Ana Hermida volve render homenaxe á poesía galega, desta vez poñendo voz e alma á obra de Rosalía de Castro e Manuel María. Será tamén unha homenaxe multicultural á poesía nosa, xa que nenas e nenos de varias nacionalidades recitarán a Rosalía nun acto moi fermoso que xa vai polo súa segunda edición e no que escoitaremos os versos fermosos da nai das nosas letras con acentos doutras terras, pero en galego. Este ano celébrase a segunda edición do concurso de recitado de poesía Cantares Gallegos dirixido á infancia de entre 8 e 12 anos, acto organizado polas Bibliotecas do Concello de Arteixo como colofón a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Ana Hermida será tamén a encargada de conducir o acto, onde cada participante levará un agasallo e a persoa premiada recibirá unha tablet.
Arquivos da etiqueta: Lisístrata Asociación
Oseiro, Arteixo: Rimando e Xogando con Manuel María na Biblioteca do Froxel, por Lisístrata
O martes 19 de abril, ás 18:50 horas, na Biblioteca Francisco Vidal do Froxel (Oseiro, Arteixo), terá lugar a actividade Rimando e Xogando con Manuel María, levada a cabo por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Unha maneira de achegar ao público infantil o traballo e a figura de Manuel María, nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen. Haberá pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces son cantados, historias unhas, con actividades para a infancia e outras nas que interactúan coa contadora.
Pastoriza (Arteixo): Rimando e xogando con Manuel María, por Ana Hermida (Lisístrata Asociación)
O xoves 18 de febreiro, ás 18:50 horas, na Biblioteca Miguel Sande, de Pastoriza, Arteixo, terá lugar a actividade Rimando e xogando con Manuel María, coa que se renderá unha homenaxe a Manuel María, neste seu ano das Letras Galegas. O autor chairego será obxecto de lecturas, xogos, rimas, cancións… Unha maneira de achegar ao público infantil o seu traballo e a súa figura que estará nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen. Haberá pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces son cantados, historias unhas, con actividades para a infancia e outras nas que interactúan coa contadora.”
A Pobra do Caramiñal: Tecín soia a miña tea, por Ana Hermida
Dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro, con cancións da autoría de Baldomero Iglesias, Mero e un monólogo teatral baseado nun texto de Miguel Anxo Fernán-Vello. O espectáculo Tecín soia a miña tea está dirixido e interpretado por Ana Hermida, da Asociación Lisístrata.
Rianxo: recital de poesía e música “No desmaio do teu bico” (antoloxía musicada da lírica galega), no IES Félix Muriel
Arteixo: concerto-presentación do disco Desorballando outonos. A Quenlla canta a Díaz Castro, este venres 10 de xullo
Preséntase en Arteixo, por primeira vez, un traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.
A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro Nimbos.
Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.
Todo este traballo amósase no “Concerto Didáctico” especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro.
Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista -D. Xulio Xiz-, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.
Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man da A. C. Lisístrata, que xa asumiu en tempos un concerto (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras.
O concerto será gratuíto, para todos os públicos e terá lugar o venres 10 de xullo, no Auditorio de Arteixo, ás 20:30 h. podendo reservar a entrada pola internet no enderezo lisistrata.asociacion@gmail.com
Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 9 e domingo 10
O domingo 10 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 9
– 18:00 h. Contacontos Polo mundo adiante, por Lisístrata. Organizado pola Biblioteca Pública Ánxel Casal.
– 19:00 h. Carlos Labraña presenta A fraga das árbores das palabras, publicado por Embora.
– 20:00 h. Andrea Barreira presenta Non hai luz sen escuridade, publicado por Urco.
Domingo 10
– 19:00 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através.
Compostela: Rimando e xogando, por Ana Hermida, actividade con textos poéticos galegos
Como adianto do Día Mundial da Poesía terá lugar esta actividade, dirixida ao público infantil, onde se recitarán poemas de Manuel María, Antonio García Teijeiro, Helena Villar, Xesús Rábade Paredes, Anisia Miranda, etc., xunto a outras actividades.
Actividades promovidas por diversas entidades no Día de Rosalía, 24 de febreiro
A SEGA
Proposta da Plataforma de crítica literaria A Sega.
Na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 17:30 h. O 24 de febreiro Rosalía de Castro visitará o concello de Arteixo onde naceu o seu marido Manuel Murguía. Celebraremos o Día de Rosalía con Ana Hermida, que achega a súa obra “Tecín soia a miña tea”.
