A AELG reivindica o respecto á memoria literaria e persoal das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas fronte a calquera intento de manipulación da súa obra

A AELG, da que Luísa Villalta fixo parte e mesmo integrou o seu Consello Directivo entre 1993 e 2002, manifesta que debe prevalecer o respecto á memoria literaria e persoal das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas.
Recuperamos este artigo da compañeira Luísa como a mellor maneira de expresar tamén nós hoxe a nosa oposición a calquera intento de manipulación ou distorsión, e reivindicar a lectura atenta da súa obra posta, integramente, a disposición de todos e todas.

PARA QUE SERVEN OS LIBROS
Luísa Villalta

Xa está. Xa pasou o Día. Antón Avilés de Taramancos xa ten a merecida restitución do seu nome, reincorporado por vía da súa propria obra aos fundamentos máis sólidos do noso progreso como pobo. Xa se enteirou todo o mundo, quen nada disto sabían e quen, sabendo, temían, porque é condición dos febles temer mesmo a forza que os vén axudar.
E o noso é un país, se non feble de todo, si desigualado, como esas mesas ancadeiras dunha pata, nas que non se pode a xente debruzar a xeito, porque sempre esvara o prato, cando non emborca o viño e iso si que non ten remedio. Eis para que serven os libros, sobre todo aqueles definitivamente pechados, clasificados e bendecidos co marchamo institucional de benfeitores da patria: póñense baixo a pata problemática, se dan a medida xusta, mellor, e se sobra volume, quítaselle o que faga falta, porque, de non chegaren, abondaría cun prólogo do señor Fraga Iribarne.
Máis isto non se pode facer cos libros de Antón. A memoria está viva e moitos de nós aínda temos na retina o braceo indócil das súas palabras, que digo, do vento tan arrasador como xeneroso que era a súa idea da patria. Pero, por se non se nos crese ou fósemos vítimas dunha raiba irredenta, aí están os escritos dun home que non era un home, que “é un pobo e ninguén o pode domear”. Testemuña, claro, dos tempos en que a palabra “liberdade” non desertara aínda do seu significado máis sincero, aquel que se fixo cromosoma nas células de noso e que desde a Fusquenlla irmandiña se foi transmitindo polos sempre escuros corredores da Historia en que moramos como toupas, para aflorar de cando en vez en bandeiras neboentas como a que hoxe terma da non menos histórica consigna de Nunca Máis.
É certo que defenderse e proxectar o noso futuro nos termos exactos da erudición simbólica que Antón Avilés tece sobre todo no seu último libro, o da fuxida a Harar ou salvación definitiva, é nestes momentos anti-publicitario. A presente histamina primaveral contra un poder abusón non dá para unha revolución. Pero aí está tamén para que serven os libros, para levar as contas pendentes, para poñer ao ar as feridas. Temos no conxunto da obra de Avilés a épica escura dunha vitoria difícil, unha historia colectiva na que ficou encerrada a súa historia persoal, co corazón aínda en vilo, en espera sempre dun capítulo decisivo. Unha historia así non vale para calzar unha mesa.

A Nosa Terra, nº 1.083, páx. 34. Do 22 ao 28 de maio de 2003″

Compostela: actividades do 4 de maio na Feira do Libro 2024

Finalistas do 33º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

“Reunido o xurado do 33º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 10 de maio, venres, ás 19:30 no auditorio do Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 13 de abril de 2024 ás 10 horas en dependencias do Concello de Arteixo, decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
As guerras pequenas, presentada baixo o lema “Chichabel” e con autoría de Clara Isabel Rodríguez Giráldez;
As regras, presentada baixo o lema “Cardeñoso” e con autoría de Antía Yáñez Rodríguez;
Eivas, presentada baixo o lema “Isaac Ferguson” e con autoría de Óscar Reboiras Loureiro.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
No acto de entrega contaremos coa presenza do xurado, quen fará unha valoración sobre as obras premiadas así como sobre a presente edición do Certame. Eis un avance:
“O xurado valora que nesta edición se teña contado cun grande número de relatos de calidade. Tamén quere resaltar unha importante heteroxeneidade de estilos, a variedade dos temas a tratar e a orixinalidade no tratamento dos mesmos.”
Ademais contaremos con outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Paty Lesta, unha lembranza da escritora Luísa Villalta (autora homenaxeada no Día das Letras Galegas) e un viño de honra ofrecido polo Concello de Arteixo.”

Compostela: actividades do 29 de abril na Feira do Libro 2024

Compostela: actividades do 27 de abril na Feira do Libro 2024

Compostela: Obradoiro de creación literaria Escribirmos na compaña de Luísa Villalta, con Marga do Val

O Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Escribirmos na compaña de Luísa Villalta, impartido por Marga do Val, que contará con sesións especiais a cargo de Cristal Méndez Queizán e Miro Villar, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Obradoiro concibido como un espazo para reflectirmos sobre a creación literaria e para escribirmos na compaña da escritora Luísa Villalta: Nós con ela e ela connosco do outro lado da súa obra. Adentrarémonos nos territorios dos xéneros literarios, no diálogo que establecen entre eles; atravesaremos as súas fronteiras para xogarmos, para vermos como xogou Villalta. Gozaremos coa relación entre a literatura e as outras artes e deixarémonos polinizar por todas elas.
Desde unha reflexión feminista falaremos de e desde a escrita da autora e das súas circunstancias; da responsabilidade como asinante dun texto e da recepción da obra. Non esqueceremos os seus ensaios nin as súas columnas.

Terá lugar no CSC Maruxa e Coralia (Praza de Salvador Parga, 4), en Santiago de Compostela.
Hai 18 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, no correo electrónico oficina@aelg.org.

Calendario e horarios

Sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.