Arquivos da etiqueta: Faia Díaz Novo
O FIOT Carballo levanta este venres 27 o pano da súa 28ª edición
Desde Erregueté:
“Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas.
Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón [na foto], formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa). A peza é un traballo onde voz narrada e cantada achéganse para abordar historias de vida recollidas na contorna, e que se achega, con moita retranca, ao humor, á sensibilidade e á tenrura da nosa xente e a os seus saberes e tradicións.
Ademais de Por unha peseta, o ciclo FioTEEN ofrecerá á xuventude a posibilidade de asistir, nas vindeiras semanas, aos ensaios xerais de dúas das estreas absolutas desta edición co-producidas polo FIOT, como son Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O electo, de Contraproducións e Focus. Ademais, as mozas e mozos terán a oportunidade de ver, por vez primeira en Galicia, o espectáculo Dados, de Ventrículo Veloz, obra gañadora do Premio Max 2019 ao Mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou familiar. Dados, que chegará a Carballo o martes 8 de outubro, aborda as dificultades da adolescencia, que se incrementan especialmente polo feito de ser trans. En todos estes espectáculos, ademais, a mocidade tamén terá a oportunidade de participar en encontros das compañías co público para achegar visións sobre as propostas escénicas.
Na fin de semana, o venres 27, ábrese o pano do 28º FIOT para o público xeral cos espectáculos da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que este ano celebra a súa 21ª edición. O primeiro en saír á escena será Pedro Brandariz, coa estrea absoluta da súa nova peza Un conto de michos. As entradas para esta proposta pódense reservar, gratuítamente, na Biblioteca Rego da Balsa, espazo no que terá lugar a función contra ás 18:00. Xa pola noite, a partir das 21:00 no Café Valle Inclán, o dinamizador cultural e músico Xurxo Souto presentará O océano de dentro, unha peza na que ducias de historias e os contos do mar inundarán as rúas de Carballo. De seguido, ás 22:30, a compañía coruñesa ArtesaCía, conformada por Laura Villaverde e Roi Fernández, presentarán no Casino 1889 a súa creación Chola a it girl, na que unha “it girl rectificada” explicará que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia. Esta ecléctica e singular noite pecharase coa música ao vivo do dúo Blues do País, que ofrecerán versións en galego, e con xeito, de grandes éxitos da música internacional.
Xa na noite do sábado 28, Carmen Conde presentará os Premios Darwin, unha selección natural das historias máis curiosas vinculadas a mortes absurdas que a artista recolleu por toda Galicia. Logo desta sesión de ateigada de humor negro, e cuxa entrada é libre, Conde dará paso ao Tito Rober, quen dará a coñecer na Cervexería Beos a Vida e milagres do zume de laranxa. O espectáculo, cuxo acceso tamén é gratuíto, ten como protagonista a un rapaz dunha familia humilde de Ourense que chega a un colexio de privado no que lle acontecerán miles de aventuras. Finalmente, o humorista Oswaldo Digón pechará esta sesión da Rúa dos Contos ás 00:00 no Mesón do pulpo co seu espectáculo Anecdoloxía, no que recolle e ironiza arredor con aquelas escenas da vida cotiá que calquera pode vivir nun ascensor ou sala de espera.
Por último, o domingo 29 Carlos Blanco revisará, no 2º andar do mercado municipal, os seus mellores monólogos nun espectáculo no que se darán cita grandes éxitos como As bravas de Arousa (queres kiwis?), As grandes frases das nosas avoas e avós ou A dobraxe porno, narracións nas que o actor incluirá, como é habitual nas súas intervencións, elementos de actualidade. As entradas para a función, que comezará ás 20:00, están xa esgotadas.
Teatro de Rúa
Ademais da Rúa dos Contos, o 27 de setembro tamén comezará a programación do Teatro de Rúa, o ciclo vinculado ás artes circenses, acrobacias e clown que ten lugar a ceo aberto no espazo público de Carballo, e que nesta edición contará con catro espectáculos. O primeiro deles terá lugar este venres ás 20:00 na praza do Concello e chegará da man de Xampatito Pato, que ofrecerá Só, unha creación de malabares imposibles que desafían os sentidos apta para todos os públicos. O seu intérprete e creador é o artista galego Jesús Velasco, que conta cunha importante traxectoria internacional e que está a ser unha das revelacións dos festivais de novo circo da tempada.
