Compostela: roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo, guiado por Esperanza Mariño

As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de chegada dos correos, tendo preferencia as/os socias/os da AC.O Galo. Cómpre anotarse antes do 24.10.2018 no e-mail ogalo.ac@gmail.com, sendo imprescindibel indicar o nome e apelidos, correo electrónico e teléfono de todas e cada unha das persoas que acudirán ao roteiro.

O Roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo, de Esperanza Mariño Davila, na web

O Roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo fai un percorrido polos espazos vivenciais e creativos de Isaac Díaz Pardo na cidade de Santiago de Compostela. Con Esperanza Mariño Davila como guía, podemos coñecer os lugares clave na vida compostelá de Isaac, conectando sobre todo as épocas republicana e democrática (adolescencia xunto coa madurez e ancianidade), así como salientar a súa importancia literaria, infravalorada.

“O espírito universal que viveu na Casa da Tumbona”, en Rúas Magazine

Artigo de Mariel Norat en Rúas Magazine:
“Adentrarse nun libro, nun pensamento requiren imaxinar, e nese exercicio, necesítanse estímulos; a pedra granítica desgastada atrápanos en mil pensamentos, lémbranos de onde vimos e indícanos a existencia dos longos invernos, configurando nese tempo unha forma de vida para súas xentes antes da chegada das tímidas primaveras que hoxe asoman ata con temeridade.
Santiago de Compostela é un deses escenario ideais para recrear realidades de tempos pasados. Biografías de mulleres e homes valerosos que transitaron pola historia, e que en ocasións explican a evolución dunha cidade, e ata, como é o caso, da Comunidade Galega. Velaí o Galpón da Casa da Tumbona na rúa das Hortas, 37. Neste enderezo había un taller, na parte de atrás da casa, onde a creatividade abríase ao inxenio en diferentes disciplinas nun bulir de idas e chegadas de persoas destacadas do momento, facendo encargos e consultas. Eran as visitas das mentes inquietas do momento; compromisos, valores e principios que souberon conxugar co inxenio e traballo para construir un gran laboratorio que estimulaba o talento e a creatividade. Foi nunha cidade, a Compostelá, e nun sitio, desta volta no Galpón da Casa da Tumbona, propiedade de Don Camilo Díaz Baliño, pai do insigne D. Isaac Díaz Pardo.
O xoves 14 de setembro saíu de fronte a Casa da Tumbona un nutrido grupo de persoas para pasear polo casco histórico da cidade Compostelá, tendo a figura de Don Isaac Díaz Pardo como fío argumental. Antes de arrincar a visita sería Camilo Díaz quen leu unha poesía do seu pai; unha imaxe que sen dúbida resulta entrañable e de gran nostalxia. De seguido, un nutrido grupo acompañado por coñecidos persoeiros da cultura galega: Xesús Alonso Montero, Mercedes Queixas Zas, Encarna Otero, ademais de un longo número de persoas destacadas, camiñaba cara á falcona, lugar onde se pechaban aos presos ata os anos 70(na parte de atrás da policía).
Un paseo cultural particular que xorde con vocación de permanencia da man da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega coa finalidade de facernos recoñecibles casas e espazos que no seu día formaron parte da cotidianidade das persoas ilustres que deron vida á cidade compostelá. Falar de Isaac Díaz é falar dun intelectual que tiña talento e o expresou como pintor, coma deseñador, ceramista ou mesmamente na escrita. Un home que nunca deixou a militancia como galego; afincando o mellor da terra para ir cara diante e empurrando o inxenio para non retroceder. El creceu na tumbona, nunha casa frecuentada por Castelao, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas ou Asorey. Segundo as palabras de Esperanza Mariño, condutora deste itinerario: ”Isaac Díaz Pardo pertece a esas persoas destacadas, aínda que a súas cidades non lles fixeran xustiza”. Engade: “Un exemplo é o lugar onde lle adicaron unha rúa. Si, ten unha rúa, pero apartada, case non pode chamarse tal”.
Esta honra a un valente sempre na procura da súa terra galega está situada nunha desembocadura transversal do casco histórico á rúa Galeras; entre o edificio de benestar social do Concello e as xa ruínas do antigo Hospital Xeral. Outra das circunstancias noxentas é que nin sequera ten medidas para ser unha rúa, ten unha lonxitude aproximada de 138 metros. Se lle preguntamos a un habitante desta cidade de Santiago de Compostela onde se atopa, poucos poderían acertar a responder.
Parabéns ao Concello por apoiar a iniciativa e á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) pola oportunidade que brinda. Bravísima Esperanza Mariño que soubo transmitir a querenza a Don Isaac Díaz Pardo.”

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela arredor de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila

Estas son algunas das fotografías do Paseo Literario por Compostela Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, que tivo lugar o xoves 14 de setembro, dirixido por Esperanza Mariño Davila. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseos Literarios por Compostela

Os Paseos Literarios por Compostela son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
Ciclo de percorridos literarios por Compostela, que procuran outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A participación é gratuíta, e limitada a 50 prazas.
A inscrición debe facerse neste correo: comunicacion@auditoriodegalicia.org
O prazo para a inscrición finaliza o día anterior a cada un dos percorridos.
Todos os percorridos comezarán ás 18:00 h.

Xoves, 14 de setembro.
Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila.
Punto de Partida: Casa natal da Tumbona (Rúa das Hortas).

Xoves, 21 de setembro.
Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey.
Punto de partida: Cruz de San Pedro.

Xoves, 28 de setembro.
Os elefantes en Compostela, con Antón Riveiro Coello.
Punto de partida: Carballeira de San Lourenzo.

Xoves, 5 de outubro.
Compostela en Crear o mar en Compostela, con Marta Dacosta.
Punto de partida: Praza de Mazarelos, ante a antiga Facultade de Filoloxía.

Compostela: Homenaxe a Isaac Díaz Pardo no segundo cabodano