Bases 13º concurso micro-relatos OZOCOgz

BASES

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas (ILG-RAG ou AGAL). Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados a ningún outro concurso ou certame literario. As autoras ou autores serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.

2. A temática leva como título xenérico FUTURO / CIENCIA FICCIÓN.
Na literatura e tamén, por suposto, no cinema ou en calquera outra faceta creativa, a CIENCIA FICCIÓN é un xénero que se basea no futuro e/ou en avances científicos e tecnolóxicos reais ou froito da imaxinación das autoras e autores e nos efectos que isto produce nos protagonistas e na sociedade onde se desenvolven estes hipotéticos acontecementos. Trátase pois dun xénero especulativo onde os únicos límites posíbeis son os da imaxinación e a verosimilitude que escritoras e escritores sexan quen de transmitir aos lectores e lectoras.
As posibilidades para crear unha historia de ciencia ficción son case infinitas, viaxes espaciais, batallas interestelares ou contra extraterrestres, mutacións por virus, escenarios post-nucleares, rebelións de androides, viaxes no tempo…
Esta temática leva espertando a creatividade literaria dende o século XVIII, deixándonos obras tan importantes como as pioneiras Frankenstein ou As aventuras do Barón de Munchhausen. Deste mesmo século é tamén Xulio Verne, un visionario para moitas e moitos, quen nos deixou obras mestras como Viaxe ao centro da Terra, Da Terra á Lúa ou Vinte mil leguas baixo dos mares.
É no século XX cando podemos falar de época dourada desta literatura con autores como Orwell, Clarke, Bradbury ou o mesmísimo Asimov, citando tan só unha ínfima parte das moitas e moitos escritores que se adentraron no tema.
Volver ler algunha obra deste ou de outros autores e autoras pode ser boa fonte de inspiración para que quen vaiades participar no concurso desenvolvades relatos marabillosos, desacougantes e sobre todo moi, moi, moi imaxinativos.
Ánimo e BOA ESCRITA!!!

3. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos de carácter obrigado. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
– Ter cumpridos os 16 anos ou máis
– Ter un perfil en Facebook
Compartir o evento do concurso engadindo a etiqueta @ozocogz e os hastags #ConcursoMicro-relatosOZOCOgz e #ConcursoMicrorrelatosOZOCOgz
Premer (de non telo feito con anterioridade) no “Gústame” da páxina (FanPage) en Facebook e facerte Seareiro ou Seareira desta.

4. A extensión máxima dos micro-relatos será de 150 palabras.

5. Admitirase só un (1) micro-relato por perfil de Facebook.

6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe privada na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos a vosa achega na páxina de facebook e máis na web.
b. Por correo electrónico a micro-relatos@ozocogz.gal Neste caso figurará no asunto 13 CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na web.
En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz, no evento que se creará para o concurso, nin en ningunha outra rede social, esa é unha angueira exclusiva de OZOCOgz.
Sexa cal for a maneira de facernos chegar o teu micro-relato, agradecemos que nos facilites un número de teléfono co que poder comunicarnos contigo no caso de resultares gañadora ou gañador.

7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.

8. Os/as usuarios/as de Facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 1 de febreiro até o 30 de abril de 2025, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

10. O xurado está formado por Iria Morgade (escritora e profesora), Marta Villar (escritora e xornalista), Xosé-Henrique Costas (escritor e filólogo), Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Clube) e Fernando Miranda Estévez (libreiro e activista cultural), xunto co gañador da pasada edición do concurso Víctor Pérez Estévez.

11. Haberá dous micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega de 1 lote cos xogos de historia GALIZA NO TEMPO e + (máis) GALIZA NO TEMPO de OZOCOgz e 1 vale, por unha noite para dúas persoas na Casa rural Fonte dos Pumares, nas Marabillas, no concello de Cartelle (Ourense).
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega de 1 camisola, 1 caderno de OZOCOgz e 1 lote de libros (doados polas editoriais Xerais e Hércules de ediciones).

12. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizador do concurso.

14. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos.
As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 10 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente).
Se a autora ou autor quixer publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz.

15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 27 de xaneiro de 2025
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz”

Compostela: Xornada de formación para docentes arredor da memoria histórica Fai memoria!, o 18 de xaneiro

Iria Morgade Valcárcel, investigadora: “Nomear os campos de concentración axuda a romper co discurso da guerra fratricida”

