Eduardo Blanco Amor na Insua dos Poetas

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Como cada ano, dende hai xa máis dun lustro, onte tivo lugar no singular marco da Insua dos Poetas na Esgueva, Madarnás, O Carballiño, a VI Festa da Palabra, que organiza, baixo a coordinación de Luís González Tosar e Xabier Castro Martínez, a Fundación que leva o nome do lugar.
Con grande asistencia de público tanto anónimo coma significado nos eidos culturais e artísticos, a Festa da Palabra entregou onte os seus Premios Setecarballas e, sobre todo, rendeu homenaxe á figura de Eduardo Blanco-Amor, á memoria do cal ía este ano dedicada a xuntanza e, con tal motivo, inaugurouse un espectacular grupo escultórico recordando a súa produción que asinou o artista Acisclo Manzano.
O evento conduciuno Xabier Castro Martínez, secretario da Fundación Insua dos Poetas, quen logo de dar comezo ao mesmo cedeu a palabra ao presidente desta, González Tosar, para que saudase os presentes, se congratulase da celebración e exhortase a todas as forzas vivas do país a se unir en prol da consecución dun futuro que superase as actuais dificultades pola vía da “concentración parcelaria” superadora do minifundismo cultural, avanzando, así mesmo, que a próxima convocatoria do evento estaría dedicada ao intelectual galego-porteño Francisco Luis Bernárdez.
Tomou logo a palabra Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia, quen deu lectura á proposición, non de Lei, pola que todos os grupos parlamentarios aprobaron declarar na cámara este 2014 (no que se fan trinta e cinco anos do pasamento do escritor) Ano Blanco-Amor. (…)”

Esgueva, O Carballiño: celebración do Día da Poesía

O luns 24 de marzo, ás 11:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celébrase o Día da Poesía, nun acto coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas e o Centro PEN de Galicia, e patrocinado pola Consellería de Cultura, Consellería de Medio Rural e Mar e a Deputación de Ourense. O programa é o seguinte:
– Un alumno/a de cada un dos centros escolares presentes lerá un poema de Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.
– Intervirán: Víctor F. Freixanes, Luís González Tosar, Xesús Alonso Montero, Tomás Fernández Couto, Xesús Vázquez Abad e Manuel Baltar.
– Entrega de lotes de libros aos profesores dos centros de ensino presentes.
– Ofrenda floral no monumento Nimbos de luz.
– Plantación de árbores a cargo dos alumnos, profesores, escritores, xornalistas e autoridades.

A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra do 2014

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”

Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”