Adolfo Caamaño, novo gañador do premio Modesto R. Figueiredo de narración curta 2020

“O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, fallouse o 6 de marzo no Concello de Silleda, que colabora nesta 46 edición do certame. O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co galardón polo relato Derradeiras paisaxes do Conde, pola súa proposta orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado– dende unha perspectiva inédita.
O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.
Nesta edición de 2020, que veu retrasando a data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos acceses: para Esteban Brea Castro (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cunha proposta anovadora e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta.
O xurado reuniuse ese mediodía no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio– os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos.”

Estíbaliz Espinosa gaña o certame Modesto R. Figueiredo

Desde La Voz de Galicia:
“A escritora coruñesa Estíbaliz Espinosa resultou gañadora do certame galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo, que se fallou en Ribeira. Despois de analizar as 39 obras que concorreron a esta cuadraxésimo quinta edición, o xurado decidiuse polo seu traballo, titulado 23 xeitos de inventar unha constelación. Tamén se concederon dous accésit, que foron a parar a mans de Yolanda Ceide Calviño, por Trinta minutos antes, e Virxilio Rodríguez Vázquez, por A primeira vista.
O rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, foi o encargado de entregarlle o galardón, un cheque por importe de 1.000 euros, á escritora da Coruña, nun acto que contou coa presenza de Xosé Ramón Fandiño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que é a promotora deste certame considerado un dos referentes da literatura galega contemporánea. Os autores dos outros dous textos que foron distinguidos recibiron 400 euros. (…)
David Otero, que exerceu como secretario do xurado, leu a acta no salón de plenos da casa consistorial ribeirense. Xunto a el, encargáronse de revisar e valorar os textos presentados o propio Fandiño; o escritor ribeirense Antonio Piñeiro; Pablo Rubén Eyré, en representación do Pen Club de Escritores de Galicia; Agustín Agra, pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; e José Carou, membro tamén do Pedrón de Ouro.
A entrega de galardóns contou coa asistencia de María Xosé Rodríguez, que se sumou en representación da familia de Modesto Figueirido. (…)”

Bases do XLV Certame Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo 2019

1. FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Ribeira, organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o avogado pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar tod@s @s autor@s de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e que non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 de novembro de 2019 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela
* * * * *
CONCELLO DE RIBEIRA
Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro
Praza do Concello, nº 1 . 15960 RIBEIRA (A Coruña).
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículum vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5. PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ (suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un (e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.
6. XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritoras-es (AELG e Pen Clube de Escritores de Galicia) e do Concello de Ribeira. Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7. ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Ribeira en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8. OBXECIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade concapacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.”

A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12:30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.
O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista” e que “recentemente” vén de levar a cabo “importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica” da Casa-Museo.
Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a “personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura”. Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, “nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior”. Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica ‘Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies’ e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas. (…)”

Premios Pedrón para Carmen Mejía e o coro Cántigas da Terra

Desde Sermos Galiza:
“O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia “Literatura e Identidade na península Ibérica”. As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Baldomero Iglesias, “Mero”, e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12:30 horas.”