Antonio Rey Somoza é o gañador do Premio de Historia Medieval de Galicia do ano 2011

“A edición número once do Premio de Historia Medieval de Galicia foi para a obra A nobreza na poesía lírica Galego-Portuguesa, de Antonio Rey Somoza. O xurado, reunido no Concello de Noia, o dezasete de decembro de dous mil once, cabodano do Mariscal Pardo de Cela, estivo formado D. Henrique Monteagudo como presidente e, como vocais, D. Xerardo Agrafoxo Pérez, D. Clodio González Pérez, D. Pedro García Vidal e D. Marcos Fernández Ferreiro; actuando como secretario, sen voto, Don David González Couso. O Premio é outorgado conxuntamente por Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame, Noia e Porto do Son. A obra explora a información que ofrece o cancioneiro trobadoresco galego-portugués (no seu sector satírico) e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un corpus textual que corresponde á situación plenomedieval (século XIII) do centro e o occidente da Península ibérica. Un traballo que salienta polo seu carácter interdisciplinar, ao mostrar a utilidade da explotación dos textos literarios como fonte de información histórica, complementaria e nalgúns aspectos (por exemplo, no terreo das mentalidades) superior á obtida das fontes documentais tradicional. Os ideais e actitudes da nobreza son presentados coas mesmas palabras de individuos da época; os valores e o modo de vida nobiliar aparecen vividamente retratados; queda de manifesto a rigorosa estratificación da sociedade medieval -mesmo no interior do propio estamento privilexiado- reflectida na súa simboloxía e na ironía/sarcasmo das cantigas; tamén se recupera información de interese dende o punto de vista da relixiosidade (o culto mariano, a cuestión das milagres, etc); e, por suposto, información referida ao campo da cultura medieval e mesmo á historia do humor e o entretemento. Desde o punto de vista do propio premio, ten outra cualidade: abre as portas aos estudos que combinan a historiografía coa filoloxía, un aspecto previsto desde o comezo, pero ao que raramente se lle deu acollida.” Vía Asociación Galega de Editores.

2011: un ano para a memoria (de Cunqueiro)

Reportaxe en Cultura Galega:
“En xaneiro varias institucións públicas presentaron no CCG as liñas básicas dunha programación destinada a homenaxear a figura de Álvaro Cunqueiro ao longo de toda Galicia. Co Consello da Cultura Galega como entidade canalizadora, a concorrencia da Consellería de Cultura, a Real Academia Galega, os concellos de Vigo e Mondoñedo e as universidades do país ofreceron as liñas mestras dun intenso ano de programación cultural que acolleu congresos, exposicións, representacións teatrais, tertulias e diferentes iniciativas. “Cunqueiro é un escritor moi atractivo”, asegura Henrique Monteagudo, coordinador dos Faladoiros Cunqueiro que organizou en diferentes cidades galegas, Madrid e Barcelona, o Consello da Cultura. “Para as xeracións novas”, asegura Monteagudo, “Cunqueiro é unha figura cada vez máis remota e por isto estas accións son importantes”. Monteagudo considera que as accións do Ano Cunqueiro tiveron unha boa resposta do público e constatou o atractivo da súa figura para os galegos. “A primeira vista, Cunqueiro é un autor que atrae”, asegura Monteagudo, “pero logo non é un escritor en absoluto fácil. Require un lector bastante experto, que comprenda os xogos literarios que establece” (…)”.

A Coruña: homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz no seu bicentenario

“Hai agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Uxío Carré Aldao. Tamén se recuperaban para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort. Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11). A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Ás 18:00 h. terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emílio Xosé Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.” Vía La Voz de Galicia e Cultura Galega.

