Entrevista a Isaac Xubín, tradutor e escritor

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Isaac Xubín achégase ata o estudio do ZigZag Diario para falar da súa primeira novela: Non hai outro camiño. O polifacético creador aborda neste libro as vidas e pensamentos dos habitantes de Staro Selo, unha urbe ao pé do mar en que os veciños tecen as estrañas relacións que conforman o carácter dunha cidade especial e con personalidade. Pode accederse á entrevista aquí.”

“Ferrín: Non hai outro camiño é pura literatura”, por Manuel Bragado

Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
“Nun serán moi chuviñento en Vigo presentamos o día 15 de decembro na libraría Andel de Vigo Non hai outro camiño, a primeira novela de Isaac Xubín. Acompañou ao autor Xosé Luís Méndez Ferrín, que nunha intervención maxistral debullou unha obra que cualificou de “novela colectiva de personaxes moi ben definidos que aspira á interpretación do noso mundo contemporáneo sen ningún tipo de realismo”. Comezou Ferrín comentando o interese do titulo que avisa ao lector e “que nos leva a Kafka e ao seu camiño menos vinculado á cotidianidade como á Nova Narrativa Galega, iniciada por Gonzalo Mourullo, na que se falaba dun tema que nos atinxe mais sempre ambientado nun lugar que non é Galicia nin España nin ningún ámbito literario que nos puidese resultar coñecido”. “A novela de Xubín ten múltiples referentes literarias que se remontan a Jonathan Swift, de obras ambientadas en lugares que non existen no mundo”.
Destacou Ferrín que nesta obra “o espazo imaxinario supera aos personaxes, sendo o máis logrado dunha novela de protagonista colectivo que funcionan por ambientes”. “Aquí hai personaxes diferenciados, ben perfilados e definidos, interactuando entre eles con grande potencia dramática, moi próximos a nós, que forman parte da xeración de Xubín”. Cualificou, a seguir, a obra como “unha novela de política ficción que nos leva a un mundo postsocialista, como pode ser o dalgún dos países da antiga Iugoslavia”. Salientou Ferrín que a cidade da novela, Staro Selo, “ten un parecido, se queremos velo, coa cidade de Vigo, mesmo na apoteose final da obra descubrimos que hai xente que vai aos montes que a arrodean a ver os cabalos ceibos”. “Mais non é un román a clé, en absoluto. Esta novela non é unha metáfora continuada, non é esto. É pura literatura, aquí non hai ensino nin doutrina. Presenta un mundo paralelo coa necesaria ambigüidade. Toda literatura realista é un fracaso. Esta obra é daquelas que asumen a autonomía literaria como algo bo”.
Como outros acertos, Ferrín sinalou “a capacidade de inducir ao riso franco, á gargallada, o que nos leva á literatura popular”. “Mais tamén hai outro humor destinado a outro espírito máis cultivado, por exemplo a relación coas películas de Wyler, onde se abren e pechan decontino moitas portas, como sucede na Comedia dell’ Arte”. “Hai tamén o mundo da prisión, o delito estúpido, neste caso un delito gastronómico que nos remite a outra febra da novela, a da gastronomía. Nesta novela cómese moito, hai moita comida boa e fálase dela. Hai un banquete de políticos que comen unha carriza que está prohibida, como aquí as papuxas en empanada que se comen de forma clandestina en Monforte”. Rematou Ferrin agradecendo que a novela teña atención co lector “presentándose de forma compacta, avanzando en forma de cadriños que van iluminando aos posteriores”. “A novela pode ser lida como unha serie de contos concomitantes”. “Ao final asistimos á destrución dunha granxa colectiva onde a xente era feliz. Terrible final descorazonador, mais tamén aberto”.”

Compostela: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

O martes 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Armando Requeixo, Ana Salgado e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.

Isaac Xubín: “É infantil e ridículo non comparar a situación galega coa vasca porque as linguas non sexan semellantes”

Entrevistaisaac-xubin-2 de Montse Dopico a Isaac Xubín en Praza:
“(…) – Praza (P): A novela [Non hai outro camiño] parece situarnos, ás veces, no pasado. Outras, no presente. Outras, no futuro. Parece unha ao distopía ao estilo orwelián nalgúns detalles… Fala de poder: de micro e de macropoder, de corrupción, de manipulación… Fai pensar nunha ditadura socialista, ou nas falsas democracias occidentais actuais…
– Isaac Xubín (IX): Unha das razóns polas que me decatei de que os relatos tiñan algo en común foi que os personaxes teñen que tomar unha decisión nunha sociedade opresora. Ao mesmo tempo, nunca me gustaron as novelas da guerra civil, no sentido de que penso que é inevitable lelas coa bagaxe previa que cadaquén leva. Por iso decidín probar a enganar o lector, a través do estrañamento: contarlle unha historia sobre a guerra civil, pero sen que o saiba, porque a acción sitúase noutro lugar. Por iso o tema da ambientación no mundo eslavo. Como ademais fago descricións moi parcas, non é fácil situarse nun tempo.
– P: Os personaxes non son, precisamente, exemplos. Non teñen por que selo, que é novela contemporánea. Atópanse varados, teñen que facer algo… e non sempre escollen o “ben”. Un deles é traficante, outro censor orgulloso…
– IX: Sempre me gustou a xente con contradicións, tamén na vida. Considero que se unha persoa non ten contradicións é porque non se implica realmente, dito así de xeito simple. Adoita caerme ben a xente que as ten, que o sabe, e ademais, como dis, é normal na novela contemporánea, que non é de bos e malos. E, si, poño os personaxes nunha situación de compromiso na que teñen que definirse. (…)
– P: Tes un recital, co cantautor Ruper Ordorika, de versos de Joseba Sarrionandia, da antoloxía Tempo de exilio, que ti mesmo traduciches ao galego. Tamén traduciras, por exemplo, Bilbao-New York-Bilbao, de Kirmen Uribe. Como xorde o recital?
– IX: Foi a partir do premio de Tradución. A dotación inclúe premio para o editor, para o tradutor e unha cantidade para seguir a o libro. Por iso organizamos o recital, co gallo do premio, aproveitando eses recursos. Ruper Ordorika xa participara nunha experiencia anterior, con outro libro editado por Kalandraka, Sete poetas vascos, no que eu non estaba, pois vivía daquela en Cork. (…)
– P: Fuches membro das Redes Escarlata e publicaches un poemario, Con gume de folla húmida, que gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón. En realidade, a novela é o teu segundo libro, entón.
– IX: Recibir un premio non cambia moito, pero é un indicador de que vas polo bo camiño. Ou que polo menos que houbo unha xente, no xurado, que considerou que merecías un premio. O que escribo agora non ten moito que ver co que ao principio, pero iso é normal. Nese libro xuntáronse cousas que levaba acumuladas, como a miña experiencia no País Vasco e en Irlanda.”