XXIV Premios de Teatro María Casares: as gañadoras e gañadores

Desde Erregueté:
“Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Nesta edición, en que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da canle de YouTube do certame, foron dez espectáculos os que recibiron algún premio, dos 16 que aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.
Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.
Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).

Por categorías, as gañadoras e gañadores son:
Maquillaxe: Martina Cambeiro, por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla, por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, por O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal:  Lucía Aldao, por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto, por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado, por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)
Actor secundario: Josito Porto, por Medida x Medida (Producións Teatrais Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González, por Bernarda (Malasombra)
Actor protagonista: Machi Salgado, por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González, por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia).
Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.

DISCURSO DE MÓNICA GARCÍA
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai público en cada entrega dos Premios María Casares. Na súa intervención, García agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para “unha atípica entrega de premios”, antes de reflexionar sobre a actual situación. “Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena”, sinalou Mónica García antes de engadir que “sexa o momento que sexa, esa sempre foi e será a nosa vocación. E tamén o noso labor: Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir cos  conceptos e revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal”.
“E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción”, sinalou García para despois subliñar que “todo mudou:  tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público”. “Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”, sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: “A Administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”.

PREMIO DE HONRA E MANIFESTO
Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu  o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.
Por último, tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.”

Carlos Labraña gaña o II Premio Platta – Galicia 2020

Desde Erregueté:
Carlos Labraña é o gañador do II Premio Platta de Teatro Breve – Galicia coa peza Descociñando. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.
O xurado –composto por María Armesto, José Breijo “Topo” e Mercedes Pardavila, actuando de secretario con voz pero sen voto Xoán Carlos Riobó, da erregueté– valorou de xeito especial “a prolífica configuración dos personaxes e a identificación con eles, a utilización de mecanismos como a intriga que mantén o interese e a curiosidade da lectora, o uso de metáforas que ilustran os estados de ánimo do peronsaxe principal e o sorprendente final purificador tinxido pola comicidade deste drama”.
Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas que terán lugar no mes de novembro dentro do marco do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.
O Premio PLATTA de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Platta Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio PLATTA de Teatro Breve – de Castilla y León (castelán), I Premio PLATTA de Teatro Breve – Galicia (galego), I Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués).”

O Congreso do Teatro Galego homenaxea Ernesto Chao, Celso Parada e Gustavo Pernas

Desde Erregueté:
“O I Congreso Internacional de Teatro Galego chega á súa fin homenaxeando a tres figuras fundamentais do teatro galego desaparecidas nos últimos tempo. Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada serán lembrados na cerimonia de clausura, na que se lles entregará, a título póstumo, a Medalla da Academia Galega de Teatro.
No acto, no que se darán a coñecer as primeiras conclusións do Congreso, tamén se nomeará Membros de Honra da Academia a Manuel Lourenzo, María Xosé Queizán e Luís Álvarez Pousa. A xornada pretende, en palabras dos organizadores do Congreso “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”.
A clausura do Congreso, na que está prevista a asistencia de autoridades da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, entre outras, así como das entidades colaboradoras na organización do Congreso como a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), o Consello da Cultura, o Centro Dramático Galego, a SGAE (Sociedad General de Autores de España) ou AISGE (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual).
O I Congreso Internacional de Teatro Galego analizou durante os últimos tres días cuestións relacionadas coa experiencia acumulada no teatro galego nos últimos corenta anos, sobre os retos que enfronta na actualidade e sobre modelos externos dos que se poidan extraer ensinanzas no futuro. Máis de setenta especialistas participaron en conferencias, mesas de debate, comunicacións persoais e debates plenarios para, por unha banda, analizar o presente dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia e, pola outra, deseñar os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década.
O primeiro día do Congreso, o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, presentou un completo Informe sobre a situación das artes escénicas que analiza o sistema teatral desde unha perspectiva global e que, ademais, ofreceu as primeiras cifras de como lle afectou a crise derivada da pandemia.
Presentacións de iniciativas editoriais, arquivos de documentación, plataformas virtuais e iniciativas de distribución completaron a extensa ollada que o Congreso deitou sobre as artes escénicas e que terá a súa continuación na publicación das conclusión que se editarán posteriormente.
Todas as sesións do Congreso estarán dispoñibles para a súa consulta, durante un mes, na plataforma culturaenvivo.com, a través da que se retransmitiu toda a actividade durante estes días.”

