Desde o o Diario Cultural da Radio Galega:
“Inma López Silva presenta a monografía Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego: “A grande conta pendente do teatro galego está na consolidación e conquista dun público que sexa capaz de sostelo e entender que o teatro é un dereito que ten como público”. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Inma López Silva
A Coruña: conversa coas escritoras Anxos Sumai e Inma López Silva
Desde
Galaxia:
“O mércores 17 de febreiro, ás 18:30 horas, no Salón de actos da Uned de Coruña (Rúa Pepín Rivero), terá lugar unha sesión da actividade A creación literaria e os seus autores. Encontros con escritores. As autoras invitadas son as escritoras Anxos Sumai e Inma López Silva. A sesión poderá seguirse por videoconferencia aquí.”
Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo González e María Reimóndez en inglés
Desde Tendencias Galicia Confidencial:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro.
Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras O libro das viaxes imaxinarias, Os fillos do mar, Memoria de cidades sen luz, Atl e Pirata, e mais a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros. (…)”
Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o XIII Premio de Poesía Afundación
Desde Afundación:
“O XIII Premio de Poesía Afundación recoñece coa unanimidade do xurado a Miguel Anxo Fernán Vello polo seu traballo Duración da penumbra, presentado baixo o lema «Sombra do aire». Hoxe deuse a coñecer o gañador do premio de poesía máis emblemático de Galicia que, tras a deliberación do seu xurado, reunido na sede da fundación galega en Compostela, decidiu outorgar o galardón a este escritor de Cospeito, poeta, dramaturgo e editor.
O xurado, integrado por Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do xurado; Óscar Xabier Castro Martínez, secretario; Inma López Silva, escritora; Manuel Guede Oliva, dramaturgo e poeta e Luciano Rodríguez Gómez, crítico literario, destaca na obra galardonada «a aposta polo dominio das formas e pola intensidade dos rexistros. O resultado- subliñan na acta do premio- é unha unidade compacta que consegue, con grande habelencia e talento, extraer da realidade máis crúa o lirismo máis elevado. O poeta trascende o seu propio ser a través da autenticidade da palabra, mergullando na escuridade para albiscar o horizonte luminiscente, todo o esplendor deste libro».
Así mesmo, o xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados nesta convocatoria, feito que evidencia a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía e a creatividade en lingua galega están a vivir un momento poderoso. (…)”
Ourense: coloquio Narradores arredor de Carlos Casares
Arcadio López-Casanova gaña o Premio Voz de Liberdade do PEN Club Galicia
Desde a Real Academia Galega:
“O xurado, formado polo presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, pola académica Fina Casalderrey e por Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luís Menéndez, Bieito Iglesias e Xabier Castro Martínez, acordou por unanimidade conceder o Premio Voz de Liberdade 2015 a Arcadio López-Casanova en recoñecemento á súa “fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas” e ao “seu permanente compromiso coa liberdade de expresión”.
“Estou moi agradecido, porque é un premio do PEN Club Galicia, unha institución decisiva para a difusión e a universalización da nosa cultura”, expresa o galardoado, que ingresou na Real Academia Galega como membro de honra no ano 2013 cun discurso sobre a modernidade poética de Rosalía de Castro. “Entendo que é un recoñecemento a unha actitude en defensa do país, en defensa da nosa identidade, da nosa lingua, algo que desde mozo intentei facer coa miña obra”, engade o académico, que recollerá o premio o vindeiro 25 de novembro nun acto que se celebrará no Consello da Cultura Galega. (…)
A súa propia evolución poderá apreciarse de novo na antoloxía que está a piques de publicar, A palabra compartida, na que recolle poemas “que son retratos e homenaxes” escritos ao longo de medio século de vida, desde 1963 ata 2013. “Van desde Rosalía ata os amigos máis novos que teño, pasando polos grandes mestres da galeguidade e doutros poetas nosos que sempre tiven como compañeiros de lectura”, detalla.
Non é a única novidade editorial do creador e ensaísta lugués. Tamén en breve publicarase unha obra de teatro infantil e un cancioneiriño que escribiu nos primeiros anos 70. “A obra de teatro tíñaa esquecida. Atopeina remexendo en carpetas vellas. Emocionoume moito atopala, podela refacer e que saia agora na editorial Ir Indo. E co cancioneiriño pasou o mesmo. Refixen os dous textos, amplieinos un pouquiño e van saír en pouco tempo”, conclúe.”