O Teatro de Rúa continuará a vindeira fin de semana, coa participación da compañía Sincronacidas, que presentará as súas OhLimpiadas (Premio Fetén 2019 ao Mellor Espectáculo de Rúa) o venres 4 de outubro, ás 20:00, e do recoñecido clown Jean Philippe Kikolas, que estreará en Galicia a súa nova creación, Calor (sábado 5, ás 19:30). O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 19:30h, coa singular DistanS, o traballo da compañía andaluza Vol’e Temps, repleto de numerosas acrobacias nun espectáculo emocionante, único e divertido con música en directo.
Unha noite no teatro
Outra das liñas de programación que se inicia este venres 27 é O Fiotiño, a serie de actividades paralelas do FIOT dirixidas á xente miúda para achegar o mundo das artes escénicas. En concreto, esta fin de semana desenvolverase A noite branca no teatro, unha sorte de campamento infantil que terá lugar no propio Pazo da Cultura, e no que as e os participantes se mergullarán nunha auténtica experiencia teatral. Baixo o acompañamento do coñecido narrador Caxoto, o grupo vivirá unha noite con obradoiros e talleres de creación, que lles permitirá estrear ante o público de Carballo unha nova creación, no propio Pazo de Cultura, o sábado 28, ás 11:00. A obra xirará arredor das #MIRADASFIOT e de temáticas como o feminismo ou o medio ambiente. As prazas para participar nesta actividade están completas desde a semana da apertura do prazo de inscrición.
Entradas esgotadas para diversos espectáculos
O pasado venres, 20 de setembro, saíron á venda as entradas e abonos para o público xeral do Programa de Sala, OTNI e Rúa dos Contos. Na primeira xornada esgotáronse tanto os abonos como os billetes para asistir ás funcións de Fariña, Jauría e La Golondrina, incluídas na programación do Pazo da Cultura, así como de Carlos Blanco, quen actúa este domingo no mercado municipal de Carballo. As entradas para o Hamlet da singular Companhia do Chapitô están tamén esgotadas desde onte.”
Outeiro de Rei: Por unha peseta, espectáculo de Apatacón
Crónica videográfica da XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral (IV)
A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 27 de outubro de 2018 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Mesa redonda. Botando as contas da leiteira. Fantasía ou crúa realidade? Anxos Sumai, Faia Díaz Novo e Antonio Reigosa:
– Sesión práctica Regueifa 2.0. Educando en igualdade. Alba María e Lupe Blanco:
Crónica videográfica da XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral (III)
A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 27 de outubro de 2018 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Conferencia. Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina. Anxos Sumai:
– Conferencia. Pendentes de Ouro Negro. Mulleres e Wolframio (primeira parte). Faia Díaz Novo:
– Conferencia. Pendentes de Ouro Negro. Mulleres e Wolframio (segunda parte). Faia Díaz Novo:
“Meigas boas, bruxas falsas e heroínas abnegadas: a AELG analiza o imaxinario patriarcal da literatura de tradición oral”
Artigo de Montse Dopico en Praza:
“Dúas versións do mesmo conto. Nunha delas, nas noites de lúa chea, no monte Menlle, as meigas bañábanse, bailaban e corrían libres cos cabalos salvaxes. Na outra non eran meigas, senón bruxas. E non bailaban xuntas e felices, senón que danzaban co demo. A escritora Anxos Sumai comezou a súa intervención na XI Xornada de Literatura de Tradición Oral organizada pola AELG, dedicada ao rol das mulleres, contando estas dúas historias que escoitou na súa aldea natal, Oeste, en Catoira. Dúas pezas da tradición oral que lle serviron para reflexionar sobre a idea da bruxa malvada como construto político que se superpón á da figura meiga benéfica -a sabia, a sandadora, a curandeira, a adiviña…-, propia do mundo rural tradicional.
En que momento da Historia e por que se produce este cambio? A bruxa mala non existira sempre, -non aparece ata o século XV-. Fora un imaxinario creado cunha intención, explicou. No contexto do tránsito entre o feudalismo e o protocapitalismo rural, cunha incipiente economía de mercado ao servizo dos novos terratenentes que esixía, en primeiro lugar, unha man de obra non influenciada pola maxia: esa fonte de desorde, de desorganización social.