Serán dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra… O desexo e ansias súas polo teatro ” eu quería ser actriz e non me deixaron”. Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, peza teatral de Miguel Anxo Fernán-Vello e algunha canción da autoría de Baldomero Iglesias “Mero”, para honrar a nai da nosa terra.
BRAGA
A Semana Cultural – Convergência Galiza/Portugal fai oco na súa programación ao Día de Rosalía de Castro.
O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa quinta edición. Dada a alta participación acadada nas pasadas edicións, así como o interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, apostan por manter esta cita coa lingua e a literatura galega que se vai consolidando ano a ano. Desta volta celebrarán o Maratón de Lectura o 24 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.
O Buril quer sumarse deste xeito á celebración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro (aniversario do nacemento da autora), que desde 2010 promove a AELG.
Coma o pasado ano, o Maratón de Lectura estará estruturado en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 a 14:00 e horas, destinada aos centros educativos de primaria e secundaria e outra de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, destinada a colectivos e entidades deportivas, así como a todas as persoas que queiran participar a título individual.
A ESTRADA
O martes 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no MOME, celebrarase un acto para lembrar a Rosalía de Castro, que consistirá nun breve recital sobre poemas de Rosalía de Castro a cargo dun grupo de nenos/as dos centros de ensino da Estrada e despois un Concerto do grupo “2 na fronteira”.
FERROL
O Departamento
de Normalización Lingüística e a Biblioteca Municipal do Concello de Ferrol súmanse á celebración do Día de Rosalía 2015.
Conmemorarán o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e, deste xeito, súmanse á proposta da AELG coa iniciativa “Eu son Rosalía”, desenvolvendo unha actividade encamiñada a difundir a obra rosaliana.
Do 16 ao 27 de febreiro as persoas que visiten a Biblioteca Central poderán atopar tarxetas (16 modelos diferentes) con versos soltos e poemas da autora nas mesas, ordenadores, ascensor, etc., tamén se exporán paneis con poemas ou versos de Rosalía de Castro en distintos puntos da biblioteca. Tamén tarxetas e marcapáxinas serán distribuídos por diferentes puntos da biblioteca.
O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, todas as persoas usuarias da Biblioteca Municipal Central que leven en préstamo un libro, revista ou outro elemento, recibirán un marcapáxinas cuns versos de Rosalía e aquelas persoas que tomen en préstamo un libro en lingua galega, ademais do marcapáxinas, recibirán unha flor.
OURENSE
O Concello de Ourense apoia as actividades que o Grupo Rosalauria ten proxectadas ás 20:00 no Liceo de Ourense. Tamén levará a cabo as seguintes accións:
– O propio día 24 todas as liñas de autobuses da cidade levarán no seu interior poemas de Rosalía.
– O día 24 ás 11:15 h. terá lugar no Salón de Plenos do Concello unha lectura institucional coa colaboración de alumnado do Colexio Divino Mestre da cidade.
– Desde a semana pasada dous autobuses urbanos percorren a cidade coa seguinte faixa:
PADRÓN
A Fundación Rosalía de Castro celebra o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural no que se presentará a edición en libro-disco de De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos. O acto de presentación desenvolverase o martes 24 de febreiro ás 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón e intervirán Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Rosa Martínez, directora da Radio Galega. Lerán os seus poemas os seguintes poetas: Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas, Carmen Blanco, Luis González Tosar, Olalla Cociña e Xose María Álvarez Cáccamo. A crítica literaria Ana Salgado fará unha lectura crítica do libro-CD De Cantares Hoxe e María Xesús Nogueira fará unha achegamento ás antoloxías sonoras na poesía galega.
POIO
200 veciños de Poio están a participar das actividades previstas para conmemorar o Día de Rosalía de Castro o próximo martes 24 no concello pontevedrés, cando se cumpren 178 anos do nacemento da escritora.
Con estes actos que o Concello de Poio leva organizando dende 2010 quérese destacar a importancia que Rosalía tivo para enfrontarse a circunstancias da época como que as mulleres non participasen da vida pública e que o pobo non puidese escribir na súa propia lingua galega.
Instalaron un punto de interese sobre a figura da escritora na que van participar, do 23 ao 27 de febreiro, os usuarios/as da Biblioteca e tamén os nenos/as que acoden ao centro de Xaime Illa realizaron traballos plásticos que se van expoñer no centro cultural de Raxó a partir do martes 24. E dende os obradoiros musicais traballouse a rítmica e musicalidade dos poemas de Rosalía de Castro para realizar un pequeno recital que se levará a cabo o 17 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas.
