Arquivos da etiqueta: Faro de Vigo
Henrique Rabuñal: “Murguía era fiel non só ao país, senón ao tempo das liberdades”
Manuel Esteban: “A infancia é un territorio de liberdade, curiosidade e exploración”
Armando Requeixo: “Cunqueiro é un autor cada vez máis apreciado pola súa escrita intemporal”
Inma López Silva: “Hai que desmontar as versións simplistas da Guerra Civil”
Pontevedra: “A Literatura Galega na actualidade”, con Marilar Aleixandre e Rexina Vega
María Solar: “Ás veces, non estamos preparados para o que pasa no mundo”
Desde Faro de Vigo:
“A presentadora e escritora María Solar está a presentar o seu último libro ata o de agora, A culpa, Premio Xerais de Novela, por toda Galicia e tamén recalou no Club FARO en Vigo. Alí falou principalmente das dúas protagonistas do libro, dúas mulleres “fortes”, destacou, que deixan Galicia coa súa adolescencia para emigrar a América unidas sempre ambas as dúas por un segredo e tamén pola culpa. Sobre a historia destes dous personaxes pero tamén tendo en conta a realidade, Solar sinalou: “Ás veces, non estamos preparados para o que pasa no mundo”.
Presentada polos tamén escritores Fran Alonso (este, ademais, editor de Xerais) e Eva Mejuto, a autora compostelá explicou que as dúas protagonistas, Mira e Marcela, “buscan construír unha vida” que dá un xiro cun acto “moi grave” aínda que con elas tamén hai “gravidade” en como o sistema as trata.
Porén o arranque da novela sitúanos nunha vila galega, na vida dunha muller nova, Amanda, que traballa nun banco e que un día descobre que a vella descoidada pero millonaria que os visitaba cada seis meses para ter á raia as súas contas fina para declarala a ela herdeira universal.
A partir de aí, xorden interrogantes na cabeza da rapaza: por que lle deixara a ela o diñeiro se a muller tiña familia (unhas sobriñas), quen era e quen fora esa vella, como realmente amasara unha cantidade desorbitada de cartos…
Recoñeceu Solar que consultou cunha avogada de Vigo para dar verosimilitude ao relato cando sinala que en España podes herdar “e non sabelo”.
Ao coñecer a rapaza que é herdeira, o libro dá un chimpo cara atrás cara o ano 2004 e Bos Aires para seguir o seu percorrido no que se presenta un thriller psicolóxico. A propia María Solar advertía onte que esta é unha “novela que ten varios xéneros dentro” , incluído o de diario, para Eva Mejuto destapar que inclúe anacos dun diario cuxos parágrafos son chave para coñecer e comprender os detalles da historia que a presentadora do programa Zig Zag da TVG tardou cinco anos en escribir e en lograr a documentación necesaria. (…)”
Rocío Leira: “Creo que a literatura debe ter tamén unha función social”
Entrevista a Rocío Leira en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Ti es matemática, pero neste libro atopamos referencias á filosofía e cantidade de xogos nemotécnicos, as letras e as ciencias están máis preto do que pensamos?
– Rocío Leira (RL): Letras e ciencias, a pesares do tópico creo que están intimamente relacionadas. Foron moitos os matemáticos que ó longo da historia destacaron no mundo dos libros: Lewis Carroll, Echegaray… En Cicuta para dous trátase o tema da filosofía e malia que matemáticas e filosofía poidan parecer disciplinas diametralmente opostas, en realidade, ambas están moi ligadas, pois nas dúas se traballa coa mesma materia prima: os pensamentos. En ambas, a razón, o sentido crítico e a abstracción son elementos esenciais, polo que mesmo se podería decir que lonxe de seren disciplinas opostas, ambas se complementan á perfección.
– FV: E como marca (se é que o fai) a matemática na forma de escribir? Moitas revisións? Búsqueda de exactitude?
– RL: Son matemática vocacional e para min a miña profesión é moito máis que un modo de gañarme a vida. No meu caso as matemáticas representan un modo de ser e de estar no mundo, unha maneira particular de entender a vida. Polo tanto, resulta case inevitable que esa paixón non se traslade a todo o que fago, incluída a miña faceta literaria. Creo que nos meus escritos se adiviña sempre un certo matiz matemático e o emprego da lóxica ten un papel protagonista.
No caso de Cicuta para dous non ía ser menos, e nas súas páxinas transmítese unha defensa acérrima do pensamento e da reflexión como ferramentas indispensables para conducirnos pola vida.
– FV: E nese caso, como marca a filosofía?
– RL: Son unha gran lectora de filosofía, e malia que carezo de formación nese eido, adoro esa disciplina. En Cicuta para dous trato de transmitir ese gusto polo oficio de Sócrates pois considero que nestes momentos a filosofía é máis necesaria ca nunca. Rodeados como estamos de falacias, fake news e posverdades, penso que é imprescindible desenvolver un sentido critico para analizar todo o que está acontecendo e para protexernos da manipulación á que nos vemos sometidos dende todos os estamentos da sociedade. (…)”