Entrevista de M. Obelleiro e Cilia Torna a Felipe Senén en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Até que punto podemos considerar a obra de Castelao como unha autentica crónica da Galiza da primeira metade do século XX e un auténtico fresco social do país?
– Felipe Senén (FS): Así é, e algo máis que iso. A obra creativa está fundamentada nunha ética e estética comprometidas. É arte militante, que seduce, sensibiliza e chega á xente a través dos medios, especialmente da imprenta, dos xornais. Para iso está cavilada, para reproducir e espallar. O resultado é fondamente nacionalista galego, a un tempo que moi dentro das ópticas modernistas, as de buscar a orixinalidade nas mesmas orixes, namentres outros se perdían no desenguedello orientalista e noutros ismos e movidas. E o asunto é facer o que se fixo, dignificando, fuxindo das tendencias folcloristas, “colonizadoras” ao esperpento, desde ese paso que teorizaba como “da arte dos canteiros construír o Pórtico da Gloria”. A nosa achega á universalidade. “Galiza célula de universalidade” era a paráfrase coa que se encetaba o Estatuto de Autonomía do 36. (…)
– SG: Vostede ten afirmado que Castelao non é un artista ao uso, a que se refire vostede con esta reflexión?
– FS: Castelao é un galego con ciencia e conciencia, con corazón e con razón, que abre e retoma camiños iniciados por Rosalía ou Murguía, faino no xeito de ser e desde un dandismo modernista, na novela, no teatro, na arqueoloxía e na etnografía, en todas as formas da arte capaces de seriarse… e, conseguintemente, na política que implica todas relacións. Castelao era un humanista integral e indicou que o nacionalismo galego era ese humanismo que implica homes e mulleres de onte e de agora, a relación da paisanaxe coa paisaxe… E toda a súa obra ten un fondo contido didáctico, eis a súas doses de sedución, algo que cómpre saber contextualizar na súa terra e no seu tempo, alicerce pois de futuro, como el fixo. Non hai un paso adiante sen o referente do paso xa dado atrás. (…)”
Arquivos da etiqueta: Felipe Senén
Outeiro de Rei: presentación da reedición de Ritual para unha tribo capital de concello, de Manuel María
Compostela: presentación de Cuntis na época romana, de Héitor Picallo
A Coruña: presentación de A relixión do mar, de Xosé Iglesias
O venres 20 de xaneiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Xosé Iglesias presenta A relixión do mar, obra coa que gañou o 9º Premio Victoriano Taibo de poesía. No acto, o autor estará acompañado por Felipe Senén.
A Coruña: Ciclo de conferencias Galicia, un pobo máxico, con Felipe Senén
Outeiro de Rei: presentación de Regato do Cepelo, de Fernán López
Diálogos Manuel María: Felipe Senén e Darío Xohán Cabana
Desde o
Diario Cultural da Radio Galega:
“Dentro dos Diálogos Manuel María, poden escoitarse a entrevista a Felipe Senén nesta ligazón, e a Darío Xohán Cabana nestoutro enlace.”
A Coruña: presentación e coloquio sobre 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014), de Xosé María Lema e Xosé María Rei
O xoves 28 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014), de Xosé María Lema Suárez e Xosé María Rei Lema. No acto, xunto aos autores, participan Xurxo Souto e Felipe-Senén. A presentación verase acompañada dunha charla dos autores sobre a Historia do fútbol na Costa da Morte desde 1920, narrada con proxección de imaxes.
Felipe Senén: “Manuel María é integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega”
Entrevista a Felipe Senén na Real Academia Galega:
“- Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Felipe Senén (FS): A súa coherencia insubornable con canto supón Galicia. O seu humanismo galego como achega á universalidade.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– FS: Enxertar paisaxe e paisanaxe galega ante o acontecer, coidando clasicismo e tradicións literarias e innovando sobre elas. A súa Ítaca de ida e volta, a súa vara de medir o mundo é a Casa, Outeiro de Rei, a Terra Chá e Galicia.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– FS: Imborrable mentres Galicia exista: obra cantada, solicitado como poucos poetas, precisamente por ser integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega.
– RAG: Que vixencia conserva a súa creación?
– FS: É vixente agora e sempre: se buscas a orixe, a orixinalidade, a identidade… Se buscas a Galicia, nel has de atopala… Entendo que é un clásico.
– RAG: Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
– FS: Dende 1968 até o seu fin, mesmo como compadre, coincidente nunha fronte de sensibilización para enxergar canto supón a historia e a cultura de Galicia. Un carismático referente inesquecible, que sabía usar a retranca, a bonhomía, viaxeiro para tripar as pegadas dos pasos, buscar o locus amoenus dos seus admirados, Rosalía, Francis Jammes, Antonio Machado, Aresti, Torga, Otero Pedrayo…
– RAG: Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
– FS: “A nai enche” (Ritual pra unha tribu capital de concello). É todo unha lección de esencias galegas, da Casa… que vencella moitas tradicións galaicoportuguesas.”