Henrique Monteagudo: ‘Del Riego, rebeldía contra o malfado’

Artigo de Henrique Monteagudo sobre Francisco Fernández del Riego en El País:
“Estou convencido de que a madureza da cultura galega pasa por deixar de recreármonos nunha veneración acrítica por persoeiros indiscutibles e superarmos unha excesiva dependencia dos ritos de conmemoración. Incluso ás veces penso que a este país lle viría ben un ano sábatico sen efemérides nin aniversarios, centrados en celebrar as iniciativas innovadoras e os talentos emerxentes. Ben sei, o futuro constrúese sobre a memoria, pero ás veces corremos o risco de que o fardelo do pasado nos pese de máis e nos impida avanzar cara ao porvir. O devandito é unha excusatio non petita porque vou conmemorar unha figura, precisamente co gallo do seu cabodano. Pero vouno tentar facer como coido que a el lle gustaría, rememorando a súa traxectoria coa ollada no presente e no mañá. Os feitos de don Paco non son pasado morto, son leccións que nos falan vivamente nestes tempos de tribulación e desacougo, advertíndonos que non podemos abandonar a esperanza, pero tampouco abandonarnos a ela. (…)
Co seu exemplo de lealdade temesiña ao ideal dunha cultura galega rica e moderna nunha Galicia autogobernada, de resistencia incoercible nos transos máis difíciles da nosa historia recente, de xenerosidade, bonhomía e amplitude de miras, Del Riego déixanos un legado especialmente valioso para afrontarmos a dura singradura que temos por diante. (…)”

Santiago: debate sobre O discurso de promoción do galego, entre Henrique Monteagudo e Pilar García Negro

O luns 24 de outubro, ás 18:00 horas, na Aula 10 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar un debate sobre O discurso de promoción do galego, problemática e propostas de futuro, en que participarán Henrique Monteagudo e María do Pilar García Negro. O acto está organizado pola Liga Estudantil Galega Filoloxía.

Pontevedra: faladoiro Os intelectuais galegos e o franquismo

O xoves 6 de outubro, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedras, terá lugar un novo faladoiro organizado polo Consello da Cultura Galega, dentro do Ano Cunqueiro, baixo o título Os intelectuais galegos e o franquismo, coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Cochón, Xosé Fortes e Olivia Rodríguez, coordinados por Henrique Monteagudo.

Si o vello Sinbad volvese…

“”A estrea de O incerto señor Don Hamlet no Teatro Colón no 59 marcou a miña decisión de dedicarme ao teatro no resto da miña vida”, afirma o dramaturgo Manuel Lourenzo. Menos decisiva foi a influencia que a obra deixou en Ánxeles Cuña quen dirixiu a adaptación que Sarabela Teatro fixo tempo atrás desta obra, unha das máis destacada da literatura galega. Todos eles, xunto con Laura Tato e Euloxio Ruibal falarán mañá da obra dramática de Álvaro Cunqueiro, nun acto coordinado por Henrique Monteagudo, co que se pretende homenaxear ao escritor mindoniense co gallo do centenario do seu nacemento. Culturagalega.org falou con algúns dos presentes nesa mesa redonda para que sinteticen as ideas principais que abordarán nese coloquio (…)”. Vía Cultura Galega.

Ortigueira: Faladoiro Cunqueiro: Guerra e literatura

O sábado 6 de agosto, ás 21:00 horas, no Teatro da Beneficencia (Casa do Concello, Praza Isabel II, s/n.) de Ortigueira, terá lugar o faladoiro Cunqueiro: Guerra e literatura, no que participan Fermín Bouza Álvarez, Eloy Fernández Clemente, Henrique Monteagudo, Carlos G. Reigosa e Dolores Vilavedra, nun acto organizado polo Consello da Cultura Galega.

Mondoñedo: faladoiro sobre Cunqueiro: Boticas, menciña, maxia

O xoves 4 de agosto, ás 20:30 horas, no Salón de actos da Casa da Xuventude (Rúa Pacheco, 5) de Mondoñedo, terá lugar o faladoiro Cunqueiro: Boticas, menciña, maxia, no que participan César Cunqueiro, Francisco Díaz-Fierros, Ángel Vázquez de la Cruz e Xosé Ramón Mariño Ferro, coordinados por Henrique Monteagudo, nun acto organizado polo Consello da Cultura Galega.

Santiago: faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela, terá lugar o faladoiro A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participan Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.