Arquivos da etiqueta: Himno Galego
A Coruña: “Cantar a Nación. Aniversario da estrea do himno galego”
Entregan 15.857 sinaturas en apoio da ILP para a restauración do texto fidedigno do himno galego
Desde Nós Diario (foto: Arxina):
“Unha representación da comisión promotora da proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión” presentou na mañá desta segunda feira as 15.857 sinaturas que apoian esta demanda, no rexistro do Parlamento galego, 5.857 “máis que as 10.000 necesarias” e cando aínda restaban “outros dous meses para continuar a campaña”.
“Toda unha evidencia da necesidade e interese de facer oficial o texto orixinal do noso himno” explicou o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao.
En nome de Vía Galega e Galiza Cultura, Louzao agradeceu a total disposición das 30 persoas da comisión promotora, mais tamén a de cada unha das persoas asinantes e das entidades e organizacións que se implicaron na recollida de sinaturas “para facer factíbel que a poidamos defender no Parlamento”.
Especial mención fixo do profesor Manuel Ferreiro, “artífice da monumental investigación que guía esta ILP e, por tanto, a restauración do texto real do himno”.
Xunto a isto valorou moi positivamente que Deputacións e Concellos, mediante declaracións institucionais ou aprobación de mocións mostrasen o seu apoio á ILP, xunto con numerosas entidades e asociacións de diferentes ámbitos.
Agora, ten a palabra o Parlamento, quen ten a potestade de trasladar a lei de Símbolos da Galiza a letra fidedigna do noso Himno.
Nese sentido afirmou que “se para todas as nacións os seus símbolos son importantes, para Galiza, unha nación sen soberanía política, tórnanse máis relevantes”. Por iso considerou “inxustificábel” que 38 anos despois de ser promulgada a Lei de símbolos da Galiza, de diferentes iniciativas parlamentares e “das concluíntes investigacións do profesor Ferreiro, o noso himno continúe coa letra deturpada”.
O portavoz de Vía Galega manifestou que “cómpre, por tanto, que se abandone o desleixo e a desconsideración cos nosos sinais de identidade, e que, por fin, o Parlamento aprobe esta ILP e que “o Goberno galego asuma divulgar e popularizar o noso himno completo co texto restaurado e fidedigno”. Nesta liña concluíu que “o himno identifícanos e represéntanos como nación e amosa o dereito e a vontade de sermos libres”.
Foi o propio Manuel Ferreiro quen explicou que esta ILP foi presentada “por razóns de xustiza histórica e de reparación da verdade”, “sabéndomos que temos a razón no relativo á restauración do texto certo do himno, porque son moitas as probas que o demostran”.
Manifestou a esperanza de Vía Galega de que esta vez, en 2023, pasados 40 anos da aprobación da Lei de Símbolos, “os nosos representantes no Parlamento e as institucións galegas sexan conscientes da necesidade de recuperar o texto que os nosos devanceiros, e nomeadamente Eduardo Pondal, crearon e asumiron como un dos nosos símbolos nacionais”.
Lembrou que o himno foi difundido inicialmente na Habana. Así, pola intervención de factores externos a nós, entre os que mencionou aos linotipistas da prensa cubana, alleos á nosa lingua, “o texto apareceu con erros que se foron transmitindo” e dos que, dixo, “os lexisladores en 1984 non eran conscientes porque non dispuñan dos elementos necesarios”.
Valorou a Lei de Símbolos, da que, afirmou, “debemos sentir orgullo”, mais considerou que agora, con máis elementos, “hai que restaurar o texto verdadeiro, porque o que na lei aparece non é o que Pondal escribiu e publicou”.
A ese respecto fixo referencia aos diversos documentos que así o constatan, como a versión orixinal de 1890; un recorte que fixo Pondal onde non realizou correccións no texto; as versións manuscritas previas e mesmo unha carta do propio Pondal, de 1913, “onde lle di a Fontenla Leal, que foi o gran difusor do himno na Habana, que este ten moitos erros e que hai que corrixilos”, explicou.
Por iso considerou que “en 2023, pasados máis de un século desde que naceu en 1890 e da súa primeira interpretación na Habana, en 1907, agora que temos os medios e o coñecemento de cal era o verdadeiro texto, o que non pode ser é que cantemos unha versión que non se corresponde exactamente co que Pondal escribiu e co que estaba no espírito dos nosos devanceiros.
En concreto, subliñou que “se Pondal puxo ‘férridos’, non podemos dicir ‘féridos’, que é unha palabra que non existe, e se Pondal puxo ‘ignorantes’, non hai por que estabelecer no texto un hiperenxebrismo, unha forma allea ao galego como “iñorantes”, do mesmo xeito que sós ou clan”, entre outras.
Cuestións que, concluíu, “sen seren transcendentais”, convidou a corrixir porque “é unha cuestión de dignidade colectiva, porque ningún país normal pode consentir que o seu himno, a expresión cantada da nación que nos une e que nos identifica para dentro e para fóra, non teña o texto correcto”.
Foi a profesora da UDC e ex parlamentaria, Pilar García Negro, quen deu conta das numerosas iniciativas presentadas antes de se chegar a esta ILP.
Iniciativas que ela mesma promoveu e defendeu, mais que non se chegaron a efectivizar, e que seguiron un periplo que se recolle no seu libro Himno Galego. Unha historia parlamentar (inconclusa).
García Negro incidiu ademais no feito de que o Parlamento é a sede da soberanía do pobo e quen ten a obriga de restaurar o himno, unha vez que se demostrou que a letra orixinal é esta. Nese sentido apelou ao conxunto de representantes no hemiciclo porque, lembrou, o único que falta e a vontade política necesaria para se corrixa.”
A Coruña: palestra Nos 110 anos do Hino Galego: historia, texto e símbolo, por Manuel Ferreiro
A terza feira 30 de xaneiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Manuel Ferreiro pronunciará, dentro do ciclo “Língua, Cultura e País”, a palestra Nos 110 anos do Hino Galego: historia, texto e símbolo, nun acto organizado pola A. C. O Facho.
“110 anos do himno galego”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xénese, historia e deturpacións. Falan o investigador Manuel Ferreiro e a profesora Pilar García Negro. Pode escoitarse aquí.”
A Coruña: acto literario e musical co galo do 110º aniversario da estrea do Himno galego na Habana
Exposición sobre o Himno Galego na Coruña
Até o luns 2 de febreiro segue aberta no Fórum Metropolitano da Coruña a exposición O Himno. Os tempos son chegados, organizada pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Aos asistentes entregaráselles un exemplar da publicación “Un xeito de soñar Galicia. Nazón de Breogán” [descargar en PDF aquí].
Acto conmemorativo do centenario do himno
A Concellaría de Cultura da Coruña organiza o programa do acto conmemorativo do centenario do noso himno. Será o 20 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Rosalía de Castro. Intervirán, entre outros, no acto Manuel Lourenzo e Manuel Ferreiro.