensaísta Emílio Xosé Ínsua e a artista plástica Renata Otero, e que estará aberta tamén á participación do público.