Entrevista de Sergio Casal a Héctor Cajaraville en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): É esta novela un aviso do lugar ao que podemos chegar como sociedade?
– Héctor Cajaraville (HC): Si que o é. Eu son lector de distopías e tiña ganas de escribir unha. Penso que cada vez de xeito máis acelerado, estas propostas literarias presentan escenarios que xa se están a dar dalgún modo no noso presente. O que eu conto neste libro, que en parte é unha distopía futurista, ten detalles que xa están instaurados na sociedade actual. Ademais, hai cousas das que falo na novela, como certos xeitos de controlar os individuos a través da tecnoloxía, que pode ser que xa sucedan hoxe.
– ND: O inicio desorienta o lector ou lectora tanto como a Mei. Por que é importante que o lector comece coa mesma información que a protagonista?
– HC: Eu quero que o achegamento á novela se dea de modo diferente ao convencional. Aquí hai unha especie de regresión temporal. Na primeira parte da novela, os días van cara atrás, en lugar de cara diante, e vas entendendo de que vai a historia a medida que vas lendo o dos días anteriores. Funcionoume na primeira parte e a intención era trasladar dalgún modo ao lector a inquedanza da protagonista, á que lle acaba de rebentar literalmente o seu mundo. Que a persoa que lea se sinta descolocada e vaia descubrindo mentres avanza. (…)”
Arquivos da etiqueta: Héctor Cajaraville
Premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo 2025
Finalistas do 34º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 16 de maio, venres, ás 19:30 no auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía.
O xurado, reunido o 26 de abril de 2025 ás 10.30 horas en dependencias do Concello de Arteixo, decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
– A expedición Reynolds e a tribo dos tul’ati, presentada baixo o lema “Ariel Leira” e con autoría de Héctor Cajaraville Araújo;
– Bum, presentada baixo o lema “Pantone 422 C” e con autoría de Nerea Pallares Villar.
– Ser amábel, presentada baixo o lema “O fío que une as cousas” e con autoría de Inmaculada Núñez Núñez.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
No acto de entrega contaremos coa presenza do xurado, quen fará unha valoración sobre as obras premiadas así como sobre a presente edición do Certame.
No mesmo acto presentarase a publicación A garza alucinada, volume que integra os relatos gañadores nas edicións dos anos 2022-2024 e contarase coa actuación estelar da Escola de Música Tradicional da A. X. Xiradela.”
Compostela: II Xornadas Literarias en Conxo
Héctor Cajaraville gaña o 11º Premio Meiga Moira coa obra Aurora austral
A Coruña: presentación de Os mil e un días, de Carmen Villar Alonso
Alberto Mancebo gaña a XXX edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey
Desde o Concello do Grove:
“O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Álex Alonso (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 15 de decembro para ditaminar esta XXX edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Indolente co lema “Marco Bano”.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser “Alberto Mancebo Soto”.
O xurado destacou en Indolente a capacidade para defrontarnos cos riscos dun mundo futuro de ameazas climáticas que abisman a Humanidade a unha situación límite que fai aflorar os instintos máis primarios.
Novela de narración poderosa, de desacougante escenario agónico, a súa trama crea unha hipnótica atmosfera rebordante de violencia na que os personaxes teñen que decidir inclinarse pola supervivencia solidaria ou pola loita individualista, atrapados nunha témera tormenta solar.
Inquedante, insólita e apelativa, esta historia convida a repensar o fondo da alma humana, coas súas faíscas luminosas, mais tamén coas súas miserias insondables.”