Había, como dixera Silvia Federici en O Calibán e a bruxa, que “desencantar” a sociedade. Mais cumpría, sobre todo, rematar coa posición social das mulleres que sabían. Impedir que aquelas que tiñan o poder de sandar, de controlar a reprodución -de parir, de administrar métodos anticonceptivos e abortivos-, de asesorar, sendo persoas de confianza da comunidade local, seguisen sendo quen eran. E así, partindo da teoría de Federici e de historiadoras e historiadores marxistas e feministas que inseriron a caza de bruxas en Europa dentro dun conflito de clases no nacente capitalismo rural, Sumai tentou explicar o paso dun conto do monte de Menlle ao outro.
Coma o tránsito da imaxe das meigas boas á das bruxas chuchonas capaces de xuntarse para o infanticidio organizado, e ademais practicando o vampirismo. Un xeito de propaganda que tivo o seu efecto ademais nunha arte que, a través do ataque ás bruxas, tentaba reprimir a sexualidade feminina. Porque, -remarcou Sumai-, por que as bruxas voan en vasoiras? Porque se imaxina a uns seres malignos que preparan ungüentos segredos para introducir pola vaxina. E non só cos dedos, senón co rabo da vasoira. Nunha sorte de símil salvaxe, e patriarcal, da masturbación feminina. A Inquisición española -engadiu- tivo un importante papel, ademais, nesta demonización das meigas.
Coa interpretación achegada por Anxos Sumai confluíu, nesta mesma xornada, celebrada en Lugo, a profesora Camiño Noia, que se ocupou da imaxe das mulleres nos contos. Debido ao seu papel reprodutor, -explicou-, as mulleres foron consideradas desde a antigüidade seres especialmente ligados aos procesos de vida e morte. Como piar da institución familiar, a muller é sometida ao dominio masculino no espazo doméstico a través dun contrato de casamento acordado entre homes. A muller paría, coidaba, e ademais organizaba a casa, controlaba os alimentos, cociñaba e distribuía as viandas. Neste contexto, os contos actuaban como axentes moralizadores, como transmisores de modelos de conduta que contribuísen a confinar as mulleres nos roles de xénero socialmente asignados.
As manifestacións literarias da oralidade -cantigas, contos, lendas, relatos das crenzas míticas…, -subliñou Noia-, foran consideradas durante séculos expresión das sociedades rurais iletradas. E foi así como as entenderon os folcloristas do século XIX, como creación de persoas analfabetas de sociedades marxinais. Mais, a partir do século XV, xa a nobreza, clero e burguesía cultivada acceden aos mesmos contos que contaba o campesiñado, aprendidos por transmisión oral ou lidos en libros coma o Decamerón de Bocaccio. A cuestión, aquí, é que tipo de contos se recollen, quen o fai e como decide transmitilos.
Así, a diferenza dos protagonistas masculinos, que adoitan desempeñar algún oficio, as mulleres son representadas nestes contos pola súa relación co home: no estado civil de solteiras, casadas ou viúvas. “É dicir”, -sinala Noia-, “mentres o home ten unha función social, a muller, reproducindo o modelo tradicional, á parte de coidar da casa e da familia, só traballa de modista ou menciñeira (bruxa)”. Nos contos de maxia, en concreto, -reflexionou Noia-, o papel das mulleres é pasivo: a protagonista está subordinada á madrasta, o pai, os irmáns ou o marido. Mesmo nos escasos contos de mulleres heroínas -na tradición galega e noutras-, estas non son destacadas por valentes, senón pola súa xenerosa dedicación aos demais, ás veces como contrapunto dunha muller mala.
Mais nos contos realistas a situación muda. Fronte á heroína dócil dos contos marabillosos, neste tipo de historias as mulleres toman a iniciativa, agudizan o enxeño, tentan divertirse e tirar proveito de situacións comprometidas, segundo a análise de Noia, baseada nos contos folclóricos da tradición galega clasificados no seu Catálogo tipolóxico dos contos de tradición oral (2010), que compara cos de outras tradicións.
