“Na
illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo
Arquivos da etiqueta: Federación de Librarías de Galicia
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 4 e domingo 5
O
sábado 4 e domingo 5 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 4
– 18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Presentación de Transición, de Pablo Fernández Barba, publicado por Sotelo Blanco Edicións, obra gañadora do XVI Premio Risco de Creación Literaria.
– 19:30 h. Bieito Iglesias asina exemplares de O ouro de Ourense, publicado por Engaiolarte, na caseta da Libraría Kathedra.
– 20:00 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. No acto acompañará á autora Patricia Arias Chachero.
Domingo 5
– 12:30 h. Presentación do libro Lindos abrollos, de Carlos Abeledo, publicado por Edicións Embora, con cata de viños de Adega Pousadoiro.
– 20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto acompaña ao autor Jorge Emilio Bóveda.
– 21:00 h. Presentación do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Análise estructural e simbólica do mito da moura, de Rafael Quintiá, publicado por Sotelo Blanco Edicións. No acto participan Miguel Losada, Antonio Blanco e José Mª Eguileta.
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o venres 3
O
venres 3 de xuño comeza a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 20:15 h. Luís Manuel García Mañá asinará exemplares de Por que as sombras non teñen ollos, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Pesentación de Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz e ilustrado por Pilar Sevillano, publicado por Xerais. No acto estarán acompañados por Luís Manuel García Mañá.
Lugo: actos destacados na Feira do Libro o sábado 21 e domingo 22
O
domingo 22 de maio finaliza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para o sábado 21 e domingo 22:
Sábado 21:
– 17:30 h. Contacontos para nenas/os e firma de exemplares do libro Canción do sol, de Estefanía Padulles Estévez, por Hércules de Edicións.
– 18:30 h. Presentación e firma dos libros Muxicas, de Iria López “Ika”, e do libro colectivo Foron, somos, de Iria López e José Estévez, por Redelibros, coa participación de Luísa Arias, Asun Blanco, Oti Campos, X. M. Chanteiro, Natalia Lema, Matilde Páramo, M. Porteiro, Belén Rico, José A. R. Vivián e Marcelino Romero.
Domingo 22:
– 18:30 h. Mesa redonda Clubs de Lectura, coa participación de diversos Clubs de Lectura de Lugo.
A I Gala do Libro Galego no Diario Cultural da Radio Galega
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Reportaxe no Diario Cultural sobre a I Gala do Libro Galego, a cargo de Ana Romaní. Pode escoitarse aquí.”
Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 20
O
venres 20 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 17:30 h. Presentación do libro A música das árbores, a cargo de Anxo Moure e Servando Barreiro, con actuación musical.
– 19:00 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Xunto ao autor participan Francisco Legaspi e Belén López Vázquez.
– 20:00 h. Presentación de Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
– 21:00 h. Os outros feirantes, evento nocturno na Feira, onde participan Lois Pérez, Esther Carrodeguas, o mago David Méndez, e música de Zercalo.
Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 19
O
xoves 19 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Coloquio sobre Manuel María, coa participación dos membros do Clube de Lectura da Biblioteca Nodal de Lugo.
– 20:00 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Ademais do autor, intervirán Xesús Fraga e Arturo Ponte.
Obras gañadoras da I Gala do Libro Galego
A I Gala do Libro Galego tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego.
A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:
Ensaio
– Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.
Tradución
– Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.
Proxecto literario na rede
– Poétic@, de Fran Alonso.
Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.
Literatura infantil e xuvenil
– O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector.
Iniciativa bibliográfica
– Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
– Espazo Lectura.
Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.
Libro ilustrado
– Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración
Teatro
– Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais.
Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.
Xornalismo Cultural
– Sermos Galiza.
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.
Narrativa
– O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.
Poesía
– oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.
Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela; a Asociación de Editores Galegos premiou a Editorial Laiovento e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer.
A Gala, presentada polo xornalista e escritor Camilo Franco, contou coa actuación musical do grupo de teatro musical Áureas.
Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e coa colaboración da Fundación Luís Seoane.
Lugo: actos destacados na Feira do Libro o martes 17 e mércores 18
O
martes 17 de maio comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para o martes 17 e mércores 18:
Martes 17:
– 13:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, por Nova Galicia Edicións.
– 17:00 h. Alberte Momán asinará exemplares da súa última obra, Bosquexos para unha distopía, publicado por Redelibros, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:00 h. Presentación do Libro O Gaiteiro de Santo Xusto, de Bruno Villamor.
– 20:00 h. Pregón a cargo de Xerardo Quintiá.
Mércores 18:
– 19:00 h. Presentación do libro-CD A música dos Carricoba, de Federico Vázquez de la Fuente, publicado por Ouvirmos.
– 20:00 h. Presentación de Cinepoemas, de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
I Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio en Compostela
Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:
– 18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
– 19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
– A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.
No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.
Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
- Obra de ensaio
- Obra de narrativa
- Obra infantil e xuvenil
- Libro ilustrado
- Iniciativa bibliográfica
- Obra traducida
- Libro de poesía
- Libro de teatro
- Iniciativa cultural ou fomento da lectura
- Proxecto literario na rede
- Xornalismo cultural
- Escritor galego universal
- Premio honorífico á libraría
- Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016 Sigue lendo