Compostela: presentación de Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa

O venres 11 de xullo, ás 12:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), terá lugar unha roda de prensa na que se presentará o novo libro de Carlos G. Reigosa, Kid Salvaxe, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira

O venres 4 de xullo, ás 20:00 horas, no Restaurante Rúa (Rúa de San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, preséntase Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Roberto Noguerol e Manuel Bragado.

O Premio Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo gañador do Premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo Illa Soidade, publicado no xornal diario Faro de Vigo do que é colaborador. No artigo, Manuel Bragado repara, como todos os días e todas as noites, nun vello que vive na rúa, no centro de Vigo e reflexiona, cunha coidada lingua e unha tensión que convida á lectura, sobre os “sen teito” ao tempo que, desde a imaxe do home da rúa Urzáiz faise preguntas sobre o seu pasado, as razóns que conducirían a súa vida e mesmo sobre o seu futuro, nun artigo de corte social e forma literaria que toma o título da novela da escritora An Alfaya, Illa Soidade. (…)
O premio Fernández del Riego está convocado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés e está dotado con 6.000 euros.”

Ourense: presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

O luns 30 de xuño, ás 20:15 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30) de Ourense, o Foro La Región e Edicións Xerais organizan a presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan Gonzalo Iglesias Sueiro e Manuel Bragado.

A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira

Desde Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”

Cerceda: presentación de Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira

O sábado 21 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Cerceda, terá lugar a presentación do libro Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Laura Rodríguez Herrera presidirá a Asociación Galega de Editores

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A asemblea extraordinaria da Asociación Galega de Editores, celebrada este 16 de xuño na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, decidiu por unanimidade dos socios asistentes a elección de nova xunta directiva da entidade, resultando elixida presidenta Laura Rodríguez Herrera, de Hércules de Ediciones, que viña desempeñando o cargo de secretaria da entidade. É a segunda muller que accede á presidencia no transcurso de 30 anos. Estará acompañada na executiva da AGE por Xosé Aldea Meizoso, de Ouvirmos, como Vicepresidente; Gemma Sesar Ignacio, de Editorial El Patito, como Secretaria; e María Jesús G. Sanjurjo, de Rodeira-Edebé, como Tesoureira. Exercerán como vocais Xulio Amigo Estrada, de Editorial Galaxia; Antón Lado Lago, de 2.0 Editora; Benigno Paz Ramos, de Kns Ediciones; Manuel Bragado Rodríguez, de Edicións Xerais) e Francisco Sánchez, de La Voz de Galicia.
Laura Rodríguez Herrera expresou que asumía o cargo polo compromiso da súa editorial coa entidade e tamén pola súa aposta persoal dos últimos anos. Manifestou que aínda que carecía da experiencia de toda unha vida dedicada ao traballo editorial, aportaría a súa visión para encetar un tempo novo necesitado de constante renovación. O xa expresidente, Manuel Bragado Rodríguez, de Edicións Xerais, manifestou o seu apoio e o da editorial que representa á nova presidenta. Bragado é, dende hai poucas semanas, o novo presidente de Culturgal.”

Bertamiráns (Ames): presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

O martes 17 de xuño, ás 20:30 horas, no Café Ferlós (Praza da Mahía, 5), de Bertamiráns (Ames), a Libraría Lenda e Edicións Xerais presentan o libro Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan José A. López Silva e Manuel Bragado.