Nos contos sobre matrimonios aparece, con certa frecuencia, a infidelidade, desde un enfoque satírico que Noia entende de acordo co contexto do matrimonio concertado. Nas historias realistas, a muller cumpre cos deberes familiares, mais permítese ter enredos amatorios. O contrario do que acontece nos contos marabillosos, nos que a muller permanece sempre fiel. Nos contos realistas, -entende Noia-, o mundo doméstico está mellor retratado que nos marabillosos. Mais, “con todo, estes pódense considerar historias da muller dentro dun mundo doméstico ó que chega o home na aventura vital na busca de axuda. E vai ser a muller quen o conduza, quen lle indique como actuar para cumprir as probas esixidas e quen o salve cando estea en perigo”.
Un bocado discordantes coas conclusións de Noia, -aínda que a hipótese de fondo, arredor da influencia do patriarcado na conformación da literatura oral, é a mesma-, foi a da avogada Estefanía A. Lodeiro, que centrou o seu relatorio na imaxe das mulleres no refraneiro. “Só moi recentemente a sociedade na que vivimos empezou a defender as relacións de xénero simétricas e a perseguir a desigualdade e unha das súas peores consecuencias: a violencia de xénero”, lembrou. Sendo os refráns enunciados con fin didácticos ou morais, unha visión positiva dos mesmos como depósito da sabedoría popular e canon de modelos de conduta pode encerrar un perigo, advertiu, xa que os valores da tradición non son os actuais.
No refraneiro galego, indicou, as mulleres son falsas, volubles, manipuladoras, tercas, pouco intelixentes, egoístas, interesadas e inimigas entre elas, ademais de seren responsables de todo o mal, incluso da mala conduta dos homes. A muller que imita comportamentos masculinos é ridiculizada, da mesma maneira que as solteiras, viúvas ou mulleres maiores son estigmatizadas e menosprezadas. O prototipo de muller ideal do refraneiro é, en coherencia co anterior, o imposto polo patriarcado. E é máis, este lexitima a violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións: psicolóxica -ao humillar, cousificar e desvalorizar a muller, esixíndolle obediencia e controlándoa-; sexual -porque debe estar sempre disposta a satisfacer o home- e física -xustificándoa como xeito de domala-.
No debate que seguiu ás intervencións de Noia e Lodeiro, que contou con ampla participación do público, a primeira insistiu en que a misoxinia apreciable no refraneiro é un reflexo dunha sociedade patriarcal. Lodeiro remarcou, pola súa banda, que non se trata só do mundo rural tradicional, xa que os roles e estereotipos impostos polo patriarcado son, na actualidade, os mesmos. Referiuse, ao respecto, á maternidade como mandato social, á discriminación no ámbito laboral ou o mansplaining.
Noia mencionou, con todo, a certa “ambigüidade” en cuestións como a infidelidade feminina, e o feito de que moitos refráns proceden do século XVII ou XVIII, e remarcou o papel dos recolectores -moitos deles cregos- que, fronte ao rol das mulleres como socializadoras e transmisoras da tradición cultural, escollían aquelas manifestacións da literatura oral que máis conviñan ao reforzo do sistema. Lodeiro concluíu sinalando a necesidade de que os homes renuncien aos seus privilexios como tales e de que os axentes de socialización -escola, medios de comunicación, familias- eduquen na igualdade. Noia amosouse de acordo, e sinalou que a violencia de xénero é na actualidade, precisamente, consecuencia da non resignación das mulleres, da non aceptación destes roles e estereotipos patriarcais.
Nunha perspectiva concordante coa do resto das relatoras -e en especial, quizais, coa de Lodeiro-, a cantante a investigadora Faia Díaz analizou -nunha intervención que mesturou a conferencia máis tradicional coa performance, a videocreación, a entrevista en directo ou a escoita de gravacións- o papel das mulleres na minaría do wolframio en Galicia. Comezou coa teatralización da testemuña de María de Fetós, unha muller, -hoxe de 94 anos-, que traballou na mina para cumprir o seu soño de mercar uns pendentes de ouro, e que non parou ata conseguir ter a súa casa e a súa independencia. Unha muller “cun autorrelato” que lexitima a súa identidade, en contraprestación, seguramente, a todas as veces que foi presionada para xustificarse polas súas decisións.