Conversas In-certas sobre o futuro da programación teatral

Desde Erregueté:
Erregueté e ZonaZero inician un ciclo de conversas dixitais sobre teatro totalmente gratuíta para as persoas interesadas. A primeira destas series, moderada por Esther F. Carrodeguas, xirará en torno á programación teatral en tempos pospandémicos.
Son tempos incertos, e acaso por iso precisamos máis que nunca comunicarnos, aínda que sexa para falar de incertezas. Desta idea nace Conversas In-certas, iniciativa que pretende ofrecer un espazo de comunicación, reflexión, e investigación non marcado pola certeza senón pola dúbida, a posta en cuestión, co afán de compartir, debater ou propoñer. E nace precisamente agora que videocomunicación dixital ao que nos tivemos que habituar semella favorecer o nacemento dun espazo no que, de maneira sinxela, persoas do sector teatral galego puideran compartir as súas in-certezas cos demais.
E para comezar esta serie de conversas que poderán versar no futuro sobre a escritura, a interpretación, a iluminación, a crítica ou a dirección, decidimos comezar co máis incerto a día de hoxe: a programación. Parecíanos neste momento interesante dar voz a algunhas das persoas que se teñen que enfrontar á difícil tarefa de programar un espazo ou un festival para un outono imposible de prever.
A convocatoria será os xoves deste xuño en desescalada, ás 18:00. Este mesmo xoves 11 falará das súas incertezas Pilar Portela, Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra e Presidenta Asociación de Xestores Culturais. Nos vindeiros serán Carmen Castro, Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo, e Xaquín López, Director-Xerente do Auditorio de Galicia, os que compartan este espazo de reflexioón cos e coas interesadas.
As conversas virán introducidas por Esther F. Carrodeguas, e a inscrición para poder acceder ao WEBINAR será a través do email: conversasincertas@gmail.com. A este mesmo email poderán chegar as consultas que as persoas queiran facer aos participantes, que terán que ser sempre por anticipado, nun intento de non sumar incerteza á incerteza.

Programa completo
Xuño 2020. Programación Teatral Pospandémica

Xoves 11 de xuño | 18:00
Pilar Portela
Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra
Presidenta Asociación de Xestores Culturais

Xoves 18 de xuño | 18:00
Carmen Castro
Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo

Xoves 25 de xuño | 18:00
Xaquín López González
Director-Xerente Auditorio de Galicia

Presenta
Esther F. Carrodeguas

Inscricións
Enviar un e-mail a conversasincertas@gmail.com co título: Conversas Incertas Programación, seguido do día ou días no que tes interese de participar (11 – 18 – 25). No corpo da mensaxe podedes incluír as vosas inquedanzas, que a presentadora trasladará ás persoas poñentes.”

As asociacións profesionais da Cultura remítenlle as súas demandas á Xunta de Galicia

Desde Erregueté:
“As Asociacións profesionais do sector cultural de Galicia veñen de facer público un documento remitido á Xunta de Galicia no que se expoñen as demandas dun sector que definen como “sector moi sensible ás crises económicas”. O documento subliña que “é o primeiro ao que renuncian as consumidoras en tempos de crise” e lembran que se recuperou “moi malamente da crise do 2008”.
Despois de lembrar que a cultura achega o 2% do PIB galego –que equivale a 1100 millóns de euros–, o documento explica que “as distintas federacións e asociacións están facendo estimacións das perdas” mais que “non son fáciles de calcular debido a que o impacto da crise sanitaria aparte do inmediato vai ser a corto e medio prazo”.
Algunhas das peticións que consideran urxentes os diferentes colectivos implicados son, entre outros: axilizar os pagamentos, revisar as bases das subvencións, manter as contratacións preferentemente aprazándoas, non rebaixar orzamentos en cultura, incentivar o consumo cultural baixando o IVE, ou establecer axudas directas ao sector para que poida facer fronte ás súas necesidades.
As dezasete asociacións que asinan o documento manifestan a súa solidariedade e fonda preocupación a todos os colectivos afectados por esta crise e a toda a cidadanía en xeral. Segundo lembran, “o dereito á cultura de todas as persoas está recollido no artigo 44 da Constitución española e os máis relevantes organismos internacionais documentan a importancia da cultura e a creatividade na sociedade, máis aínda nun tempo de conmoción emocional como o que se vai vivir unha vez que pasemos este primeiro momento de confinamento”.
“Pode parecer inoportuno estar reclamando medidas para o sector cultural nestas circunstancias nas que está morrendo tanta xente”, declaran os colectivos afectados, “pero o sector cultural é un sector moi precarizado, con moito autoemprego e pequenas empresas, que o están pasando realmente mal ao suspenderse toda a programación cultural e estar pechados os espazos de exhibición. Ademais da enorme incerteza sobre o que vai pasar no futuro. Moita xente vive das funcións, que neste momento están todos suspendidos e non se sabe cando se vai retomar a actividade cultural. O sector cultural é un sector solidario, proba disto é as actividades que se están facendo na rede, artistas que están facendo concertos, monólogos, obradoiros, etc para facer máis doada a situación de confinamento da sociedade. Outros países como Italia Francia ou Portugal xa aprobaron medidas específicas para o sector cultural”. Sinala Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultura (AGPXC).
O documento remitíuselle á Xunta de Galicia para que o tome en consideración, na medida das súas competencias, así como para que llo faga chegar ao Goberno do Estado para que se coñezan as demandas do sector cultural galego que son de competencia estatal, á FEGAMP e as entidades locais galegas, así como aos grupos parlamentarios.”