Inma López Silva: “A experiencia vital é a que nos nutre como artistas”
Entrevista de Carlos Loureiro a Inma López Silva en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Desde logo que ser profunda estudosa de teatro nada ten que ver coa arte escénica -ti mesma recoñeces que non posúes talento escénico- pero xamais te viches participando na posta en escena dalgunha obra teatral?
– Inma López Silva (ILS): Coma case todos os nenos, fixen teatro escolar, claro, e o meu contacto coa Profesión escénica condúceme, cada vez máis, a ter propostas de participación no lado creativo, si. Seguramente en breve me anime, pero non como actriz.
– NG: Por que cres que pasa máis desapercibido o gran momento que está a pasar o noso teatro, cando menos a nivel de produción? Claro que o de ser levado á escena xa é outro cantar…
– ILS: En xeral, o teatro non é unha arte maioritaria en Galicia, e sobre ela pesa, dunha maneira tremenda, a forte filoloxización dos discursos que dan moita máis importancia á literatura. Evidentemente, o teatro galego non é a súa literatura dramática, que ten os seus propios problemas, e o lado escénico, que realmente o define, sufriu dunha forma moi notábel esta crise noxenta. Mais a profesión teatral galega está afeita a resistir, malia todo. Esa Profesión teatral a miúdo constrúe os seus propios textos para traballar en escena, adaptados ás súas necesidades, circunstancias e intereses artísticos, que non sempre coinciden cos dos nosos dramaturgos. Quizais por iso hai unha certa distancia entre produción dramatúrxica e produción escénica. (…)
– NG: E xa metidos en materia desta última obra [Maternosofía], como xurdiu a idea da súa escrita? Foi realmente unha reacción de rebeldía persoal contra unha circunstancia considerada universalmente como ligada á muller -incluso na propia literatura- ou máis ben contra algo co que non acreditabas persoalmente -ti mesma falas da túa carencia de sentimento maternal-?
– ILS: Un pouco das dúas cousas. Xa antes de empreñar, consideraba que había moito que dicir e que reflexionar desde o feminismo sobre o asunto da maternidade, tan chea de mitos e de falsos amigos para nós. Entre eses falsos amigos estaba o asunto do “instinto maternal”, sobre o que eu tiña unha hipótese cuxa comprobación experimentei en carne propia a través do embarazo. Por iso Maternosofía ten ese ton de alegato e, ao mesmo tempo, de confesión e de declaración de amor pois, no fondo, quizais o que nos empeñamos en ver como un rol non é máis ca unha forma de experimentar o amor…
– NG: Sabemos que ti es unha muller profundamente concienciada coa liberación feminina… Puido ter que ver tamén este pensamento para a concepción desta obra?
– ILS: Si, por suposto. Quería escribir un ensaio feminista e pareceume un formato idóneo. (…)”
Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria do 8 de novembro, con Inma López Silva
Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria da man de Inma López Silva, que tivo lugar o pasado 8 de novembro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.
A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria, con Inma López Silva, o 8 de novembro
Os Paseos pola Coruña Literaria, iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co apoio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, consistirán nuns paseos pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
A inscrición pódese realizar xa na Conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888. Hai un total de 30 prazas por paseo, para maiores de 16 anos.
O segundo paseo terá lugar o sábado 8 de novembro, de 12:00 a 13:30 horas:
– Inma López Silva – 8 de novembro.
A praia do Orzán, a rúa San Andrés e Panaderas son os vértices xeográficos da historia que se tece e destece en Memoria de cidades sen luz. Nestes puntos, debúxase a infancia do protagonista á beira da súa nai, Lucía, e o mundo de personaxes que, pasando polo piso de San Andrés no que viven, van formulando a nosa historia xusto antes de que as vidas todas se visen truncadas pola Guerra Civil.
O paseo, vixiado de preto polo mar do Orzán, discorrerá da man dese protagonista, pero tamén de Ánxel Casal, María Casares, Leandro Carré e tantos outros cuxa memoria, dunha forma ou outra, estará presente para ser honrados.
O seguinte Paseo será:
– Xavier Seoane – 15 de novembro.
Vigo: presentación de Tes ata as 10, de Francisco Castro
O martes 4 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa del Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), Francisco Castro presenta a novela Tes ata as 10, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Inma López Silva e Víctor F. Freixanes