Entrevista de Laura Veiga a Iria Morgade Valcárcel en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como recibe o Premio Antón Losada Diéguez?
– Iria Morgade Valcárcel (IMV): Para min é moi emocionante por todo o que significa para o que era o obxectivo da novela [Quen escribirá a miña historia?]: divulgar e desmontar en certa maneira o relato da guerra fratricida que se vendeu durante a Transición, unha guerra entre irmáns que aínda pervive no imaxinario social e no discurso oficial. O resultado é a ocultación do xenocidio que se cometeu após do golpe de Estado.
A novela naceu coa intención de romper con este relato, porque é algo que na academia e na historiografía xa está bastante consolidado, e levalo ao coñecemento máis xeral a través da literatura e da historia do protagonista. Se ben todo é ficcionado, un dos protagonistas é unha persoa real da que descoñecemos todo á parte de que foi un preso no Mosteiro de Oia. A historia era tamén unha reivindicación da súa persoa e dos desaparecidos. O premio é un pulo porque iso sexa máis coñecido e que poida chegar a máis xente. (…)
– ND: Un dos temas que aborda son os campos de concentración da Galiza.
– IMV: Ademais da crueza que supón comprobar que existiron aquí e que segue a ser algo aínda moi descoñecido, isto é unha proba desa construción do relato da que falaba. Isto apartou o réxime franquista do seu contexto, o dos fascismos europeos. Cando estes perden a guerra, o réxime franquista elimina moita da documentación que había sobre os campos de concentración para afastarse diso e construír esa excepcionalidade ibérica como se fose algo diferente. Como se o réxime franquista non estivese enmarcado no momento no que xurdiu.
– ND: Que importancia ten nomealos campos de concentración?
– IMV: Pórlle nome, campo de concentración, tamén axuda a romper con esa excepcionalidade, servindo tamén para comprobar como era esa violencia que se intentou suavizar e que en realidade tiña unha lóxica xenocida. Ademais dos 11 campos tamén estaban as prisións, como a de San Simón, que estaban dentro do sistema penitenciario, aínda que as condicións de vida e crueza eran moi similares.
Na historiografía que se realizou durante moito tempo até hai 20 ou 30 anos, cando comezou a haber profesionais novos e novas que impulsaron outro tipo de investigación, o discurso da guerra fratricida impregnaba todo. Era, polo tanto, o que se aprendía nos libros de texto. Do mesmo modo, o nazismo tamén o impregnou todo, construíndo o relato da violencia exercida sobre os xudeus, obviando ou negando moitos outros pobos que tamén foron masacrados e exterminados, como o xitano.”

Adrián Pérez Bote gaña o Premio Illa Nova con Baixo o ceo de xeo

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés; composto por Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales; con Malores Villanueva como secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia; decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa oitava edición ao texto Baixo o ceo de xeo.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resulta ser Adrián Pérez Bote.
O xurado destacou que Baixo o ceo de xeo é unha novela moi orixinal ao facerse cargo de toda unha tradición de xéneros que explicita e que se resolve na construción dunha trama que crea un universo propio. Así mesmo, a obra participa dunha corrente xeracional de narración, xoga con moitas referencias lectoras, ao tempo que conxuga a fantasía e a ciencia ficción con mestría. A autor emprega a complexización dos subxéneros para se interrogar a construción de mundos ficcionais dunha maneira moi suxestiva.
Adrián Pérez Bote desenvolve unha escrita moi expresiva, estilísticamente moi visual e con descricións orixinais que non lle restan ao ritmo áxil que domina dende o comezo da novela. Unha narrativa madura que desenvolve un argumentario intelixente arredor de temas diversos como a empatía cara a outras sociedades oprimidas, o anticolonialismo ou a crítica social. A antropoloxía está moi presente na obra, con investigacións, reflexións e datos que enriquecen fondamente a lectura. Unha análise sociolóxica que avanza a carón dos dous personaxes principais que se constrúen con profundidade, ben caracterizados e que, novamente, mostran o dominio do autor na construción desta magnífica novela. (…)”

Outórganse os XXXIX premios Losada Diéguez de ensaio e narrativa

Desde Cultura Galega:
“Trinta e cinco obras xa publicadas optaban este ano nas dúas categorías da XXXIXª edición do Premio Antón Losada Diéguez promovido polos concellos de O Carballiño e Boborás, contando co apoio da Deputación de Ourense. Trala deliberación do xurado o sábado 20 de abril a obra A Vera Cruz de Antonio Palacios de Rafael Otero Janeiro (O Carballiño, 1962), editada polo Instituto de Estudos Carballiñeses alzouse por maioría co premio na modalidade de Ensaio e Investigación; mentres que na categoría de Creación Literaria a maioría do xurado decantouse pola obra Quen escribirá a miña historia? asinada pola pontevedresa Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) e publicada na editorial Galaxia. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.
No caso do carballiñés Rafael Otero, o xurado considerou a obra premiada “unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo”. Na modalidade de Creación Literaria, o xurado valorou da obra de Iria Morgade Valcárcel o feito de que se trata dunha obra dunha creadora galega nova “que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver”. A entrega do premio será o vindeiro 15 de xuño deste ano, no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós; Antón Losada Diéguez. “