Fran Núñez será o novo director do CDG

Desde Erregueté:
“O actor e produtor Fran Núñez será o novo director do Centro Dramático Galego. O Diario Oficial de Galicia publicou o acordo de contratación da persoa seleccionada para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) e que sucederá no posto a Fefa Noia. Desta forma remata o proceso iniciado no mes de agosto ao que se presentaron oito candidaturas.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Los Goliardos e Teatro Español (as tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools, Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia. Co CDG levou a cabo tres coproducións: Panxeia (2009), Os catro da Xunqueira (2014) e Se fosen turistas, levarían gafas de sol (2019).
Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas, en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade viña compaxinando o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.
Tamén é autor de Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, un manual para analizar o impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática.”

O FIOT Carballo levanta este venres 27 o pano da súa 28ª edición

Desde Erregueté:
“Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas.
Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón [na foto], formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa). A peza é un traballo onde voz narrada e cantada achéganse para abordar historias de vida recollidas na contorna, e que se achega, con moita retranca, ao humor, á sensibilidade e á tenrura da nosa xente e a os seus saberes e tradicións.
Ademais de Por unha peseta, o ciclo FioTEEN ofrecerá á xuventude a posibilidade de asistir, nas vindeiras semanas, aos ensaios xerais de dúas das estreas absolutas desta edición co-producidas polo FIOT, como son Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O electo, de Contraproducións e Focus. Ademais, as mozas e mozos terán a oportunidade de ver, por vez primeira en Galicia, o espectáculo Dados, de Ventrículo Veloz, obra gañadora do Premio Max 2019 ao Mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou familiar. Dados, que chegará a Carballo o martes 8 de outubro, aborda as dificultades da adolescencia, que se incrementan especialmente polo feito de ser trans. En todos estes espectáculos, ademais, a mocidade tamén terá a oportunidade de participar en encontros das compañías co público para achegar visións sobre as propostas escénicas.
Na fin de semana, o venres 27, ábrese o pano do 28º FIOT para o público xeral cos espectáculos da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que este ano celebra a súa 21ª edición. O primeiro en saír á escena será Pedro Brandariz, coa estrea absoluta da súa nova peza Un conto de michos. As entradas para esta proposta pódense reservar, gratuítamente, na Biblioteca Rego da Balsa, espazo no que terá lugar a función contra ás 18:00. Xa pola noite, a partir das 21:00 no Café Valle Inclán, o dinamizador cultural e músico Xurxo Souto presentará O océano de dentro, unha peza na que ducias de historias e os contos do mar inundarán as rúas de Carballo. De seguido, ás 22:30, a compañía coruñesa ArtesaCía, conformada por Laura Villaverde e Roi Fernández, presentarán no Casino 1889 a súa creación Chola a it girl, na que unha “it girl rectificada” explicará que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia. Esta ecléctica e singular noite pecharase coa música ao vivo do dúo Blues do País, que ofrecerán versións en galego, e con xeito, de grandes éxitos da música internacional.
Xa na noite do sábado 28, Carmen Conde presentará os Premios Darwin, unha selección natural das historias máis curiosas vinculadas a mortes absurdas que a artista recolleu por toda Galicia. Logo desta sesión de ateigada de humor negro, e cuxa entrada é libre, Conde dará paso ao Tito Rober, quen dará a coñecer na Cervexería Beos a Vida e milagres do zume de laranxa. O espectáculo, cuxo acceso tamén é gratuíto, ten como protagonista a un rapaz dunha familia humilde de Ourense que chega a un colexio de privado no que lle acontecerán miles de aventuras. Finalmente, o humorista Oswaldo Digón pechará esta sesión da Rúa dos Contos ás 00:00 no Mesón do pulpo co seu espectáculo Anecdoloxía, no que recolle e ironiza arredor con aquelas escenas da vida cotiá que calquera pode vivir nun ascensor ou sala de espera.
Por último, o domingo 29 Carlos Blanco revisará, no 2º andar do mercado municipal, os seus mellores monólogos nun espectáculo no que se darán cita grandes éxitos como As bravas de Arousa (queres kiwis?), As grandes frases das nosas avoas e avós ou A dobraxe porno, narracións nas que o actor incluirá, como é habitual nas súas intervencións, elementos de actualidade. As entradas para a función, que comezará ás 20:00, están xa esgotadas.
Teatro de Rúa
Ademais da Rúa dos Contos, o 27 de setembro tamén comezará a programación do Teatro de Rúa, o ciclo vinculado ás artes circenses, acrobacias e clown que ten lugar a ceo aberto no espazo público de Carballo, e que nesta edición contará con catro espectáculos. O primeiro deles terá lugar este venres ás 20:00 na praza do Concello e chegará da man de Xampatito Pato, que ofrecerá , unha creación de malabares imposibles que desafían os sentidos apta para todos os públicos. O seu intérprete e creador é o artista galego Jesús Velasco, que conta cunha importante traxectoria internacional e que está a ser unha das revelacións dos festivais de novo circo da tempada.
O Teatro de Rúa continuará a vindeira fin de semana, coa participación da compañía Sincronacidas, que presentará as súas OhLimpiadas (Premio Fetén 2019 ao Mellor Espectáculo de Rúa) o venres 4 de outubro, ás 20:00, e do recoñecido clown Jean Philippe Kikolas, que estreará en Galicia a súa nova creación, Calor (sábado 5, ás 19:30). O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 19:30h, coa singular DistanS, o traballo da compañía andaluza Vol’e Temps, repleto de numerosas acrobacias nun espectáculo emocionante, único e divertido con música en directo.
Unha noite no teatro
Outra das liñas de programación que se inicia este venres 27 é O Fiotiño, a serie de actividades paralelas do FIOT dirixidas á xente miúda para achegar o mundo das artes escénicas. En concreto, esta fin de semana desenvolverase A noite branca no teatro, unha sorte de campamento infantil que terá lugar no propio Pazo da Cultura, e no que as e os participantes se mergullarán nunha auténtica experiencia teatral. Baixo o acompañamento do coñecido narrador Caxoto, o grupo vivirá unha noite con obradoiros e talleres de creación, que lles permitirá estrear ante o público de Carballo unha nova creación, no propio Pazo de Cultura, o sábado 28, ás 11:00. A obra xirará arredor das #MIRADASFIOT e de temáticas como o feminismo ou o medio ambiente. As prazas para participar nesta actividade están completas desde a semana da apertura do prazo de inscrición.
Entradas esgotadas para diversos espectáculos
O pasado venres, 20 de setembro, saíron á venda as entradas e abonos para o público xeral do Programa de Sala, OTNI e Rúa dos Contos. Na primeira xornada esgotáronse tanto os abonos como os billetes para asistir ás funcións de Fariña, Jauría e La Golondrina, incluídas na programación do Pazo da Cultura, así como de Carlos Blanco, quen actúa este domingo no mercado municipal de Carballo. As entradas para o Hamlet da singular Companhia do Chapitô están tamén esgotadas desde onte.”