Os nenos/as da ludotecta do Concello de Poio tamén están a realizar debuxos que teñen que ver coa historia e a figura da poetisa cos que se elaborará un libro. Tamén as persoas que acoden a obradoiros para a terceira idade elaborarán un mural formado por unha rosa e un poema.
REDONDELA
A Radio Municipal de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística súmanse á celebración do DÍA DE ROSALÍA 2015. Para conmemorar novamente o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837), súmanse á proposta da AELG cunha iniciativa que consistirá na gravación en Radio Redondela, entre os días 10 e 20 de febreiro, de lecturas da obra rosaliana ou de opinións e impresións sobre a súa obra, nas que cada persoa descubrirá con cal das múltiples “rosalías” e con que sensibilidades da autora se sente máis identificada. Neste caso, deberán comezar coa frase “Eu son Rosalía porque/cando/para…”, seguindo a iniciativa da AELG.
As gravacións emitiranse durante a programación habitual de Radio Redondela na semana do 23 ao 27 de febreiro.
SALVATERRA DO MIÑO
O Concello de Salvaterra de Miño promove para o día 24 de febreiro, ás 16:30 h., un recital do poema “Adios ríos, Adios Fontes”, acompañado de guitarra, mesturando o recital con estrofas adaptadas e cantadas, rematando cunha actividade de animación, na Praza do Concello.
SILLEDA
O Concello de Silleda súmase, un ano máis, aos actos de celebración do Día de Rosalía de Castro. Desde a concellaría de Cultura se repartiranse marcapáxinas conmemorativos entre o alumnado de Infantil, Primaria, ESO e os cativos e cativas da Galiña Azul. Ademais, os usuarios/as que retiren libros durante esta xornada na biblioteca pública Daniel Castelao recibirán este mesmo obsequio. Colocaranse láminas con poemas da autora en distintas dependencias municipais.
Nos centros educativos tamén levarán a cabo diversas actividades nesa mesma xornada. No CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira e no IES Pintor Colmeiro sumaranse á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) “Eu son Rosalía”. Ademais, noutros centros educativos do municipio tamén está previsto celebrar distintas actividades ao redor da figura da escritora e da súa obra.
TEO
O Concello de Teo convertirá o martes 24 de febreiro nun día de lembranza á figura de Rosalía de Castro, uníndose deste xeito á celebración do Día de Rosalía. Durante a xornada farase unha difusión da obra da autora sobre todo nas redes sociais a través da difusión de poemas elixidos por persoas vencelladas co Concello de Teo.
Dende a concellaría de Cultura, tamén se convidou aos centros escolares a traballar sobre a obra da escritora. Dende o Concello enviouse unha lámina cunha imaxe de Rosalía de Castro, obra da artista plástica afincada en Teo Ana Costas, e convídase a facer algunha lectura coincidindo co Día de Rosalía. Outros colectivos que falarán da obra da escritora galega máis representativa serán as escolas infantís e os grupos de memoria no que participan persoas maiores coordinados dende a Concellaría de Benestar.
Dende a Concellaría de Educación, dirixida por María A. Garea, en relación cos colexios lémbrase que existe un banco de recursos sobre a figura de Rosalía en internet. Pode consultarse no seguinte enderezo. Neste banco pódese atopar unha recopilación de actividades sobre a figuar e a obra rosaliana con actividades por idades e ciclos educativos. A realización deste banco contou coa colaboración do profesorado do CEIP A Ramallosa.
Dende o Concello durante a xornada do martes 24 lanzaranse nos perfís de facebook (www.facebook.com/ConcellodeTeo) e twitter (@concellodeteo) municipais poemas de Rosalía acompañados das ilustracións de Ana Costas. E tamén nas redes sociais se subirán vídeos con lecturas da obra de Rosalía de Castro. Para eso calquera persoa interesada pode achegarse á Mediateca do Grilo onde se gravará a lectura e se subirá ás redes sociais. Todas as accións deste día publicaranse baixo a etiqueta #DíadeRosalía.
Homenaxe a Rosalía de Castro desde Lisístrata Asociación, con Ana Hermida
Desde a Lisístrata Asociación fíxose esta particular homenaxe á figura de Rosalía de Castro baixo o título de Tecín soia a miña tea, coa participación de Ana Hermida. Pódese ver nesta ligazón.