Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2025 en Compostela

Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2025 en Compostela, que tivo lugar o 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2025


O acto central do Dí­a de Rosalía de Castro terá lugar o sábado 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta.

Este é o programa previsto:

– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG en 2025, Marga do Val.

Lectura de poemas rosalianos:
– “San Lorenzo”. Pilar Astray. Asociación do Traxe Galego.
– “Unha vez tiven un cravo”. María Precedo Castro. Asociación Cultural e Musical Solfa.
– “Daquelas que cantan as pombas i as flores”. Zoe IriArte, Plataforma Ulloa Viva.
– “Has de cantar” (Fragmento). Leire Prieto Orjales e Irene Sampedro Puentes, Alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
– “A Gaita Gallega. Resposta” (Fragmento). Xaquín Rubido Muñiz, Voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
– “Silencio”. Olaia Novo, Música, ensinante e mediadora cultural.
– “Abrid´as frescas rosas”. Ana Díaz Freiría, Ecoloxistas en acción.
– “Cando penso que te fuches”. Felín Romero Lorenzo, Comunidade de Montes de Mosende (O Porriño), escritor.
– “Olvidémo-los mortos” (Fragmento). Paz Fernández Pereiro, Veciña de Mos, ensinante e activista social.
– “Xan”. Noela Vázquez Ledo e José González Alonso, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SCD).
– “Tecín soia a miña tea”. Mercedes Espiño Amil, Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), ensinante.
– “Dend´ aquí vexo un camiño”. Cristal Méndez Queizán, Música, Maga de Voz.
– “Por que”. Helena Pousa Ortega, Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado, a Louriña.
– “A xustiza pola man”. Xosé Manuel Beiras Torrado, Profesor e escritor.
– “Eu cantar cantei”. Goretti Sanmartín Rei, Alcaldesa de Santiago de Compostela.

– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

– Ofrenda floral.

– Interpretación do himno.

Antón Riveiro Coello faise co Premio San Clemente con Hotel Carioca

Desde Nós Diario:
“A novela Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello (Galaxia), vén de facerse co XXVIII Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O relato de Riveiro Coello conta a historia de Helena que en 1982 ten 13 anos e os domingos lelle á avoa as cartas que envía o seu tío favorito, Leandro, que marchou ao Brasil para non volver. Un día chega a noticia de que Leandro morreu. A familia sospeita que foi asasinado e encárgalle unha complexa misión a Helena: manter a ficción de que Leandro segue con vida para que a avoa non saiba a verdade.
O xurado destacou no seu ditame “a maxistral construción” de Hotel Carioca para ensamblar “distintas tramas en distintas épocas” e a súa “variedade temática”, na que se abranguen asuntos universais como “a emigración, a familia, a homosexualidade”. As dúas obras que ficaron como finalistas Diario de dúas casas, título de María Villamarín (Euseino? Editores), e O ano das mazás, de Montse Ferreira Fervenza (Xerais).
Pola súa parte, Literatura infantil, de Alejandro Zambra (Anagrama), gañou na categoría en lingua castelá. O xurado salientou a “universalidade temática”, a “sinxeleza da narración e o seu dinamismo”, así como tamén “a reflexión que achega sobre a educación e o sentimento de ser pai”.
O retrato de casada, de Maggie O’Farrell (Libros del Asteroide) foi distinguida no apartado de novela internacional. Sobre esta obra, o xurado salientou a conxugación de “dúas liñas emerxentes”, a “linguaxe poética empregada”, a “ambientación histórica” e o fincapé feito sobre un asunto esencial na vida: “a procura da liberdade”.”

Compostela: actividades do 14 de xuño na SELIC 2023

Marcos Calveiro gaña o Premio San Clemente 2018

Desde Galaxia:
“A última novela de Marcos Calveiro, O xardineiro dos ingleses, que xa fora recoñecida co Premio de Novela Manuel García Barros no 2017, foi merecedora hoxe do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIV edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas La uruguaya de Pedro Mairal, na categoría en español, e A vexetariana de Han Kang, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Neira Vilas (Oleiros), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Xoán Montes (Lugo), o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o Hockerill College (Londres), o Saint Français Xavier (Vannes), o Grimmelshausen Gymnasium (Gelnhausen), a Escola Secundaria de Santa Comba Dao e o Colexio Rosalía de Castro de Moscú.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.”

Xosé Monteagudo gaña o Premio San Clemente 2017

Desde Galaxia:
“A última novela de Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, que xa fora recoñecida como a mellor novela de 2016 na Gala do Libro Galego, foi merecedora do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas Patria de Fernando Aramburu, na categoría en español, e Morrer en primavera de Ralf Rothman, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). (…)”

Coñécense os finalistas do XX Premio Arcebispo San Clemente

Desde La Voz de Galicia:
Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras; A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa; e Costa do Solpor, de Xosé María Lema, son as tres obras finalistas en lingua galega da vixésima edición do premio Arcebispo San Clemente, convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago. (…)
O fallo será decidido por un xurado integrado por estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago, e doutros catro institutos galegos (un por provincia), que se elixirán por sorteo, segundo anunciouse na presentación das narrativas finalistas. O fallo prevese que se dará a coñecer en xuño, no instituto compostelán.”