A recolla da testemuña de María forma parte dun proxecto de investigación máis amplo sobre o traballo das mulleres na mina – “picando pedra, camiñando con 40 quilos de mineral e embarazadas”, dixo, mais tantas veces “ocultado” ou minusvalorado. Citou, ao respecto, excepcións coma o documental sobre o tema de Encarna Otero. As mulleres traballaban na mina separando, esmagando, lavando e secando o mineral, nos negocios que xurdiron arredor da mina -como taberneiras ou prostitutas, por exemplo-, ou no contrabando de mineral, a “roubacha”.
A achega das mulleres foi, -insistiu-, relevante desde o punto de vista non só social senón económico, e no nivel macro e non só micro. Mais o problema, -explicou-, é que moitas destas mulleres -e todas as mulleres, en xeral-, tenden a restar importancia ao que fixeron. Porque sempre lles dixeron que o seu carecía de relevancia. No debate con Anxos Sumai posterior ao seu relatorio insistiu na necesidade de facerlles ver a estas mulleres que o que viviron si é importante. Facendo Historia desde unha perspectiva feminista integradora, transversal, alén da “Historia das mulleres”. Rematou a xornada coa regueifa de Alba María e Lupe Blanco, que agasallou ademais a Faia cun cantar da mina, -xa que Faia comentara anteriormente que en Galicia escaseaban, pese á tradición mineira-. Antonio Reigosa coordinou as mesas de debate.”
XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral
A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
Esa metade da humanidade que corresponde ao xénero feminino soe aparecer nos documentos de todo tipo subordinada ao masculino; por tanto, subordinada ao poder político e relixioso, sen ou con escasa liberdade de decisión ou de acción, confinada a funcións subalternas que se reflicten en todas as formas de transmisión de valores e de coñecementos. Tamén os diferentes xéneros da literatura de tradición oral proxectan ese papel secundario da muller, esa imaxe de ser dependente cando non reprobábel se non se comporta consonte o canon imperante.
Para recuperar, pero sobre todo para actualizar ese saber herdado, nesta undécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral tentamos, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular.
XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na Literatura de Tradición Oral
Matrícula para o certificado homologado: desde 25/09/2018 até 25/10/2018 (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
Matrícula para o certificado emitido pola AELG: Desde 25/09/2018 até 25/10/2018 (oficina@aelg.org)
Data: 27 de outubro de 2018
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 e tarde de 16:00 a 20:30h.
Lugar de celebración: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8,27001, Lugo)
Número de prazas: 100
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación (certificado homologado):
Prazas reservadas: 25% Número máximo de prazas: 25%
Obxectivos previstos:
1. Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional.
2. Facilitar un foro de reflexión para comprender e transmitir os valores da nosa cultura.
3. Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
4. A importancia do coñecemento destes temas da cultura transmitida por vía oral na formación do alumnado.
5. Formas e xéneros sobre cuestións de xénero na Literatura de Tradición Oral.
Programa:
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia
A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas
Camiño Noia
11.30-12.30 Conferencia
Muller que sabe latín, non serve para min
Estefanía A. Lodeiro Paz
12.30-14.00 Mesa redonda
A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso
Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz
Coordina: Antonio Reigosa
16.00-17.00 Conferencia
Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina
Anxos Sumai
17.00-18.00 Conferencia
Pendentes de Ouro Negro. Mulleres e Wolframio
Faia Díaz Novo
18.00-19.30 Mesa redonda
Botando as contas da leiteira. Fantasía ou crúa realidade?
Anxos Sumai e Faia Díaz Novo
Coordina: Lois Pérez
19.30-20.30 Sesión práctica
Regueifa 2.0. Educando en igualdade
Alba María e Lupe Blanco
Plano de avaliacion da actividade para o certificado homologado:
– Asistencia ao 85% das horas.
– Seguimento do desenvolvemento da actividade.
– Entregarase unha enquisa que será cuberta polos/as asistentes.
Destinatarios-as do certificado homologado:
Profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes.
Destinatarios-as do certificado emitido pola AELG:
Outras persoas que queiran un certificado de asistencia.
A entrada é libre.
Criterios de selección para o certificado homologado:
Por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os socios-as da AS-PG e da AELG.
Importe da matrícula e tipos:
Gratuíto en todos os casos.