Desde Nós Diario:
“A edición número 40 do Premio Antón Losada Diéguez recoñeceu esta semana o traballo de dúas figuras de referencia na cultura galega: o profesor e ensaísta Alberto Pombo e o escritor Manuel Rivas. Os dous autores foron elixidos de maneira unánime polo xurado, que destacou a excelencia das súas obras e a súa contribución á literatura galega actual.
Na modalidade de Investigación e Ensaio, o premio foi para Alberto Pombo, profesor de literatura e impulsor da campaña “Aquí tamén se fala”, considerada a maior mobilización da mocidade galega a prol da lingua. A súa obra Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), publicada por Edicións Xerais, parte dunha exhaustiva tese de doutoramento que traza as ligazóns entre a música popular —do rock ao bravú, pasando polo punk ou a música infantil— e a literatura galega.
O xurado salientou a importancia de afondar na chamada “outra música” e subliñou o valor dun traballo que aplica os enfoques máis actuais dos estudos culturais á realidade galega. “Desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso”.
Na modalidade de Creación Literaria, o premio recaeu en Manuel Rivas, quen vén de ser tamén recoñecido co Premio Nacional de Literatura. A súa última novela, Tras do ceo (Edicións Xerais), foi destacada pola súa calidade literaria e polo uso da lingua, construíndo un relato que mestura elementos xa clásicos na obra do autor cunha mirada fondamente contemporánea.
O xurado do premio —convocado de forma anual polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense— puxo o foco na forma en que Rivas aborda o conflito entre natureza e civilización, denunciando un modelo que destrúe o hábitat humano e espiritual. “Manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa”, sinalan, destacando a súa capacidade para provocar reflexión e emoción nas lectoras e nos lectores a través de escenas de desigualdade, violencia e destrución.
A decisión foi adoptada por unanimidade por un xurado composto por Diego Fernández Nogueira (concelleiro de Cultura do Carballiño, que actuou como presidente), Patricia Torres (alcaldesa de Boborás), César Fernández (deputado provincial de Cultura), Lourenzo Fernández (da Real Academia Galega); Dolores Vilavedra (do Consello da Cultura Galega), María Xosé Fernández (do Museo do Pobo Galego), e Antonio Salgado, Benigno Salgado e Carme Fernández (como representantes respectivos das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña).
Os galardoados recibirán unha dotación económica de 6.000 euros, xunto cunha peza escultórica do recoñecido artista Acisclo Manzano. (…)”
Arquivos da etiqueta: Lourenzo Fernández Prieto
Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega
Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega, reunido na tarde do 4 de abril en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura de Henrique Monteagudo (Muros, 1959) á presidencia. O décimo cuarto presidente da RAG estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.
Neste novo período de “continuidade e novo pulo” a Academia seguirá a traballar na defensa do idioma, afondando nunha liña propositiva que reforce a colaboración coa sociedade civil e outras institucións. Dentro da súa estratexia de servizo público, a entidade presentará novas ferramentas lingüísticas en liña e seguirá a apostar polo incremento da presenza feminina no seu seo, nun período no que regresará ademais á súa sede, unha vez completada a rehabilitación integral do edificio histórico da rúa Tabernas da Coruña.
A de Henrique Monteagudo foi a única candidatura rexistrada. O catedrático de Filoloxía Galega da USC, ata o momento coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, estará á fronte da corporación tras os oito anos de Víctor F. Freixanes na presidencia, para quen tivo palabras de especial recoñecemento no seu discurso ante o pleno, celebrado no pazo municipal de María Pita. Agradeceu tamén o tempo compartido cos demais membros das comisións executivas das que formou parte como secretario (2013-2021) e vicesecretario (2021-2025), doce anos nos que aprendeu “a enxergar que se espera de nós, a valorar a relevancia social do papel da Academia e a entender como debe relacionarse coa cidadanía, con outros colectivos e institucións”. (…)”
A Coruña: presentación de Entre a memoria e o esquecemento, de Guiomar Acevedo López
A Coruña: diálogo sobre “Liberalismo e galeguismo: federalismo e plurinacionalidado do Estado. O legado de Plácido Castro”
“O 11 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12), na Coruña, terá lugar un diálogo sobre “Liberalismo e galeguismo: federalismo e plurinacionalide do Estado. O legado de Plácido Castro”. Nel participarán:
-Francisco Caamaño, catedrático de Dereito Constitucional da UDC e ex-ministro de xustiza.
-Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC
– Antón Baamonde, filósofo e escritor, autor da XXV Conferencia Plácido Castro “Plácido Castro e a tradición do liberalismo político no galeguismo”.
A defensa da democracia liberal, e unha visión federalista que sirva para articular a plurinacionalidade española, poderían ser o marco razonable que osixene a atmosfera e rebaixe a polarización política. En todo caso, o diálogo sempre é preferible á confrontación.”