Miguel de Lira, Premio de Honra do FETEGA do Carballiño

Desde Erregueté (foto do autor: Rosinha Rojo):
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego (Fetega), que se celebra dende o día 2 ata o 6 de setembro no Carballiño, entregará o seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindible” ao mundo das artes escénicas.
Así o explicou este luns a directora do evento, Josi Lage, durante a rolda de prensa de inauguración do Festival. Na mesma, a actriz volveu a anunciar a súa retirada da dirección do Festival e asegurou o “compromiso total” de que o Fetega continúe celebrándose no Carballiño, como un do requisito que deberá adquirir o seu predecesor ou predecesora no cargo, aínda por coñecer.
Na mesma liña, pediu á Axencia Galega dás Industrias Culturais (AGADIC), o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e as empresas e establecementos privados que continúen coa súa colaboración para facer posible a continuidade do festival. A este respecto, Lage non puido evitar lembrar que a pasada edición “pasaron un mal momento e o festival resentiuse”, cando Agadic non colaborou co mesmo. Por todo iso, agradeceu a achega de 15.000 euros este ano e pediulles que sigan na mesma liña.
Neste contexto, a xefa territorial de Cultural e Turismo de Ourense, en representación de Agadic, recolleu a testemuña despois de destacar que se trata dunha “cita obrigada para os amantes das artes escénicas” e un “reclamo para que a cidadanía consuma cultura”.
Durante a convocatoria tamén estiveron presentes varios membros do xurado que entregará os premios do Festival. Un “xurado de altura”, como os definiu Josi Lage, cunha “tarefa complicada”.“Os grupos e compañías participantes son do mellor do noso teatro galego”, explicou Mariana Carballal, para a continuación agradecer o traballo de Josi Lage para converter ao festival xa “maduro” en todo un “referente”, con “moitas posibilidades para ser viable”.”